Allariz: II Festa do Libro Galego, do 12 ao 14 de outubro

Allariz acollerá esta fin de semana a segunda Festa do Libro Galego na que se porán á venda as últimas novidades en galego. Organizada polo Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Anselmo Lorenzo e a libraría Aira das Letras. Desenvolverase na Praza de Abastos, cun horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. (o sábado pola mañá, se chove, non haberá feira). O programa literario é o seguinte:

Venres 12 de outubro:
13:00 h. Inauguración da Festa por Miguel Anxo Fernández e entrega dos premios do concurso de micro-relatos Aira das Letras.
19:00 h. Presentación do libro Olladas, de Adelaida Vidal, Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2011.
Sábado 13 de outubro:
18:00 h. Presentación do cómic Titoán, premio Castelao de banda deseñada 2011.
19:00 h. Presentación do libro Queer-mos un mundo novo, de Teresa Moure. Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011.
Domingo 14 de outubro:
13:00 h. Presentación do libro infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, e lectura contada do mesmo.

Allariz: Outlet do Libro Galego, do 31 de marzo ao 8 de abril

Desde Cultura Galega:
“O Concello de Allariz, a Libraría Aira das Letras e a Asociación Galega de Editores promoverán entre o 31 de marzo e o 8 de abril o Outlet do Libro Galego de Allariz. A iniciativa, que se celebrará na Praza de Abastos, porá a disposición dos clientes 648 títulos galegos a prezos que oscilarán entre os 3 e os 15 euros, canda lotes de cinco títulos por 10 euros. Canda a oferta de venda, organizaranse diversas actividades de animación e dinamización cultural.”

Xosé Manuel González Reboredo gaña o XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

ACTA DO XURADO DO XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS

“Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.- Valorar o incremento de orixinais presentados, así como a súa calidade científica e ensaística.
2.- Conceder o XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Cando os homes non poden, que axuden os santos e co título Os santos titulares de parroquia en Galiza. Pasado, presente e perspectivas de futuro. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Xosé Manuel González Reboredo, domiciliado en Santa María de Biduído-Ames.
Trátase dun rigoroso ensaio no que se analiza a antigüidade e a singularidade do sistema galego das advocacións parroquiais comparado co de diversas áreas da Península Ibérica. Nesta obra reivindícase a inclusión dos santos titulares das freguesías como patrimonio cultural galego, máis alá dos valores especificamente relixiosos.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 10 de marzo de 2012″

Castro Caldelas: entrega do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais a Carlos Callón

O sábado 22 de outubro, ás 12:00 horas, no salón nobre do castelo de Castro Caldelas, terá lugar a entrega do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, dotado con 6000 euros, e organizado polo Concello de Castro Caldelas, o Concello de Allariz, a Fundación Sotelo Blanco e a Fundación Vicente Risco, e que se lle outorgou, nesta edición, a Carlos Callón pola obra titulada Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media.

Convocadas as bases do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Co fin de honrar a memoria de Vicente Risco e asemade axudar á consolidación da nosa cultura e á normalización lingüística do galego, os concellos de Allariz e Castro Caldelas e mais as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco convocan o dotado con 6.000 euros (1.500 euros por cada un dos organizadores) e que se ha rexer polas seguintes

BASES

Primeira.– Poderá concorrer ao premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego elaboradas polo ILG e a RAG e aprobadas polo Parlamento de Galicia. Os textos presentados, amais de seren inéditos, totalmente orixinais e sen poderen estar publicados nin traducidos en ningún dos formatos dixitais que ofrece internet, han tratar do estudo do ámbito galego sempre desde o punto de vista das ciencias sociais (antropoloxía, historia, sociolingüística, economía, socioloxía, etc.), tendo unha extensión mínima de cento cincuenta páxinas e unha extensión máxima de trescentas páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espazo. Valorarase especialmente que o estilo expositivo se adecúe aos usos habituais do xénero ensaístico.
Segunda.– De cada texto presentaranse cinco copias antes do día 30 de decembro do 2011, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San Marcos, 77, 15820 Santiago de Compostela.
Terceira.– Cos orixinais, que irán precedidos polo título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure por fóra o lema e que conteña o nome completo, DNI, enderezo e teléfono do autor, así como o título do libro; indicando no sobre XVII PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS.
Cuarta.– O xurado estará composto por cinco membros que, relacionados co mundo da cultura, serán nomeados polas catro entidades convocantes. Un deles actuará de secretario. O premio outorgarase por maioría de votos.
Quinta.– A composición do xurado darase a coñecer na primeira quincena do mes de decembro.
Sexta.– A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer na segunda quincena de febreiro e a entrega do premio realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Allariz en data que se comunicará oportunamente.
Sétima.– O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.
Oitava.– Os gañadores do premio nalgunha das súas edicións anteriores non poderán concorrer nesta convocatoria.
Novena.– Sotelo Blanco Edicións, segundo acordo coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación, sen limitación de número de exemplares nin de edicións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en todas as linguas coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada.
Décima.– Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren destruiranse.

A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.

Santiago de Compostela, setembro do 2011

As bases poden descargarse aquí en formato pdf: Bases do XVII Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais.

Carlos Callón gaña o XVI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

“Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz), Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco) e Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) acordou por unanimidade:
1.-Valorar a calidade científica e ensaística dos traballos presentados.
2.-Conceder o XVI PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo presentado co lema Tombo de Celanova e co título Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser Carlos Manuel Callón Torres, domiciliado en Bertamiráns-Ames.
Neste ensaio o autor reflexiona sobre a problemática da homosexualidade masculina e feminina na Idade Media, a partir do corpus lírico do galego medieval (particularmente as cantigas de escarnio e maldicir) e de textos historiográficos e xurídicos. Analízase con detalle o nacemento dos prexuízos homófobos nos séculos XI e XII e a súa posterior consolidación na Baixa Idade Media.
Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora publicaraa Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 26 de febreiro de 2011.”

A nova recóllese en Galicia Hoxe, Galiciaé, A Nosa Terra e Cultura Galega.