Manuel López Rodríguez gaña o X Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey de Fornelos De Montes

“Na tarde do 18 de xaneiro tivo lugar no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o X Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía do concello de Fornelos de Montes, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente, e os vogais Inma Otero, Mercedes Queixas, Lucía Novas e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo da correspondente deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría o premio ao poemario presentado baixo o título Baixo terra. No ar, texto que se impuxo aos outros trinta e un traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Manuel López Rodríguez.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O Premio que é unha iniciativa do concello de Fornelos de Montes lugar natal do escritor Lueiro Rey, chega agora a súa décima edición.
Edicións Xerais de Galicia será responsable da publicación do volume gañador, que se presentará publicamente no mes de xullo.
O xurado destaca a capacidade do autor para construír unha superposición de dous discursos poéticos que responden a dous planos de conciencia. Por unha banda, a evolución íntima e sandadora como un río que procura a superación do drama. Por outra, a descrición sorprendente da brusquidade dunha emoción. O diálogo cun ti, as imaxes en proceso continuo de transformación e o cruzamento entre o subxectivo e o orgánico dotan o poemario de frescura e intensidade.”

Xurxo Alonso gaña o premio Manuel Lueiro Rey de poesía

Desde Nós Diario:
“O gañador desta novena edición do Premio Manuel Lueiro Rey resultou ser o escritor e pintor galego Xurxo Alonso, co seu traballo As vaidosas agonías.
Caracterizado polo verso longo, a habelencia rítmica e o gran abano de voces e citas, o poemario resulta ser, segundo o propio xurado, unha obra de elaborada arquitectura e dunha gran ambición estética. As vaidosas agonías fala da loita do eu ante a ruína dun mundo que se desfai no que se demostra a importancia da palabra.
Xurxo Alonso, pintor fundamentalmente de paisaxes abstractas e conceptuais, é tamén recoñecido polo seu labor de escritor, o cal se viu premiado en numerosas ocasións.
O Premio Manuel Lueiro Rey nace como homenaxe ao ilustre poeta que lle dá nome ao propio premio e ten como obxectivo promover a poesía galega. Na súa novena convocatoria, o xurado destacou o bo nivel dos 37 traballos presentados, así como a gran diversidade temática destes.
O xurado, conformado por Luís Cochón, Emma Pedreira, Xerardo Quintiá, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, xunto coa coordinadora do premio Carmen Carreiro, decidiron outorgarlle o premio a Xurxo Alonso pois, aseguran, o seu traballo impúxose sobre os demais.”

Paula Castro faise co IV Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rei

Desde Nós Diario:
“O xurado da cuarta edición do Premio de Xornalismo Manuel Lueiro Rei, que convoca o Concello de Fornelos, decidiu, por unanimidade, recoñecer o artigo da xornalista Paula Castro, titulado “Mulleres invisibles, mulleres desconfinadas”.
O xurado, reunido de maneira telemática o 25 de febreiro de 2021, e formado por Carme Vidal e Ramón Nicolás, coa presenza da coordinadora e secretaria do premio, Carmen Carreiro, con voz e sen voto, salientou a “solidez” do texto que trata sobre a estigmatización á que están sometidas as mulleres que exercen a prostitución.
“A autora articula, asemade, unha visión crítica e documentada sobre este negocio de explotación sexual e repara sobre o abandono que sofren estas mulleres sen dereitos”, expresa o xurado na acta do concurso.
Paula Castro pon rostro “a persoas abocadas á invisibilidade, ao desprezo social e a unha heroica subsistencia”.
Ademais, o xurado estimou a actualidade da súa temática, a mesura na exposición dos datos estatísticos recollidos e o acaído rexistro literario que abraza.
A entrega do premio, que está dotado de 1.000 euros, decorrerá en Fornelos cando a situación da pandemia o permita.
Paula Castro estudou Historia e Xornalismo na Universidade de Santiago de Compostela. Comezou a súa actividade profesional no xornalismo en A Nosa Terra e desde hai 17 anos traballa como xornalista no Gabinete de Comunicación da CIG. (…)”

Carlos da Aira, gañador da VIII edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

“Na tarde do 28 de novembro tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o VIII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente (que participou da deliberación vía telefónica), e mais os vogais Antón Lopo, Ismael Ramos, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo dunha longa e intensa deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría de votos o premio ao poemario presentado baixo o título A guerra era contra nós, texto que se impuxo aos outros trinta e nove traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Carlos Da Aira Fernández.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa oitava convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e mais a Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey, nun acto de entrega do premio en Fornelos de Montes.
O xurado estimou en A guerra era contra nós o admirable dominio do poema en prosa, a forza das imaxes e o tempero na dicción, que conforman un discurso harmónico e de forte equilibrio interno. Tamén salientou a coherencia na ollada da voz poética, que reflexiona crítica e reveladoramente sobre a condición humana e a súa circunstancia.”

(Foto do autor: Demian Ortiz).