Compostela: presentación de Soños. Arquivos. Cartas, de María do Cebreiro

A terza feira 8 de maio, ás 20:00 horas, en Numax (Rúa Concepción Arenal, 9), en Santiago de Compostela, María do Cebreiro presenta Soños. Arquivos. Cartas, publicado por Xerais. No acto participan, xunto á autora, Fran Alonso e Xiana Arias.

Feira do Libro de Santiago 2018: actividades destacadas do 3 de maio

O 3 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:30 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Concerto-presentación de Eu cociño, ti cociñas?, de Mamá Cabra, publicado por Galaxia.
19:00 h. Sinatura Nuria Díaz, ilustradora de Pioneiras. Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez, na caseta da Libraría Aenea.
20:00 h. Presentación O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro, publicado por Galaxia. No acto, o autor estará acompañado por Manuel Portas e Carlos Lema.

Entrevista a Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey sobre a súa biografía de María Victoria Moreno

Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey fálannos nunha entrevista do seu libro homenaxe á autora das Letras de 2018: María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Xosé Luís Axeitos e Xosé Benito Reza gañan o Losada Diéguez de ensaio e creación

Desde Sermos Galiza:
“A biografía de Manuel Antonio e Terradentro, unha novela con misterio sobre a desaparición do mundo campesiño, veñen de ser recoñecidas co premio Antón Losada Diéguez. O galardón, que se fallou este sábado na Casa do Concello de Boborás, outórgase a obras publicadas e atinxe así a súa edición número 33.
Xosé Luís Axeitos (Asados, Rianxo, 1945), académico e ensaísta, é o autor de Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais, 2017). O primeiro repaso integral á obra e á vida do autor de De catro a catro valeulle o Losada Diéguez na modalidade de investigación e ensaio. “Con este libro o profesor Axeitos culmina o seu proxecto de nos presentar a Manuel Antonio”, di a xustificación do xurado, “o poeta vangardista e o cidadán liberado de convencionalismos, sempre á procura da liberdade”.
Este “extraordinario traballo de investigación” acompaña a primeira novela de Xosé Benito Reza (Celanova, 1956) nas distincións do Concello de Boborás. Terradentro (Xerais, 2017), unha obra atravesada de memoria e certa intriga, “escrita nun galego de grande riqueza e cunha firme raíz na variante lingüística ourensá”, “achega un mundo a piques de desaparecer”.
Para o xuri, o traballo de Benito Reza inclúe “personaxes moi ben trabados” cun “ritmo áxil e atractivo”. “Terradentro recolle o mellor da narrativa galega do pasado, en concreto a descrición dos lugares e dos accidentes xeográficos, introducindo novidosos elementos de avangarda que fan da novela o retrato literaturizado da realidade da Galiza interior”, conclúe.
Os premios entregaranse o vindeiro 9 de xuño en Moldes. Do xurado da XXXIII edición dos Losada Diéguez fixeron parte Ana Patricia Torres, Diego Fernández, Manuel Doval, Chus Pato, Francisco Calo, Pegerto Saavedra, María Teresa López, Xosé Manuel Salgado e Henrique Costas.”

Feira do Libro de Santiago 2018: actividades do 1 e 2 de maio

O 1 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h. (o mércores 2 finalizaría ás 14:00 e 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado e domingo:

Terza feira 1
12:00 h. Contacontos ilustrado María Victoria Moreno. Vida e obra, con Eli Ríos.

Cuarta feira 2
19:00 h. Presentación de Choiva de ras, de Ánxela Loureiro, publicado por Xerais.