Gañadoras/es da oitava edición dos Premios Follas Novas do Libro Galego


As obras, iniciativas e profesionais gañadoras dos Premios Follas Novas 2023 déronse a coñecer na Gala que se celebrou o 22 de abril, a partir das 19:00 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Os premios foron organizados pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Contan co apoio da Deputación da Coruña, Concello de Santiago, CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos) e Xunta de Galicia.
As trinta e nove obras finalistas desta edición dos premios Follas Novas son o resultado dun proceso de selección de catro fases e que supón unha lectura e valoración completa de toda a produción editorial galega. O proceso supón unha primeira escolla con propostas das tres entidades organizadoras que supuxo a selección dun cento de títulos entre os publicados ao longo de 2022. Dese conxunto de obras, o xurado desta edición fixo unha primeira escolma da que resultaron escollidas as candidatas en cada categoría. Na terceira fase de selección, o xurado escolleu as obras finalistas por cada categoría.
A gala foi presentada por Patricia de Lorenzo, actriz de Chévere Teatro, co seu personaxe das Fillas Bravas, Isaura, e coa participción musical do grupo Noar, segundo clasificado nos Premios Narf.
O presidente da Asociación Galega de Editoras, Henrique Alvarellos, en nome das tres asociacións organizadoras, realizou o discurso institucional, onde falou das “luces e desexos” do mundo do libro en Galicia. Segundo o presidente das editoras galegas é imprescindíbel “un verdadeiro, transversal, sedutor e ben dotado Plan de Lectura en galego. A lectura, e a cultura, debe ser un eixo fundamental das políticas públicas, ao mesmo nivel que as políticas sanitarias, as educativas e as de servizos sociais. Galicia segue á cola das comunidades lectoras do Estado Español”. Alvarellos sinalou que en ausencia deste plan “está a ser cuberta pola acción, moitas veces individual e altruísta, das persoas creadoras, das librarías que estenden o seu horario para dar acubillo a tantos actos, das editoras que organizan, organizamos, todo tipo de accións de activismo cultural, do gran labor dos clubes de lectura, das docentes, do persoal das bibliotecas…”

Premios honoríficos
Os galardóns desta edición foron para Ediciós do Castro, pola Asociación Galega de Editoras; a libraría Númax, pola Federación de Librarías de Galicia, e a escritora mexicana con orixes galega Lydia Cacho, nomeada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega como Escritora Galega Universal.

Ediciós do Castro
O premio da Asociación Galega de Editoras foi para a histórica editorial Ediciós do Castro por ter contribuído de maneira tan decisiva á existencia do libro galego e por unha traxectoria que exemplifica como poucas o compromiso co saber e a literatura galega, cunha extraodinaria importancia histórica desta editorial que agora cumpriría sesenta anos. O premio foi recollido por Xosé Díaz, fillo do fundador da editorial, Isaac Díaz Pardo.

Libraría Númax
O recoñecemento da Federación de Librarías de Galicia foi este ano para a Libraría Númax, de Santiago de Compostela. Segundo a Federación de Librarías, Númax representa todo o que se pode esperar dunha libraría, con inquedanzas, curiosidade intelectual, moitas actividades e integrada nun espazo cultural cunha oferta leva de man cine e libros.

Lydia Cacho
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Lydia Cacho, xornalista mexicana, con raíces galegas, activista feminista e defensora dos dereitos humanos, como Escritora Galega Universal en 2023, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra. A AELG salientou con este recoñecemento o seu traballo sobre o feminicidio en Ciudad Juarez, polas súas investigacións sobre a prostitución infantil.

O xurado desta octava edición estivo formado por Cristina Barbeito Vázquez, David Cortizo Conde, Antonio M. Fraga Allegue, Tensi Gesteira, Lucia Novas Garrido, Montserrat Pena Presas e Nuria Vilán Prado.

