Bases do XV Premio de poesía Victoriano Taibo

BASES

“O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, convoca o XV Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 4000€ e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo. Rexerase polas seguintes bases.
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin estar premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 400 versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas.
3. Os traballos presentaranse con letra de corpo 12 a través do Formulario de Participación, ao que se pode acceder a través da seguinte ligazón:

https://forms.gle/zbrZTi1nigBWL2FR7

Nese formulario indicarase o título co que se presenta a obra e pseudónimo escollido pola autora ou autor. Tamén se cargará un arquivo coa obra en formato PDF. O arquivo en PDF non poderá conter datos ou metadatos que identifiquen a súa autoría real.
Enviarase tamén unha copia en papel, con letra de corpo 12 nun sobre pechado identificado polo pseudónimo e o título indicados no formulario. Así mesmo, dentro deste sobre, xunto co traballo, incluirase outro sobre pechado identificado co devandito título que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico). O xurado só o abrirá no caso de ser premiado.
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo
Instituto de Estudos Miñoráns
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 30 de setembro de 2023.
5. Os traballos presentados non serán devoltos e destruiranse tras o fallo do premio.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Dombate e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1000 exemplares editados.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. A persoa gañadora comprométese a impartir un obradoiro totalmente presencial de poesía en Gondomar entre os meses xaneiro e marzo de 2024. O obradoiro terá unha duración de 18 horas e non suporá compensación adicional por gastos de ningún tipo á parte do importe en metálico do premio. O obradoiro poderá facerse de forma telemática no caso de que a persoa gañadora resida fóra de Galicia, feito que deberá acreditarse debidamente. A persoa gañadora tamén se compromete sen custo a formar parte do xurado na seguinte edición do premio en caso de ser solicitado pola organización.
10. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
11. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Xoán Carlos García Porral

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro histórico-literario por Lalín, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023, que guiou Xoán Carlos García Porral o domingo 18 de xuño (as fotos son de Begoña Fernández). A crónica fotográfica completa pode verse aquí:

Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas, gañadoras dos premios literarios Hai unha voz da Deputación de Pontevedra e Clásicas e Modernas

Desde a Deputación de Pontevedra:
“As autoras Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas son as primeiras gañadoras dos premios Hai unha voz, que a Deputación de Pontevedra promove xunto á asociación Clásicas e Moderna ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, co obxectivo de visibilizar e impulsar o talento feminino na cultura e distinguir a pegada das mulleres no eido literario. As tres recibirán os seus galardóns, dotados con 5.000 euros cada un, na gala que se celebrará na Sala Rosalía da sede provincial en Vigo este venres, 23 de xuño ás 19.30 horas, O evento será presentado por tres das integrantes do Manifesto: Mariana Carballal, Silvia Penas e Isabel Blanco, e contará coa actuación musical de Guadi Galego.
No caso de Marilar Aleixandre, o xurado dos premios valorou a indiscutible traxectoria desta escritora, académica da RAG, autora de ensaio, novela para público adulto, xuvenil e con diversos galardóns, “sempre traballando a favor da lingua, da literatura galega e desde un punto de vista ético e feminista”, que se veu referendada co Premio Nacional de Narrativa o pasado 2022 por As malas mulleres. Este libro recolle a memoria das mulleres recluídas no cárcere coruñés da Galera e pon en relevancia o labor de Concepción Arenal e Juana de Vega.
Rexina Vega é escritora, profesora e investigadora e conta cunha sólida traxectoria como autora de narrativa e investigadora especialista na obra de Álvaro Cunqueiro. O xurado destacou os seus artigos na revista Tempos Novos e a súa participación, na curtametraxe documental Cunqueiro. A grande ilusión como unha das voces máis autorizadas para falar do autor. Amais, ao longo de 2022 contribuíu á internacionalización da lingua e cultura galegas coa súa presenza en foros de pensamento, como no webinar auspiciado pola Universidade de Kentucky sobre Álvaro Cunqueiro e congresos en Bos Aires e Varsovia, entre outros.
Pola súa banda, a dramaturga e poeta Esther Carrodeguas ten tamén unha sólida traxectoria literaria e escénica marcada polo compromiso social, o feminismo e a loita pola igualdade. Foi candidata aos Premios Max 2023 pola súa obra Supernormais, que aborda a temática da diversidade e que compaxinou con outros proxectos para colocar o teatro galego feito por mulleres no escalafón máis alto a nivel nacional e internacional. Este ano impartiu tamén un dos cursos da Escola de Letras que promoven a Deputación e a Editorial Galaxia.
Marilar Aleixandre, Rexina Vega e Esther Carrodeguas foron elixidas polo xurado entre un total de dezasete candidatas de distintos eidos do mundo literario, tanto escritoras como tradutoras, críticas ou libreiras, propostas tanto polas integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior como por entidades locais, culturais ou profesionais. O xurado estivo composto por Lucía Muradas, xefa do Servizo de Igualdade da Deputación; a técnica deste departamento Ana Isabel Amoedo e varias integrantes da Comisión de Seguimento do Manifesto de Soutomaior: Paula Cabaleiro, directora de Cultura da Deputación; Mariana Carballal, profesora, actriz e directora; Edurne Baines, periodista e editora; Isabel Blanco, avogada e escritora; Mercedes Corbillón, escritora e editora; Anna R. Figueiredo, escritora e profesora; e Silvia Penas, escritora, poeta e profesora.”

