Desde a Real Academia Galega:
“Foron creadoras e transmisoras de arte e beleza malia a vida difícil que lles tocou vivir. A través delas, Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía), e Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar –as tres Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños) falecidas hai máis dunha década–, a Real Academia Galega renderalles homenaxe no Día das Letras Galegas 2025 ás cantareiras e á poesía popular oral. Así o acordou a institución na sesión plenaria ordinaria celebrada este mediodía no pazo de María Pita, na que se referendou unha candidatura múltiple representativa “das moitas persoas, sobre todo mulleres, que por toda Galicia coidaron, arrequentaron e transmitiron” unha tradición centenaria que segue a deixar pegada nas novas xeracións. O vindeiro 17 de maio dialogará asemade coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular partindo da tradición recibida, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música.
“A lingua galega continuou viva e vizosa durante séculos, malia as prohibicións e a súa desaparición do espazo oficial, porque o pobo galego a custodiou. En particular as mulleres preservaron a lingua e crearon anonimamente unha poesía popular transmitida nas cantigas das avoas ás netas, das nais ás fillas, dunhas veciñas a outras”, salienta a proposta aprobada. Nela enlázase a celebración vindeira coa deste ano a través dun verso de Luísa Villalta que sintetiza ese herdo transmitido dunha xeración á outra: “As coplas aprendidas na saia da avoa”.
Cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto das rogas, os traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebraba con música e baile. Pero cando a finais do século XIX os coros compilaron as músicas populares, a imaxe que se fixou como icona foi a do gaiteiro que, acompañado co tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas da cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada. Por iso, aínda habendo un enorme número de mulleres que compuxeron e transmitiron cantigas populares, a maioría delas permaneceu no anonimato.
Nas últimas décadas do século XX, o traballo realizado pola musicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina, autores da recolleita e edición nos anos 80 do século pasado da biblia do noso folclore, o Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009), Rosa Casás Rama (1913-2005), tía e sobriña naturais da Vila da Igrexa, lugar da parroquia de Cerceda. Tamén a principios dos 80 Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira quen, canda a súa sobriña, foi a primeira pandeireteira en actuar cun grupo folk. Antes, dende os primeiros 70, actuarían en palcos folclóricos as Pandeireteiras de Mens. A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década nun libro de Beatriz Busto Miramontes editado pola Central Folque, selo que editou tamén outro volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás.
Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo individualmente os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva deostada durante séculos e ameazada polo proceso de urbanización do país. Así e todo, fronte ao que aconteceu noutros territorios, o cancioneiro popular conseguiu chegar cheo de vida ao século XXI, e deixou unha fonda pegada na alta cultura, empezando polos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. A RAG fai agora xustiza con este legado e as súas autoras dedicándolles a gran festa da cultura galega no que será o segundo 17 de maio colectivo, vinte e sete anos despois das Letras Galegas de 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax. (…)”
Arquivos da etiqueta: Dorothé Schubarth
Compostela: Homenaxe a Dorothé Schubarth
Vilalba: conferencia “O legado de Dorothé Schubarth na tradición galega”, por Sabela Olivares
Lugo: Faladoiros da Memoria 2023, o 26 de outubro
Vinculada aos actos dos Premios Mestra e Mestre da Memoria 2023, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
FALADOIROS DA MEMORIA 2023
Homenaxe a Dorothé Schubarth
O acto celébrase no marco da VIII Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria a celebrar en Lugo, co apoio do Concello de Lugo e a colaboración da Deputación de Lugo, o xoves 26 de outubro ás 19:00 h., no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
Coa participación de:
– Branca Villares, música, cantante e recompiladora.
– Richi Casás, músico.
– Sergio de la Ossa, musicólogo, profesor e guitarrista.
– Germán Díaz – Peche Musical
– Presenta e modera: Lois Pérez
Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Dorothé Schubarth
A AELG lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria, Dorothé Schubarth.
Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. Foi directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comezou a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia, cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978).
En 1978 visitou Galicia para coñecer a nosa música popular, mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e o Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo.
Foi galardoada pola AELG como Mestra da Memoria no ano 2019.
No acto, conducido por Antonio Reigosa, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG e Antón Santamarina, quen fixo a laudatio de Dorothé Schubarth.
Deixounos o 7 de setembro de 2023.
Segundo palabras de Antonio Reigosa, “Dorothé Schubarth, muller humilde e sabia, merece ser recoñecida de aquí en adiante polas institucións culturais galegas como Mestra da Memoria como fixo a sección de literatura oral da AELG en 2019, pois o seu traballo resulta fundamental para a difusión universal da nosa música popular e do noso cancioneiro tradicional.”
Aquí pode consultarse o fondo videográfico coas participacións de Dorothé Schubarth no Proxecto Polafías, gravados pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG en 2019; e aquí os correspondentes á Gala do Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019.
Polafías Polavida, ‘Andando os camiños de Galicia’, memoria de Dorothé Schubarth
Desde a sección de Literatura de Tradición da AELG convidámosvos a reunirnos cada día, momentaneamente, arredor da lareira virtual que representa o noso inmenso arquivo.
Hoxe escoitamos a memoria da musicóloga Dorothé Schubarth “Andando os camiños de Galicia na década dos 80 do século XX”, Mestra da Memoria 2019.
Esta gravación foi realizada na Biblioteca do Instituto da Lingua Galega o 25 de outubro de 2019.
Esta é a ligazón ao vídeo.
Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #CulturaNaRede e/ou #aculturasegue.
