“A indestrutíbel poesía popular”

Entrevista de Daniel Salgado a Xosé Manuel Sánchez Rei en Sermos Galiza:
“Nin “as profundas transformacións que sofreu a sociedade galega” e que modificaron as condicións de existencia da propia poesía popular conseguiron acabar con ela. Así o explica Xosé Manuel Sánchez Rei (A Coruña, 1973), que esta terza feira, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, presentou a escolma Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX (Laiovento).
Máis de 400 cantigas “de vidas, amores, ironías, traballos” debuxan un mundo extinguido pero que sobrevive en verso. “Lembro unha muiñeira, O quer que lle quer, que aparece recollida no cancioneiro de Ballesteros a finais do XIX”, explica Sánchez Rei, “e que lle sentín cantar á miña avoa na casa. Ou en coros e corais do tipo Cántigas da Terra”.
As estrofes compiladas no volume foron extraídas doutros cancioneiros, facturados entre o séculos XVIII e XIX. “Eran magníficos, como o de Saco Arce ou o de Ballesteros, pero xerais, de todo o país ou, como no caso deste último, da provincia da Coruña”, engade, “eu escolmei aquelas pezas relativas á cidade e ao seu ámbito de influencia”. Arteixo ou o desaparecido Concello de Oza, por exemplo.
O esforzo ilustrado foi pioneiro en revalorizar a lírica popular. O Padre Sarmiento ou Cornide Saavedra apañaron as maneiras de cantar do pobo e axudaron a que constase a súa “capacidade de se expresar”. Na introdución do libro, o autor expón como durante os denominados Séculos Escuros e o “Século da Ilustración Galega” a poesía tradicional “consolidouse”. Ademais, continúa “dada a escaseza de textos cultos conservados neste período, a literatura oral conforma unha das principais mostras lingüísticas e literarias”.
“Lingüísticamente resultan moi interesantes”, di Sánchez Rei, profesor na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, “porque estas cantigas, cantadas maiormente por mulleres, a todo isto, reflicten o galego da época”. Adaptadas dentro do posíbel -cómpre conservar as rimas- á ortografía actual, un completo aparello de notas indica lugar de recollida, cancioneiro orixinal ou os cambios introducidos por Sánchez Rei. (…)”

Tabela dos libros (decembro 2017)

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Cos primeiros do mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

O sol dentro da cabeza. Presentación na Coruña”

Desde a páxina web de Suso Díaz:
“O pasado 10 de agosto pechei a Feira do Libro de A Coruña acompañado da prezada amiga, e escritora, Mercedes Queixas Zas, para presentar O sol dentro da cabeza, libro que contén 76 poemas construídos a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares e que publica Laiovento. (…)
As palabras, detidas na brancura dun libro, buscan quen as pronuncie, quen as faga novamente súas para medrar cos sentimentos recobrados e espallarse polos baleiros onde fica a ilusión adormecida. Resulta moi gratificante achegarse os lectores, pescudar no ollar esa lume que alampea coa sonoridade dun verso, coas imaxes dun poema. (…)”

O sol dentro da cabeza. Presentación en Lobios”

Desde a páxina web de Suso Díaz:
“O pasado 4 de agosto presentábase por primeira vez o meu libro O sol dentro da cabeza que publicou Edicións Laiovento, na colección de poesía Vento Alto. (…)
Xoán Carlos Domínguez Alberte agasallounos cunha presentación que me emocionou, e que comparto aquí co seu permiso. Só podo dicir, GRAZAS, grazas irmán. (…)
O libro que agora presentamos, O sol dentro da cabeza, vai acompañado dun aclarador subtítulo que di así: 76 poemas creados a partir das lecturas da obra narrativa de Carlos Casares.
Sabido de todos e todas é que o escritor orixinario de Xinzo de Limia é a figura en quen se comemoran as Letras Galegas este ano. E convén lembrar isto agora, a 4 de agosto, porque o sentido desta celebración non é o de ‘pasou o día e pasou a romaría’ –en referencia ao 17 de maio–, senón de afirmación e cultivo da nosa lingua ao longo de todo o ano.
A través deste libro, entón, Suso Díaz realiza un exercicio de creación e recreación a partir dos mundos e dos soños vivenciados, unha e outra vez, polo autor limiao.
O diálogo coa tradición é unha fecunda práctica que, no noso caso, se remonta xa aos albores da literatura galega contemporánea. Pois non se esqueza que os Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, establecen un vivo diálogo con toda a cultura popular. (…)”