Desde
o Zigzag da Televisión de Galicia:
“Marilar Aleixandre publica Ovella descarreirada, composta por 33 poemas que convidan a abandonar o camiño agardado e que seguen a liña que xa é o fío común de boa parte da súa obra: a deconstrución e reelaboración de mitos. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
Pontevedra: actividades do mércores 15 na Feira do Libro
O
mércores 15 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Feira do Libro de Pontevedra 2015:
– 18:00 h. Contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz arredor dos libros de Nova Galicia.
– 18:45 h. Lectura pública de libros de Fina Casalderrey e sinatura de libros.
– 20:00 h. Manuel Portas presenta o seu libro Amor en alpargatas, publicado por Edicións Xerais. Acompáñano Susana Pedreira e Manuel Bragado.
Entrevista a Mercedes Leobalde arredor de Funambulistas
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A escritora Mercedes Leobalde fálanos dos relatos e personaxes de Funambulistas, publicado en Xerais. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Antonio Tizón: “Pretendín desembarazarme dunha vez das miñas vivencias máis patolóxicas, dos traumas máis propios da miña enfermidade”
Entrevista
de Montse Dopico a Antonio Tizón en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): A antesala luminosa é novela negra, mais tamén outras cousas. Ti mesmo chámaslle novela mulata. Querías facer unha novela de xénero negro, pero diferente?
– Antonio Tizón (AT): O de novela mulata ocorréseume cando Emma Pedreira, a primeira persoa á que lle propuxen presentar a novela na Coruña, díxome que ela tiña prezuízos contra a novela negra. Respondinlle que non se preocupase, que a miña era unha novela mulata. Porque, en última instancia, pretendín facer unha mestura de xéneros, de estilos e de intencionalidades. A novela é a mestura dunha media novela negra -con moitos dos trazos típicos do xénero- cunha media novela que algún crítico cualificou de iniciación e que, en todo caso, a min me parece máis ben de formación. Elixín o formato de novela negra por varias razóns.
En primeiro lugar, porque son dende sempre un lector empedernido deste tipo de novelística, dende logo antes da aparición de fenómenos literarios como Diego Ameixeiras ou Domingo Villar (De feito, A antesala luminosa empecei a escribila en 1998 e remateina en 2004, antes do boom galego). En segundo lugar, elixín este xénero porque me parece axeitado se o que se quere é contar historias entretidas, aínda que só sexa porque sempre hai un crime, unha intriga… En terceiro lugar, porque me parece o formato máis axeitado se o que se quere -como eu quería, máis nas próximas entregas da serie ca nesta- é retratar unha sociedade caracterizada pola corrupción e a impunidade. E en cuarto lugar, porque a novela negra pode servir tamén de pretexto para falar dos temas que a un máis lle interesan; no meu caso, o tema da loucura, fundamentalmente.
Sigo co de mulata. A novela é mulata tamén porque mestura tramas, narradores e estilos moi distintos. Basicamente hai dúas tramas e dous narradores que se entrelazan, un en primeira persoa, ó máis puro estilo de novela negra (“Tamén os donos dos prostíbulos me debían favores que eu sempre cobraba en especie”), e outro en terceira, omnisciente e multiselectivo, coa intención de obxectivar a visión subxectiva dun dos dous personaxes principais da novela. Unha novela que mestura tamén a realidade coa ficción, a autobiografía coa imaxinación. E, por último, e xa facendo un chiste fácil que remite a algo moi serio, a novela é mulata porque está chea de mulatas, que ten moito que ver con outro tema fundamental do libro, o da prostitución -non en van ilustra a portada-. (…)
– MD: O libro ten, en efecto, bastante de autobiográfico. Nese sentido, é frecuente que a crítica comente que o autor debe distanciarse o suficiente de si mesmo para escribir unha boa novela. Que pensas diso?
