Crónica fotográfica do Roteiro literario pola Coruña arredor de Francisco Fernández del Riego, con Ramón Nicolás

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro literario pola Coruña arredor de Francisco Fernández del Riego con Ramón Nicolás, celebrado o pasado 22 de abril. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

A Coruña: recital de Diana Varela Puñal e Khédija Gadhoum no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 24 de abril, ás 20:00 horas, no Auditorio do Centro Ágora, continúa o Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido polo Concello da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Diana Varela Puñal e a poeta tunesina Khédija Gadhoum.

Roteiro literario pola Coruña arredor de Francisco Fernández del Riego, con Ramón Nicolás, o 22 de abril

O Roteiro literario pola Coruña arredor de Francisco Fernández del Riego, con Ramón Nicolás, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

O Roteiro terá lugar o sábado 22 de abril, ás 12:00 horas, na cidade da Coruña. As persoas interesadas deben inscribirse previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes. Haberá un máximo de 40 prazas dispoñíbeis. Na confirmación desa inscrición indicarase o punto de saída concreto.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.

Yolanda Castaño lanza o seu primeiro audiolibro, Materia

“O pasado xuño e tras oito anos sen publicar un novo libro de poesía para público xeral adulto, vía a luz en Edicións Xerais Materia, o sétimo título de Yolanda Castaño. En poucas semanas esgotábase a edición de mil exemplares e o poemario da autora compostelano-coruñesa alcanzaba unha segunda edición, un feito pouco usual para as cifras da poesía culta en Europa.
Como vén sendo habitual na traxectoria da tamén xestora cultural, o poemario está a piques de saír do prestixioso selo de Visor Libros para o resto de España e Latinoamérica. Farao nunha edición bilingüe galego-castelán que inclúe a tradución da propia autora e unha fermosa portada dos artistas galegos de puxante proxección internacional Los Bravú.
Pero, ademais, o libro –que trata en verso o tema da familia na súa proxección pretérita, presente e futura– alcanza agora unha edición en Audiolibro: un formato baseado na escoita dos poemas que o compoñen, recitados pola propia Castaño sobre suxestivas atmosferas sonoras expresamente creadas para cada peza polo seu irmán, Alberto Castaño, a carón doutros colaboradores.
Este formato audible é de acceso libre e gratuíto a través da propia páxina da poeta. O proxecto recibiu a finais do pasado ano unha Axuda á Creación Artística do Concello da Coruña cuxo resultado agora poden gozar todas aquelas persoas interesadas en escoitar os poemas.”