Fernando Castro Paredes gaña o Premio García Barros

Desde Faro de Vigo:
“A Estrada ten xa un nome e un título para asinar unha nova páxina na historia do Premio de Novela Manuel García Barros. A obra Entomoloxía para misioneiros, do tapiego Fernando Castro Paredes foi escollida na xornada de onte polo xurado encargado de fallar este prestixioso galardón, un dos de máis tradición e peso nas letras galegas contemporáneas co que se honra a memoria do célebre Ken Keirades.
O xurado estivo integrado por Iria Collazo López, Patricia Arias Chachero –presente a través de videconferencia–, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez. Todos eles reuníronse onte na sala de xuntas do Concello da Estrada para deliberar sobre cal sería a peza vencedora na trixésimo quinta edición do certame.
Unha vez valoradas as 22 obras presentadas, a decisión do tribunal foi concederlle o premio por maioría á novela de Castro Paredes, da cal destacaron “a ambición estética dunha narración que conxuga a fórmula do relato de aventuras cunha historia de procuras interiores na que se torna esencial o contraste dos mundos de Occidente e Oriente”.
Tamén se puxo en valor a súa arquitectura “moi elaborada que inclúe epístolas, informes e outras modulacións do discurso”. “Entomoloxía para misioneiros ábrese á reflexión sobre grandes cuestións como a oposición fe/ciencia, a problemática da identidade ou a realidade da (in)comunicación entre outros asuntos palpitantes, que fan desta novela un artefacto literario de xenuína e poderosa voz”, destacou o xurado.
O edil de Cultura, Juan Constenla, aproveitou a ocasión para remarcar “a calidade de todas as propostas presentadas na presente edición” e puxo en valor a realización dun certame que supón –dixo– “un fantástico escaparate para moitos escritores e escritoras ao mesmo tempo que mantén vixente a figura dun dos grandes literatos estradenses como é Manuel García Barros”. (…)”

Laura Cid Rascado gaña o III Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi

Desde Cultura Galega:
“Laura Cid Rascado (Vigo, 1999), graduada da Facultade de Belas Artes de Pontevedra en 2022, resultou a gañadora da IIIª edición do Premio de Álbum Ilustrado Alberte Quiñoi, convocado polo Concello da Estrada en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta e a editorial Galaxia. De entre a vintena de traballos presentados, a obra titulada Maruchi e o gancho convenceu por maioría ao xurado, formado por Tamara Andrés, poeta, Armando Requeixo, crítico literario, Óscar Villán, ilustrador, Carlos Loureiro, exercendo de secretario, e Sara Valcárcel, responsable de Comunicación e Novos Proxectos de Editorial Galaxia.
Segundo se comunicou onte coa lectura do ditame na casa de Xuntas do Concello da Estrada, o xurado quixo destacar neste álbum ilustrado que “é unha historia que se entretece perfectamente a través de texto e imaxe, tecida con ritmo, claridade e ollada poética. Presenta un nó que a protagonista ten que desenredar o cal se vai enfiando de xeito equilibrado, tenro, humorístico, perspicaz. Trátase, ademais, dun álbum ilustrado perfectamente apto para todos os públicos”. A gañadora recibirá un premio en metálico de 4.000 euros.”