Crónica fotográfica do recital Versos na Baixamar 2024, en Barreiros

Estas son algunhas das fotografías do recital Versos na Baixamar en Barreiros, que tivo lugar o 26 de maio, iniciativa da AELG e o Concello de Barreiros. A crónica fotográfica completa (obra de Alba Díaz) pode verse aquí.

Versos na Baixamar en Barreiros 2024

Versos na Baixamar en Barreiros 2024 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo.

O domingo 26 de maio, ás 12:00 horas, na Escola de Reinante, co gallo do Día das Letras Galegas, terá lugar a cuarta edición do ciclo poético Versos na baixamar, que consistirá nun recital poético-musical a cargo de Eva Veiga, Uxía, Beatriz Dourado, Lois Pérez e Lucía Ferro.

Durante o mesmo tamén se fará a entrega de premios do Certame das Letras Galegas, e terá lugar a actuación da Orquestra Infantil Sinfónica no Rural.

Crónica fotográfica do recital Versos na Baixamar 2023, en Barreiros

Estas son algunhas das fotografías do recital Versos na Baixamar en Barreiros, que tivo lugar o 21 de maio, iniciativa da AELG e o Concello de Barreiros. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Recital Versos na baixamar en Barreiros 2023, o domingo 21 de maio

Versos na Baixamar en Barreiros 2023 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros e a Deputación de Lugo.
O domingo 21 de maio, ás 12:00 horas, nas Escolas de Reinante, co gallo do Día das Letras Galegas, chega a III edición do ciclo poético Versos na baixamar, que xuntará nesta súa terceira edición a poesía de Oriana Méndez, Olalla Cociña e Estíbaliz Espinosa, nun acto conducido polo narrador oral e poeta Lois Pérez, que tamén intervirá no recital.

Crónica fotográfica do recital Versos na Baixamar 2022, en Barreiros

Estas son algunhas das fotografías do recital Versos na Baixamar en Barreiros, que tivo lugar o 22 de maio, iniciativa da AELG e o Concello de Barreiros. A crónica fotográfica completa (a autora das fotos é Alba Díaz) pode verse aquí.

Recital Versos na baixamar en Barreiros 2022, o 22 de maio


O Recital Versos na baixamar en Barreiros 2022 é unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros.
O domingo 22 de maio, co gallo do Día das Letras Galegas, chega a II edición do ciclo poético Versos na baixamar, programa que fará parte dos actos de conmemoración do 17 de maio, adicado nesta ocasión a Florencio Delgado Gurriarán. Nel confluirán a poesía, a música e a palabra, da man e o talento dalgunhas das mellores e máis novas voces da Mariña e a poesía galega, así como figuras a nivel internacional.
Na baixamar do domingo 22 de maio buscaremos o eterno si do mar, aquel do que falaba Homero. Porque na baixamar a maré retírase e deixa espazo á poesía e ao verso, que florece por si só: recitado, falado, cantado, dito… Celebrado.
Versos na baixamar xuntará nesta súa segunda edición a poesía das focenses Paula dos Anjos e Natalia Alonso, que destacan pola frescura e a calidade da súa poesía e contará coa presenza dunha das poetas galegas con maior proxección internacional do país e o resto do Estado, Yolanda Castaño. A poeta, actriz e programadora cultural, habitual dos festivais internacionais de poesía e traducida a varias linguas, porá a guinda a un programa que mira cara adentro e cara fóra, aspirando a consolidarse no panorama da poesía galega. Todo, nun acto conducido polo narrador oral e poeta Lois Pérez, que tamén intervirá no recital.
En caso de choiva, o acto levaríase a cabo na Casa de Cultura de Barreiros.

Crónica fotográfica do recital Versos na baixamar, o 17 de maio, en Barreiros

Estas son algunhas das fotografías do recital Versos na baixamar en Barreiros, que tivo lugar o 17 de maio, iniciativa da AELG e o Concello de Barreiros. A crónica fotográfica completa (a autora das fotos é Alba Díaz) pode verse aquí.

Obradoiros para o ensino e recital Versos na baixamar en Barreiros

Os Obradoiros para o ensino e recital Versos na baixamar en Barreiros son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello de Barreiros.

Con motivo do Día das Letras Galegas 2021 dedicado a Xela Arias, terán lugar dúas actividades no Concello de Barreiros.

Está pendente de confirmar a forma de inscrición para participar como público no recital poético, sempre seguindo as medidas sanitarias vixentes en cada momento.

10 de maio.
Obradoiros arredor da figura de Xela Arias Cada día a familia, impartidos por Andrea Barreira nos dous Centros de Educación Primaria de Barreiros. Dirixido unicamente ao estudantado destes centros.

17 de maio.
– Ás 18:00 h., no Centro Sociocultural de Barreiros (Rúa Veiga), terá lugar a primeira edición de Versos na Baixamar, recital poético que contará coa participación dalgunhas das nosas mellores poetas e voces máis novas da Mariña: Olalla Cociña, Paula dos Anjos e o chairego Daniel Irimia, xunto ao coordinador da actividade, Lois Pérez.