Acta do xurado do VI Concurso Balbino de relatos

Bandeira, Silleda: presentación de Nobelo de luz, de Charo Golmar

O 21 de agosto, ás 19:00 horas, no Auditorio Manuel Dopazo da Bandeira (Silleda), preséntase o libro Nobelo de luz, de Charo Golmar, publicado por Fervenza. En dito acto, a autora estará acompañada por Juan Liñares, membro da directiva da A.C. Vista Alegre; a mestra Marita Casal; a directora do CEIP de Silleda, María Consuelo Rodríguez Costoya; a ilustradora do poemario, Amalia López Brea “Luchi” e a concelleira de Cultura do Concello de Silleda, Mónica González. Así mesmo, contarase co acompañamento musical de Xirandola.

Adolfo Caamaño, novo gañador do premio Modesto R. Figueiredo de narración curta 2020

“O premio de narración curta Modesto Rodríguez Figueiredo, convocado pola Fundación Pedrón de Ouro, fallouse o 6 de marzo no Concello de Silleda, que colabora nesta 46 edición do certame. O escritor e historiador pontevedrés Adolfo Caamaño Vázquez (Barro, 1959) alzouse co galardón polo relato Derradeiras paisaxes do Conde, pola súa proposta orixinal e por abordar un relato histórico xa coñecido –segundo transmitiu o xurado– dende unha perspectiva inédita.
O xurado, que estivo formado por Xosé Ramón Fandiño Veiga, presidente do Pedrón de Ouro; Estíbaliz Espinosa, escritora e gañadora da anterior edición de 2019; a escritora silledense Ana Cabaleiro, en representación do Concello de Silleda; Agustín Agra, escritor en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega; Rubén Eiré, escritor en representación do Pen Clube de Escritores e Escritoras de Galicia, e por David Otero, secretario do xurado e da fundación, tamén destacou a boa documentación deste relato que supón “unha metáfora da decadencia”.
Nesta edición de 2020, que veu retrasando a data do fallo prevista por mor da situación sociosanitaria, tamén se outorgaron dos acceses: para Esteban Brea Castro (Cambre, 1990), polo relato Progresión en escala menor, que aborda unha temática complicada de xeito elegante, cunha proposta anovadora e frescura na narración; e para o profesor e escritor Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962), polo relato Áncora, do que o xurado destacou o ritmo intenso e áxil desta historia de temática marítima, con frescura e argumentalmente ben resolta.
O xurado reuniuse ese mediodía no Salón de Plenos do Concello de Silleda, municipio que colabora nesta edición de 2020, e no que se entregarán –previsiblemente no mes de maio– os galardóns desta 46 edición do certame, ao que concorreron un total de 75 traballos.”