A folga de fame contra a condena a tres sindicalistas supera os 10 días tras unha fin de semana solidaria do mundo da cultura

“A folga de fame contra a condena a prisión a tres sindicalistas que participaron nun piquete en 2009 cumpriu este luns, 3 de decembro, 10 días despois dunha fin de semana no que o mundo da cultura amosou unha vez máis a súa solidariedade coa clase traballadora galega. A sexta quenda, formada polo secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro, e por Marcos Sánchez, da CIG-Construción de Ferrol, permanecerá sen comer até o vindeiro mércores ao mediodía. As mostras de solidariedade do mundo da cultura e de distintas organizacións políticas e sociais e as foron a tónica xeral da segunda fin de semana na caravana instalada fronte á Audiencia Provincial de Pontevedra. Escritores/as como Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz ou Xavier Alcalá, ademais do presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, visitaron os folguistas o domingo. Tamén se achegaron representantes da Asociación Socio Pedagóxica Galega (ASPG) e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística. Ademais, os músicos e escritores Xurxo Souto e o Leo i Arremecághona aproveitaron a visita solidaria para amenizar a protesta coa súa música.” Desde a CIG.

Santiago: concentración-mitin Galiza, pola soberanía, os dereitos sociais e os servizos públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude

Distintas entidades do país, a CIG, Adega, Organización Galega de Montes en Man Común, BNG, FRUGA, Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AS-PG, Galiza Nova, Liga Estudantil Galega, Comités, Plataforma en Defensa dos Servizos Sociais Públicos, Galiza Cultura, MEU e a Rede Galega de Empresas, diante das graves consecuencias que para a clase traballadora e para a soberanía do noso país vai traer a recente Reforma da Constitución Española, convocan un acto público en formato de concentración-mitin, que terá lugar o vindeiro sábado, día 17 de setembro, ás 18:00 horas, na Praza da Quintana, en Compostela, baixo o lema Galiza, pola soberanía, os dereitos sociais e os servizos públicos. Esta reforma da Constitución é unha fraude. Este é o contido do Manifesto para o acto público: Manifesto Acto Publico 17 de Setembro.

Carballo: Praza dos libros, actividades do sábado 28 e domingo 29

Dentro das actividades da Praza dos libros de Carballo, o sábado 28 de agosto, ás 20:30 h., A lingua que queremos, presentación conxunta dos libros Lingua e futuro, coordinado por Goretti Sanmartín, publicado en Laiovento, Lingua de calidade, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicado en Xerais, e Estudos xurídicos sobre o decreto para o plurilingüismo, coordinado por  Luís Villares, publicado en Laiovento. No acto participan os autores acompañados por Silvana Castro.
O domingo 29 de agosto, derradeiro día da feira, ás 18:00 h., preséntase o libro Galiza en Suíza. 50 anos de presenza galega en Suíza, publicado pola CIG, coordinado por Xurxo Martínez Crespo, que participará no acto acompañado por Marianne Hellfer.