Listaxe de gañadoras

PREMIO Á OBRA DE ENSAIO E INVESTIGACIÓN
A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Daniela Ferrández Pérez. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA DE DIVULGACIÓN
Memoria diversaEva Mejuto. Deputación da Coruña

PREMIO Á OBRA DE NARRATIVA
Os seres queridos. Berta Dávila. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA INFANTIL
O neno de lume. Ledicia Costas (autora), Iván R. (Ilustrador). Edicións Xerais de Galicia

PREMIO Á OBRA XUVENIL
A ladroa da biblioteca de Meirás. Eva Mejuto. Edicións Xerais de Galicia

PREMIO AO LIBRO ILUSTRADO
Verme. Federico Fernández. Germán González. Kalandraka Editora

PREMIO AO LIBRO DE BANDA DESEÑADA, GRÁFICO E HUMOR
Roxín Roxal. A daga do conde. Manel Cráneo e Brais Fierro. Demo Editorial

PREMIO Á INICIATIVA BIBLIOGRÁFICA
Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural. Chévere. Kalandraka Editora

PREMIO Á OBRA TRADUCIDA
Léxico familiar. Natalia Ginzburg/ Traducido por María Alonso Seisdedos. Editorial Laiovento

PREMIO AO LIBRO DE POESÍA
Barroco. Antía Otero. Apiario

PREMIO AO LIBRO DE TEATRO
As alumnas. Paula Carballeira. Editorial Galaxia

PREMIO AO LIBRO MELLOR EDITADO
Barroco. Antía Otero. Apiario

PREMIO PROMOCIÓN DA LECTURA
Traballadoras das Bibliotecas Municipais da Coruña

Emma Pedreira: “Prefiro as mulleres contándose a si mesmas, co coñecemento que temos de nós desde núcleo”

Entrevista a Emma Pedreira en Praza:
“(…) – Praza (P): O libro [Os libros que hai en min] xurdiu como un encargo da editora. Como tomaches este reto, como quixeches enfocalo?
– Emma Pedreira (EP): Nun principio fun algo reticente. Fixen moitas preguntas para saber por que eu, como querían que o enfocase, a que público orientalo; a liberdade que me deron en Cuarto de inverno amosoume unha confianza absoluta pero creoume certa vertixe. Quen son eu para falar de libros e como interesar ao público lector sobre o que teño lido durante a metade da miña vida?
Quixen enfocalo a través da empatía, non crear un enxendro pedante pontificando sobre o canon ao estilo Harold Bloom senón ser próxima, explicar con naturalidade a miña relación -que é tan natural- cos libros e coas palabras e coa escrita. Enfoqueino como unha conversa, porque conversar de libros con Jamardo e Cortizo é tal cal este libro, divertido, rexoubeiro, desordenado, cheo de saltos no tempo, de calotes moitas das veces e de esaxeracións, pero cun inmenso amor polo libro, que é o que nos move ás tres e ao meu público lector.
– P: O libro presenta unha Emma Pedreira amante dos libros, como Bibliópatas e Fobólogos. Desta volta son tamén pequenos textos, pero digamos máis persoais. Cal é a relación entre estas dúas obras?
– EP: Á vista do feedback que tivo Bibliópatas e vendo como o meu humor persoal fai que a crítica entre mellor, decidín ser natural, ser autenticamente eu e deixarme ir contándome, igual que fixen nesa obra. Hai unha narrativa máis do eu pero menos ficcional, o que pode convertelo nunha cousa a medias entre a biografía e a autoficción pero está claro que crea unha ponte, pola temática e o ton, con aquel outro libro, co que dialoga moitas veces.
– P: Defíneste como lectora serodia. De nena non che gustaba ler e ademais facíanche limpar o po dos libros do avó. Por que cres que nese momento os libros non che chamaban a atención?
– EP: Creo que obrigarte a facer unha cousa mata a túa curiosidade e converte a cousa nun obxecto de odio. Por iso a rapazada identifica ler (e sobre todo en galego) cos textos das aulas, cun libro de texto máis, e non con lecer, con escolla persoal, con pracer e liberdade.
Se no lugar de limpar os libros tivese que ordenar os clixés e as fotografías do meu avó, se cadra odiaría o fotográfico, igual que de nenas odiamos recoller o cuarto, encartar a roupa ou facer a cama. Vémolo como algo imposto que nos resta tempo de facer o que nos gusta. Cando puiden escoller, volvín a eles, pero cando quixen, como quixen e aos que quixen. (…)”

Entrevista a Emma Pedreira sobre Os libros que hai en min

Entrevista a Emma Pedreira en Radiofusión:
“O traballo editorial de Cuarto de inverno é espectacular. O tratamento dos libros por parte de David Cortizo e Andrea Jamardo é delicadísimo, segundo Emma Pedreira. O sistema literario galego ten un alto nivel e calidade, afirma a autora de Os libros que hai en min: Non padecemos instagramerismo, nin poesía de camisola, de frase bonita que se borra no tempo. En Galicia xógase a experimentar, creando con moita novela negra, moita contística, poesía experimental, con propostas interesantes e innovadoras. A entrevista pode escoitarse aquí.”