– AT: Nin que dicir ten que o libro ten moito de autobiográfico. O motivo fundamental é que pretendín desembarazarme dunha vez por todas dos meus demos interiores, dos meus medos, das miñas vivencias máis patolóxicas, dos traumas máis propios da miña enfermidade. Non estou de acordo con iso de que o autor debe distanciarse de si mesmo para escribir unha boa novela. Sen chegar ata os extremos de Pío Baroja, que creo que foi quen dixo aquilo de que “todo o que non é autobiografía, é plaxio”, si creo que toda boa novela ten sempre algo ou moito de autobiografía porque do que un pode falar con máis profundidade, honestidade e coñecemento é do que un xa vivíu, xa experimentou, xa reflexionou, e xa descubríu sobre o asunto o suficiente como para decidir compartilo cos demais.
– MD: Frente a un relato combinado con diálogo sitúase o libro escrito polo propio Gustavo sobre a súa vida, como comentabas antes. Por que esa dobre estrutura? O libro de Gustavo está escrito cunha extraordinaria lucidez, malia todo. Quero dicir, que el analiza perfectamente a súa propia enfermidade…
– AT: O dos narradores distintos obedece á mestura de xéneros que pretendín. Pode haber quen pense que están intercambiados, que o máis lóxico sería que a parte do inspector aparecera en terceira persoa e a de Gustavo Gallego en primeira porque é un relato autobiográfico. Precisamente por iso decidino así, para vencer o pudor, para atreverme a espirme, para disimular un pouco as miñas vergonzas. Pero tamén porque Gustavo Gallego hai veces que se cre un deus omnisciente e multiselectivo, igual co narrador dos capítulos pares. (…)”
A Coruña: presentación de Coller as rendas, de Yolanda Castaño
O
sábado 11 de abril, ás 18:30 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), terá lugar o contacontos para pequen@s lector@s arredor do libro Coller as rendas, de Yolanda Castaño, ilustrado por Xosé Tomás, publicado por Xerais.
Betanzos: Carlos Callón presenta Atravesar o fantasma no ciclo Os poetas teñen a palabra
O
venres 10 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, dentro do Ciclo Os poetas teñen a palabra, terá lugar a presentación do libro Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, publicado en Xerais.
Cuestionario Proust: Miguel Sande
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Miguel Sande:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A invisibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade (inclúe educación e respecto).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– Esa mesma, a invisibilidade.
5.– A súa ocupación favorita?
– As máis das veces correr.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Tomar un bo café (e entón ler).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Algunhas poderían ser grandes desgrazas.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, non coñezo outro.
10.– A súa cor favorita?
– A do mar, cambiante.
11.– A flor que máis lle gusta?
– En especial as máis sinxelas.
12.– O paxaro que prefire?
– O que (ferido) non poida voar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Quen traballan frase a frase, parágrafo a parágrafo coma quen pica na pedra.
14.– E na poesía?
– Eugénio de Andrade (outro: Peixoto; agora tamén o último de Berta Dávila).
15.– Un libro?
– Imposible.
16.– Un heroe de ficción?
– Non teño.
17.– Unha heroína?
– Tampouco non teño.
18.– A súa música favorita?
– Neste momento o hardcore; trashcore. Megadeth.
19.– Na pintura?
– Son máis de fotografía.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Ninguén. Non creo niso.
21.– O seu nome favorito?
– A persoa fai o nome.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A tardanza (mesmo a propia).
23.– O que máis odia?
– Que me berren.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– As de quen “obraron” para pasar á historia.
25.– Un feito militar que admire?
– Militar, só por esa condición ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Un que me aprendera a apreciar máis a pintura, un Van Gogh, un Leopoldo Nóvoa, por exemplo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Neste momento, a esta idade, de ningunha.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A serenidade, a pesar de todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Se son defectos, todos.
30.– Un lema na súa vida?
– Non teño.”
Redondela: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
martes 7 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Redondela, dentro da Semana do Libro de Redondela, preséntase Océano para terrícolas, unha parolada-concerto para embarcarse nas mil travesías do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais.
Antonio Tizón: “Entendo que a literatura significa espirse por dentro”
Desde
Xerais:
“A Cadea SER Galicia emitiu unha entrevista ao escritor Antonio Tizón sobre a súa novela A antesala luminosa, publicada en Xerais. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.
