Fariña prohibida

Artigo de Armando Requeixo en Criticalia:
“Estes días correu como a pólvora a nova de que o libro de Nacho Carretero Fariña, publicado pola madrileña Libros del K.O., ficaba secuestrado como medida cautelar por orde dunha xuíza de Collado Villalba. A maxistrada respondía deste xeito a unha demanda do exalcalde do Grove, José Alfredo Bea, quen acusa a Carretero e a súa editorial dun delito de “inxurias e calumnias”.
Principiaba así un novo episodio de interdición literaria que non só está a conseguir que o conxunto social se posicione a prol de Carretero e a libre circulación da obra, senón que está logrando convertela nun bestseller cunha moi exitosa proxección televisiva.
Porque a Historia da Humanidade está chea de exemplos de libros que foron prohibidos. (…)
A medida cautelar promulgada contra o libro Fariña de Nacho Carretero ten paralizada tamén a saída en galego do libro por Xerais, que agarda poder lanzala ao mercado caso da resolución xudicial permitilo.
E é que a prohibición de textos polos xulgados non é tampouco unha historia nova entre nós. Abondará con recordar un exemplo: o procesamento de Manuel Curros Enríquez por “atentar contra do libre exercicio dos cultos” cos versos de Aires da miña terra (1880), que lle reportou unha condena de dous anos, catro meses e un día e unha multa de duascentas cincuenta pesetas, da que o librou Serafín Temes, o demócrata ourensán que pagou a súa fianza, sendo absolto o poeta despois mercé á defensa do xurista Luciano Puga. (…)”

Entrevista a Manuel Gago sobre O exército de fume

Desde Galicia por Diante, da Radio Galega:
“«Esta novela é unha mestura de historia, ficción e lenda ambientada no ano 1942, cando dúas guerras ocultas en Galicia acaban xuntándose.» Entrevista en Galicia por Diante sobre O exército de fume. Pode escoitarse aquí.”

Noites de safari de Marleen Malone, por Emma Pedreira

Artigo de Emma Pedreira na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Faltar faltan textos narrativos eróticos no noso sistema literario e, de poñernos lilás, faltan textos narrativos eróticos galegos escritos por mulleres conscientes e reclamantes dunha sexualidade digna e en clave de xénero, é dicir: textos conacentristas. Se ben algunha editora fai o seu esforzo (Positivas dá ao prelo cada dous anos o resultado dun certame adicado á temática), en poesía estamos servidas. Case non nos damos remexido entre a profusa produción poética que hai arredor da fame ou da vida dos nosos abaixos en verso libre e isto contraponse coa xa pesadísima imposición narrativa dos abaixos deses señores que se despepitan para ensinarnos como escribir e mesmo tamén como escribir sobre o que nos ferve no lugar de ebulición (e non falo do cerebro, nin das musas, nin nada diso que entra en efervescencia no momento de escribir).
Son moi escasas as señoras narradoras que deciden escribir de xeito desinhibido sobre (o seu) sexo e erotismo e, se cadra, isto é debido aos prexuízos que sempre se dan sobre a obra feminina: o autobiografismo. Todo o que sae ao público asinado con nome de muller será rigorosamente filtrado por unha tendencia biográfica onde parte do narrado ten que devir de parte do vivido como se non soubesemos ficcionar. E así, calquera fala de como lle gusta –ou non, o asunto-.
Se cadra é por iso que Iolanda Zúñiga sae a medias con Marleen Malone nisto das gañancias do seu Noites de safari. E na responsabilidade de se todo falla. Porque de lelos, estes libros deberían lerse en horizontal e cunha soa man e non consultando a foto e a biografía e a Wikipedia da autora e, se cadra buscar o anonimato dun alias refrenda ese noxo que sentimos nosoutras cando ficcionamos e desde a crítica tratan de retratarnos domésticamente.
Noites de safari é un libro de relatos e máis un libro de caza. Un tratado de fauna de costumes nocturnas. Tamén un “espello de príncipes”, ese manual medieval de conduta que empregaba a fábula para adestrar futuros señoritos, retratando un xeito concreto de actuar para logo dicir: así non.
Zúñiga ou, mellor dito, Malone desmárcase do erotismo autocompracente e sensual onde algunhas autoras volven colocar as súas protagonistas embaixo dos depredadores sexuais ou tratan de achegar unha conduta sexual propia que é pouco menos que incrible e idealizada. (…)”

Street Poems, de Fran Alonso: unha viaxe mundial pola poesía do graffiti

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Street Poems é o último poemario infantil de Fran Alonso. Unha viaxe por graffitis de todo o mundo que demostran que a poesía aparece nos lugares máis insospeitados. Pode verse a entrevista aquí.”

Emma Pedreira: “Tamén temos seres mitolóxicos femininos malvados”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Tamén temos seres mitolóxicos femininos malvados”. A intersexualidade de Romasanta no centro de Besta do seu sangue, a novela coa que Emma Pedreira gaña o Premio Xerais. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Redondela: actividades destacadas para o 9 e 10 de xuño na Feira do Libro 2018

O 10 de xuño finaliza a Feira do Libro de Redondela (na Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

9 de xuño
19:00 h. Ledicia Costas asina exemplares de As peripecias de Extravaganzza Pérez e outras obras súas.
20:00 h. José Manuel Ledo Santiso presenta o seu novo libro de relatos Camiño, publicado por Ir Indo.

10 de xuño
12:00 h. Beto Luaces asina exemplares de Vicus na caseta da Libraría La Imprenta.
18:30 h. Actuación infantil Cantares das Letras, de Rosalía a María Victoria Moreno, de Luís Vallecillo.