Vigo: actividades destacadas do venres 30 de maio na Feira do Libro

O venres 30 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

18:15 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na caseta da Libraría Andel.
19:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro. Intervirán no acto Armando Requeixo, Luís González Tosar e Víctor Freixanes.
20:00 h. Presentación do libro O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado por Galaxia. Xunto á autora, participan no acto Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Dez, cen, mil veces Díaz Castro, por Mario Regueira

Artigo de Mario Regueira en Sermos Galiza:
“A festividade das Letras coincide sempre cunha abondosa aparición de libros e outros materiais sobre a persoa homenaxeada. Dalgunha forma iso é o mellor e o peor que a celebración trae cada ano. Por unha banda, a capacidade de seguir a marcar os ritmos da industria cultural do país, fomentando en ocasións a recuperación de obras descoñecidas, perspectivas pouco exploradas e materiais inéditos. Do outro lado, a débil liña que separa ás veces a homenaxe do oportunismo, algo que se ten manifestado en máis dunha edición da efeméride a través de tensións editoriais e mesmo persoais.
Nesta ocasión, probabelmente esteamos ante un caso especial. Díaz Castro, autor dun único libro, acadou unha ampla popularidade dunha forma tamén pouco habitual, sendo algúns dos seus poemas amplamente coñecidos, mentres o resto da súa circunstancia e da súa obra permanecía nun discreto segundo plano. A concesión do Día das Letras neste 2014 centra a difusión destes aspectos en persoas e entidades que lle foron particularmente próximas ou que mantiveron vivo o interese no guitiricense durante estes últimos anos, alén de pular para que o grande recoñecemento póstumo da cultura galega se fixese efectivo. (…)”

Outeiro de Rei: actividades da Fundación Manuel María polo Día das Letras Galegas

“Dicía Manuel María que a Terra chá era unha auténtica “patria poética” cun aquel que a facía territorio idóneo para a ensoñación e a creación literaria e que iso explicaba que dela fosen saindo tantos autores e autoras para as letras galegas. Con Xosé María Díaz Castro as letras galegas fanse chairegas e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos anima a achegarse este sábado á comarca de nacemento do autor homenaxeado e á do propio Manuel María.
A Casa Museo Manuel María en Outeiro de Rei -emprazada na que foi casa natal do poeta, a Casa de Hortas -abrirá as súas portas co horario habitual de todos os sábados (11:00 a 14:00 e 16:30 a 18:30 horas) e ofrecerá ás persoas que a visitaren diferentes propostas que buscan facer do Día das Letras unha xornada especial na que Xosé María Díaz Castro será protagonista central.
O auditorio da Casa Museo acolle desde hai varios días unha mostra fotográfica e documental que dá conta da relación literaria e persoal existente entre Díaz Castro e Manuel María. Unha das iniciativas que se proporá ás persoas visitantes da xornada é a gravación da lectura dun poema de Díaz Castro (con cámara, dispositivo móbil, etc). Dáse, así mesmo, a posibilidade de gravar o recitado desde a casa ou desde outro lugar, para que non se puider achegar fisicamente a Outeiro de Rei, e igualmente envialo á Fundación: as gravacións pódense enviar a fundacion@manuelmaria.com. Todas xuntas comporán logo un videopoema colectivo de homenaxe ao poeta dos Vilares.
Outra das propostas que a Casa Museo formula a quen a visitar o sábado é sumarse á moda do selfie fotográfico e autorretratarse incluindo, neste caso, a Díaz Castro e ao propio Manuel María na autofotografía para logo difundir a imaxe nas redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram).
Todas e todos os visitantes da Casa Museo durante a xornada das Letras recibirán como agasallo un exemplar de Terra chá, obra que este ano está de 60 aniversario, nunha edición especial preparada polo xornal chairego Terra cha.xa, a área de Cultura da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos.”

A Coruña: charla de Xesús Manuel Valcárcel sobre Xosé María Díaz Castro

O venres 16 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública González Garcés (Rúa Miguel González Garcés, s/n.) da Coruña, Xesús Manuel Valcárcel falará sobre Xosé María Díaz Castro: poesía galega da paisaxe. Tamén se inaugura a exposición que organiza a propia Biblioteca arredor da figura de Díaz Castro.

A Coruña: actos arredor do Día das Letras Galegas da A. C. O Facho

O martes 13 de maio, a A. C. O Facho organiza dous actos na Coruña co gallo do Día das Letras Galegas:
12:30 h. Oferenda floral nos xardíns de Méndez Núñez, diante do monumento a Curros Henríquez. Falará o presidente d’O Facho, Xosé Luís Rodríguez Pardo, sobre Xosé María Díaz Castro. Na cerimonia haberá musica de gaiteiros.
20:00 h. No local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), Xulio López Valcárcel falará sobre Xosé María Díaz Castro.