Crónica fotográfica do Roteiro Literario pola provincia de Pontevedra con Xurxo Alonso

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro Literario Vilagarcián, enmarcado nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023, que guiou Xurxo Alonso o domingo 11 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí:

Crónica fotográfica dos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra con María Xosé Porteiro e Anna R. Figueiredo

Estas son algunhas das fotografías dos Roteiros literarios por Lavadores-Calvario e Aconteceu en Moaña, enmarcados nos Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023, que guiaron, respectivamente María Xosé Porteiro, o sábado 3 de xuño, e Anna R. Figueiredo, o domingo 4 de xuño. A crónica fotográfica completa pode verse aquí:

Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023

Os Roteiros Literarios pola provincia de Pontevedra 2023 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra.

Un ano máis, volven as rutas literarias organizadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), en colaboración coa Deputación de Pontevedra. O seu obxectivo é dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas autoras e autores, que exercen de guías tomando como base obras literarias propias ou alleas ambientadas nos diversos espazos da provincia de Pontevedra.
Todos os percorridos serán a pé, cunha duración aproximada de 90 minutos.

A inscrición farase nun formulario dispoñíbel na páxina web da Deputación de Pontevedra. Recibirán confirmación, máximo en 2 rutas por persoa. No resto pasarán á lista de agarda.

Os roteiros son os seguintes:
– Vigo. 3 de xuño. María Xosé Porteiro. Roteiro literario por Lavadores-Calvario. De 11:30 a 13:00. Partida: mercado do Calvario, esquina da rúa Urzaiz coa rúa Cataluña de Vigo.
– Moaña. 4 de xuño. Anna R. Figueiredo. Aconteceu en Moaña. De 11:30 a 13:00. Partida:  Auditorio Celso Parada do Centro Sociocultural Daniel Castelao.
– Vilagarcía de Arousa. 11 de xuño. Xurxo Alonso. Roteiro Literario Vilagarcián. De 11:30 a 13:00. Partida: Praza de Galicia.
– Pontevedra. 18 de xuño. Adolfo Caamaño: O espazo urbano pontevedrés como materia literaria. De 11:30 a 13:00. Partida: praza diante do Estadio de Pasarón (O Burgo).
– Lalín. 25 de xuño. Xoán Carlos García Porral. Roteiro histórico-literario por Lalín. De 11:30 a 13:00. Partida: Igrexa de San Martiño de Lalín de Arriba.