Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Ledicia Costas: “Para min a literatura é unha ferramenta para intentar comprender este mundo que estamos construíndo”
Desde Xerais:
“O Telexornal – Galicia, de RTVE, emitiu unha entrevista coa escritora Ledicia Costas sobre o libro Infamia, publicado por Xerais na colección Narrativa. A noticia pode verse nesta ligazón.”
“Brooklyn non é máis importante que O Calvario”
Artigo en Atlántico Diario:
““Vigo é unha cidade aberta, cosmopolita, pero tamén cunha importante tradición, algo que é moi valorado por todo aquel que escriba; dende o punto de vista literario, Brooklyn non é máis importante que O Calvario, pese a que teña maior dimensión”. Fran Alonso (Vigo, 1963) abriu o debate, organizado na Feira do Libro. O director de Edicións Xerais convidou aos tres escritores, a opinar sobre esa hipotética relación entre a cidade e a literatura. Antes de sentar a falar entre eles, fixérono para Atlántico.
Ledicia Costas, Manuel Esteban e Pedro Feijoo comparten a súa profesión e a súa orixe (todos naceron en Vigo en 1979, 1975 e 1971, respectivamente). Asemade todos teñen obra que transcorre nas súa rúas. “Resúltame moi gratificante escribir sobre unha cidade que coñezo tan ben como Vigo”, afirma Ledicia Costas, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2015. A súa última novela, Infamia (2019), está localizada en Beade, parroquia onde estudou a secundaria e o bacharelato. Aínda que a primeira vez que incorporou Vigo de xeito deliberado á súa narrativa foi con Jules Verne e a vida das mulleres planta” (2016): “Nese momento empecei a coñecer un Vigo extraordinario que me ensinou outras realidades fantásticas”, asegura a escritora, que ve no carácter híbrido da urbe un punto de exotismo moi atractivo. “Suma un casco vello moi rico e unha periferia con moitas historias”.
Manuel Esteban é autor de dous títulos, A ira dos mansos” e O meu nome é Ninguén, con tramas que suceden en Vigo: “Esta é unha cidade de fronteira, arraiana, pero tanto xeograficamente como dende o punto de vista emocional e social”. Sinala que o medramento rápido trouxo consigo historias e experiencias da nova xente: “Daquela había moito desarraigo e falla de identidade, algo moi interesante para un escritor; agora a situación xa cambiou, porque hai case máis nativos”.
Mais Esteban sinala este novo aspecto como una explicación do interese que desperta Vigo e a súa historia: “Xustifica en parte o éxito das novelas que falan da cidade, a xente quere historias que teñan que ver con Vigo; forma parte desa masa crítica que queren facer bandeira”.
Ao igual que Ledicia considera que os escritores tenden a coller como referentes as realidades máis achegadas: “Aínda que se procure a universalidade, non fai falla ir moi lonxe, hai moito sustracto en Vigo; cando eu quixen escribir sobre o Down tiña material de sobra, de primeira man”.
A popularidade de Pedro Feijoo chegou cunha historia que tiña moito desta cidade, Os fillos do Mar (2012) e repetiu con Os fillos do Lume (2017). O ano pasado publicou Camiñar o Vigo Vello, unha auténtica homenaxe ao barrio histórico. ¨Para el o carácter literario de Vigo explícase polo súa carga emotiva: “Eu escribo de Vigo porque é a cidade na que nacín e porque son neto do meu avó (o xornalista Manuel de la Fuente) e teño o becho dentro que me leva a transmitir a nosa historia, e se fose doutro lugar escribiría dese sitio”.
Para Feijoo, a boa acollida que están a ter as novelas ambientadas nesta cidade ten dúas posibles respostas: “Fronte ao discurso de que en Vigo non hai historia, amosouse o contrario; e por outro lado, entáblase un diálogo, onde antes faltaba unha das partes, a quen lle trasmitir, pero o relevo xeracional levou a que os vigueses xa sexan nacidos en Vigo e se interesen polo seu barrio, queren saber”.
Onte, Pedro Feijoo foi o último en incorporarse ao debate. Chegou de inaugurar os roteiros pola cidade, que como o ano anterior volveu completar as plazas ofertadas: “Nesta ocasión, cambiei o itinerario completamente; ao situar a Feira do Libro no comezo de Príncipe, tan lonxe do Casco Vello, facemos un percorrido por fóra das murallas, porque Vigo é moi amplio e a cidade está chea de curiosidades””
Ledicia Costas: “Infamia é un libro que se constrúe de xeito paralelo ás noticias máis duras, pero nel tamén hai ocos para a luz”
Desde Xerais:
“O programa Mediodía Cope Vigo, da Cadea Cope, emitiu unha entrevista coa escritora Ledicia Costas sobre a novela Infamia, libro publicado por Xerais na colección Narrativa. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón.”
Xabier Paz: “Un dos fíos importantes da vida de Galileo foi a súa relación coas mulleres”
Desde Xerais:
“O programa Con voz de, de Radiovoz, emitiu na súa sección A noite necesaria unha entrevista con Xabier Paz sobre o libro: Galileo no espello da noite, publicado por Xerais. A súa intervención pode escoitarse nesta ligazón.”