As historias ocultas no Cancioneiro Galego
Artigo de Irene Pin en Nós Diario:
“A musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou de ferias á Galiza por volta de 1978, coa intención de coñecer a nosa música popular. O que ía ser unha estadía breve transformouse en anos de pescudas e viaxes polo territorio que darían lugar, en 1984, á publicación, xunto a Antón Santamarina, do Cancioneiro popular galego.
Sete volumes froito dun intenso traballo de recollida, análise e clasificación das cantigas tradicionais manteñen vixente o valor desta obra, considerada aínda a día de hoxe a biblia da lírica de tradición oral galega, o máis amplo repertorio musical popular. Un traballo só posíbel grazas aos testemuños das persoas depositarias de todo ese saber popular que tiveron a ben partillar coa investigadora.
Esas son as auténticas protagonistas de Dorothé na vila, un documental que, actualmente en fase de montaxe, está a piques de ver a luz, respaldado co premio Luísa Villalta á promoción da igualdade. Tres son as súas promotoras: Olaia Tubío, Rubén Gasalla e Alejandro Gándara, cuxo interese pola música tradicional bebe da práctica de pandeireta e baile a nivel amador.
En parte, xa traballaran asuntos como a transmisión do patrimonio oral ou os roles de xénero en proxectos previos como Punto e volta. Porén, quedaron coa idea de realizar un documental sobre a situación da música tradicional, mais “era unha idea un pouco vaga, non tiñamos un fío claro nin sabiamos moi ben que queriamos contar”, explica a Nós Diario o propio Gándara.
Foi daquela cando ouviron falar dunhas historias que arrodeaban as gravacións que fixera Schubarth. “Nós coñeciamos o nome de Dorothé, pero practicamente non sabiamos nada dela”, confesa. A raíz daqueles relatos, comezaron a preguntar a persoas que foron recoller. Saían teorías e rumores, “pero sábese moi pouco de por que veu aquí”, explica misterioso o realizador.
Entón acudiron ao propio Cancioneiro, un documento que de entrada impresiona, pois non é un texto doado de comprender. Todo era eminentemente musicolóxico: un sistema de clasificación temático e musical, comparación de variantes de melodías, clasificación de xéneros da música de tradición oral… En xeral, botaban en falta a pegada máis humana.
“Nas letras si que transcenden elementos de como vive a xente que canta, pero botabamos de menos coñecer máis”, comenta Gándara. Tampouco nas gravacións, que consultaron no Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego —polo fondo compromiso da musicóloga con facer accesíbel o seu traballo—, hai conversas, senón que se focan no musical. Investigando, Tubío, Gándara e Gasalla descubrirían que hai detrás moitas historias, fermosas ou duras, que merecían ser contadas. E até aquí podemos ler.
“Tivemos bastantes complicacións no camiño, que tamén aparecen reflectidas” nun resultado final que se debulla en primeira persoa. Iso si, “o documental non vai ser super divulgativo, sobre como é o cancioneiro e o traballo científico, senón que se centra nunha serie de viaxes e experiencias das que foi gravada”, advirte Gándara. Da acción ineludíbel da escolla, elas ficaron coa parte máis emocional, máis humana, máis social.
Pórlle face a estas persoas non sempre foi doado. Schubarth, moi rigorosa no seu traballo, deixou escritos os seus nomes, idades, lugares de procedencia… “Ás veces hai notas que che contan un pouquiño de como puideron ser as gravacións, pequenos detalles cos que quedou ela”, engade Gándara. Foron eses apuntamentos os que lles chamaron a atención para pór o foco nesta historia.
“Podes imaxinar que moita xente hoxe en día xa non está, pero algunha fomos atopando”, confirma. A primeira, que aparece no teaser, é Vitorina de Vilar de Parada, unha cantareira da zona de Carnota. O documental outorga especial importancia ao proceso de relación coas entrevistadas, moitas delas mulleres. Ademais, colgarán outros vídeos de xente que traballou co cancioneiro, explicando aspectos máis técnicos para enmarcar o traballo de Dorothé.”
Compostela: presentación de Transformacións, de Dorothé Schubarth
Crónica videográfica da XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú (II)
A XII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Rimas e letras da música popular. Do Romanceiro tradicional ao bravú, actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, coa que se tentou, cos coñecementos e investigacións de recoñecidas/os especialistas na materia, propoñer unha reflexión ao conxunto da sociedade sobre a evolución da nosa cultura popular. A xornada tivo lugar o sábado 26 de outubro de 2019 no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Mesa redonda: Romances con rima e melodía. Supervivencia do xénero, con José Luís Forneiro e Dorothé Schubarth:
– Conferencia: Novas formas na música popular: Da romaría á festa. Da movida ao bravú, con Xurxo Souto:
– Conferencia: A pegada da violencia contra as mulleres nas cantigas da montaña luguesa, con Branca Villares Naveira:
Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 (II)
A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 tivo lugar o 25 de outubro, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34). O acto, organizado pola AELG, co apoio da área de Cultura do Concello de Lugo, foi amenizado por Germán Díaz.
Para esta sétima edición dos “Premios Mestra e Mestre da Memoria” (cuarta edición da Gala), a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións fíxose na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que se celebrou en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.
No acto, conducido Antonio Reigosa, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antón Santamarina, quen fixo a laudatio de Dorothé Schubarth, e Xosé Luís Freire, quen leu a laudatio de Pablo Quintana.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:
– Laudatio de Antón Santamarina a Dorothé Schubarth:
– Entrega do Premio Mestra da Memoria e agradecemento de Dorothé Schubarth, por Cesáreo Sánchez: