San Sadurniño: presentación de Poesía en feminino. Mulleres do Rural

Desde o Concello de San Sadurniño:
“A área municipal de Igualdade e a Nova Poesía Guitirica promoven a quinta edición do “Recital de poesía en feminino”, que terá lugar nos xardíns municipais o sábado 18 de setembro sábado a partir das 17:30 h. Ao evento asistirán integrantes do colectivo e creadoras e creadores locais que se valen da poesía para reivindicar a igualdade e visibilizar a muller en todos os ámbitos. Ademais, na cita tamén se presentará o libro Poesía en feminino Mulleres do Rural editado polo Concello de San Sadurniño con cargo aos créditos do Ministerio de Igualdade, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de xénero. O volume, con prólogo de Emma Pedreira -que tamén acudirá ao encontro-, recolle as voces das persoas participantes neste proxecto iniciado en 2017, que pouco a pouco se foi convertendo nun referente da produción poética en clave feminina e feminista. Para asistir é necesario reservar previamente no 981 490 0 27 ou ben no correo electrónico veronica.rodriguez@sansadurnino.gal
O V Recital de Poesía en Feminino desenvolverase na parte baixa dos xardíns, ao pé do grande magnolio situado preto da pista multixogos. A poesía rodearase, ademais, da exposición ao aire libre “Nós somos elas” que permanece no espazo ata finais deste mes traída ata San Sadurniño gracias a unha colaboración entre a área de Igualdade da Deputación da Coruña e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Na mostra -composta por grandes paneis impresos- xúntanse os antigos retratos de mulleres feitos polo fotógrafo laxeiro José María Vidal cos versos de 25 poetas galegas actuais.
Entre elas está Emma Pedreira, quen tamén acudirá ao recital deste sábado e quen asina o prólogo do poemario Poesía en feminino Mulleres do Rural editado polo Concello de San Sadurniño. Nel recóllense as máis de medio cento de composicións recitadas nos últimos catro anos, obra de poetas integrantes do colectivo da Nova Poesía Guitirica, pero tamén de nomes de San Sadurniño.
Estas últimas serán as protagonistas da edición 2021, que tira por unha estrutura un chisco distinta para darlle cabida no mesmo acto á presentación do libro e á parte de declamación. As convidadas son Consuelo Picos, Carmen Couce, María Teresa Pouso, Nerea Calvo, Alba Rivera, Xela Barro, Marián Arroyo e (por confirmar) Ángela Arnosa. Entre elas intercalaranse varias pezas ao clarinete tocadas pola novísima intérprete de Igrexafeita Candela Salgado Calvo. Ademais tamén intervirán a propia Pedreira, a concelleira de Igualdade, Ana Belén Breixo, e Antón Tenreiro (Anton de Guizán), un dos promotores do movemento chairego da Nova Poesía Guitirica.
O colectivo é parte fundamental no contido dun libro que, como indica o propio título, vén marcado pola expresión en feminino de todo tipo de sentimentos enfiados pola reivindicación dunha igualdade plena e real, nuns casos por medio do berro firme contra o machismo, noutros como denuncia das reticencias da sociedade a un cambio necesario e sempre como alumbramento íntimo dunha mensaxe de empoderamento, manifestada a través da creación libre de amarrallas patriarcais.
Poesía en feminino Mulleres do Rural sae do prelo cunha tirada inicial de 200 exemplares. Parte desta primeira edición distribuirase de balde no recital e tamén se deixarán exemplares na biblioteca municipal, no CPI e no mostrador do rexistro do Concello, ademais de formar parte dos agasallos institucionais que faga o consistorio en datas sinaladas.”

Obradoiro de creación literaria A vida: unha narrativa, con Henrique Dacosta

O Obradoiro de creación literaria A vida: unha narrativa, impartido por Henrique Dacosta, e cunha sesión maxistral a cargo de Eva Loureiro Vilarelhe é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Concello de San Sadurniño e o patrocinio da Deputación da Coruña e a Consellaría de Cultura e Turismo.

“Coa “pedra sol” e audacia, os viquingos alcanzaron terras descoñecidas. A narrativa é unha sorte de navegación a través dun mar de letras. Se o que queres é pór rumbo a ese territorio, enrólate connosco. Da realidade xurdirá a fantasía, coa imaxinación construiremos mundos modelados ao noso antollo, conseguiremos que os cegos vexan, veremos aos maos lles asomar o seu corazonciño, que nos entre o desacougo cando á protagonista lle espreita o perigo… Porque, o que non ten dúbida, é que a vida toda cabe no noso relato.”

Haberá 8 sesións de 2 horas e media cada unha, en horario de 11:00 a 13:30, que se celebrarán os sábados:
– 28 de setembro.
– 5, 19 e 26 de outubro.
– 2, 9, 16 e 23 de novembro.
Terá lugar nas aulas da Casa da Xuventude de San Sadurniño (Rúa Casal, 13 –como chegar-).

Hai 20 prazas, gratuítas, para maiores de 15 anos, que se adxudicarán por orde de solicitude.
A inscrición poderá facerse, até o 27 de setembro de 2019, no correo electrónico anagavinmerlan@gmail.com ou ben no teléfono 652814144.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

San Sadurniño: III Recital Poesía en feminino

San Sadurniño: recital de poesía en feminino

O sábado 16 de setembro, ás 18:30 horas, no patio interior da Casa do Concello de San Sadurniño (Lugar do Casal nº 16), terá lugar un Recital de poesía en feminino. Ao acto asistirán Xelo Teijido, Mar Beres, Pás Veres e Antón de Guizán, María Xosé Lamas, Xosé Abeledo, Martiño Maseda, Ana Vila Portomeñe, Silvia Pardo e Luz Campello, quen lerán textos poéticos. Tamén participan Noreia Hermida Pérez ao piano e a frauta traveseira, e a cantautora Sandra Tenreiro.