O puño e a letra, un diálogo entre poesía e banda deseñada
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Falamos de Yolanda Castaño, que participará na próxima edición de ‘Viñetas desde o Atlántico’ para falar do seu libro O puño e a letra, un diálogo entre a poesía e a banda deseñada. Castaño seleccionou 40 poemas dos seus 25 anos de traxectoria e propúxolles que os ilustrasen a outros tantos autores e autoras de banda deseñada. O libro é o primeiro exemplo de ‘comic poetry’ de noso e pode lerse tamén como unha antoloxía do comic galego: entre os ilustradores hai nomes como Xaquín Marín, Miguelanxo Prado, David Rubín, Manel Cráneo ou Los Bravú. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Carballo: actividades destacadas do 13 e 14 de xullo na Praza dos Libros 2019
Finaliza a edición de 2019 da Praza dos Libros, organizada polo Concello de Carballo, que terá lugar no Xardín Municipal do 11 ao 14 de xullo, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. Dentro dos actos previstos para este fin de semana, destacamos os seguintes:
Sábado 13
– 11:00 h. Un paseo entre viñetas, obradoiro de iniciación á banda deseñada a cargo de Manel Cráneo. Prazas limitadas.
– 11:30 h. Presentación de Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela Puñal, publicado por Laiovento. Presentada por Fernando Cabezas Quiles.
– 12:30 h. Concerto-presentación do libro-disco Cores, contos e Rock’N’Roll, de Pakolas, publicado por Kalandraka. Coa colaboración de Laura Romero.
– 19:30 h. Sinatura de libros a cargo de Alberto Varela Ferreiro (Ulf de Jakobsland. Os viquingos en Galicia, Xerais); Xan Fraga (Carballo na memoria, Phottic/Galaxia); e Isabel Villanueva (O galego mola, Hércules).
– 20:00 h. Sinatura de libros a cargo de Miguel Ángel Alonso Diz e Laura Tova (Música no faiado, Xerais); Fernando Calvo Trincado (O vello dos chupetes, Círculo Rojo); e Xabier Maceiras (Antoloxía das Confidencias de Picadillo).
Domingo 14
– 11:00 h. Presentación de Nas cortinas do tempo, de José Antonio Andrade, publicado por Embora. Acompañado por Santiago Pazos e Xosé Manuel Varela.
– 12:00 h. Manuel Rivas presenta Contra todo isto e Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, publicados por Xerais. Participa, xunto ao autor, Xosé Ameixeiras.
– 13:00 h. Sesión vermú con Aldaolado (Lucía Aldao e María Lado): Cría fama e bótate a correr.
– 18:30 h. Concerto-presentación do libro-disco As viaxes de Paio e Aurelio, de Oviravai, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Presentación de As ramonas, de Ana Cabaleiro, publicado por Galaxia. Participa xunto á autora Mercedes Queixas.
– 21:00 h. Presentación de Un peixe no parqué, de Ramón Vilar Landeira, publicado por Xerais. Participa Xurxo Chapela.
Ponteareas: actividades literarias destacadas na Feira do Libro 2019 para os 13 e 14 de xullo
Ramón Vilar Landeira: “O que marca o escenario post-crise é un cambio mental”
Entrevista de Montse Dopico a Ramón Vilar Landeira en Praza:
“(…) – Praza (P): Non é nin novela nin libro de relatos propiamente [Un peixe no parqué]. Nin é algo relevante a mestura, en realidade. Non é, por suposto, a primeira vez que se fai isto, mais tampouco é o máis habitual…
– Ramón Vilar Landeira (RVL): Iso é parte do xogo: xente próxima sempre me escoitaba dicir que para min era imposible facer unha novela, facían chanzas polo pequeno tamaño do que escribo… Cando empecei con este libro, na miña cabeza era unha novela, pero no proceso decateime de que era un libro de relatos… Mais si, para min non é importante se é novela ou libro de relatos, aínda que si haberá xente á que lle pareza relevante. Hai xente que considera que un libro de relatos é un quero e non podo facer unha novela… Non sei. Eu penso que pode ser unha novela frustrada, ou un libro de relatos, ou simplemente literatura.
– P: Varios relatos falan sobre a morte. Desde o primeiro, sobre os familiares que falecen en maio, ata un dos últimos, sobre o home que sabe que van matalo nuns minutos. A consciencia da morte como parte da vida, e a súa aceptación, están moi presentes no libro. E o paso do tempo, en relación con isto.
– RVL: O libro acaba de saír e hai poucas entrevistas, chegáronme comentarios de pouca xente… Mais si, o que dis é un tema para min central no libro, que case ninguén destaca. Non é un ensaio, non é a morte como leit motiv tampouco, pero si hai unha consciencia da fuga do tempo, que vai irremediablemente ligada á morte. Supoño que ten que ver con que ata certo punto maduramos, cumprimos anos, polo camiño vai quedando xente á que queremos, e iso vai conformándote como persoa.
Quero dicir que a consciencia da morte non é normalmente igual aos 20 que aos 40 e pico anos: sabes que está aí, si, e que é parte da vida. E iso tamén axuda a centrarse, a saber cales son as túas prioridades, e a tentar vivir a vida da mellor maneira posible. E despois hai outra cuestión, que é que eu crieime na aldea, e pode haber aí unha diferenza cultural en canto ao xeito de entender a morte. A aldea de hoxe tampouco é a aldea de hai 40 anos, mais había unha asunción máis natural da morte, formaba máis parte do día a día. Agora hai máis temor á morte porque se afasta á xente da morte: xa non hai velorios na casa…
– P: “Combinada coa esperanza, a desmemoria colectiva é un combustible para sobrevivir”, di o narrador nun dos relatos. Que quere dicir?
– RVL: A memoria é necesaria, pero no día a día tamén hai que practicar un pouco de desmemoria para que non se volva insufrible. Quero dicir que, para poder atender aos problemas e á vida cotiá, tamén hai que facer un pouco de desmemoria, porque non podes vivir permanentemente encabronado co mundo. A desmemoria é necesaria a título particular. A título colectivo xa non o creo. (…)”