Anxos Sumai e Berta Dávila, Premios da Crítica en narrativa e poesía

Desde Sermos Galiza:
“Os Premios da Crítica, que cada ano outorgan a Asociación Española de Críticos Literarios veñen de recoñecer os nomes de autores e autoras gañadoras da nova edición que, no caso da lingua galega recaeron en dúas mulleres, Berta Dávila e Anxos Sumai.
Co Premio da Crítica, Berta Dávila súmalle ao seu libro de poesía Raíz de fenda un novo galardón, despois de ter recibido xa o Johán Carballeira. A autora que o pasado ano publicou tamén a novela O derradeiro libro de Emma Olsen (Galaxia) e o álbum infantil A fuxida (Biblos) recibiu tamén o premio á mellor autora do ano nos Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores. Raíz de fenda é tamén candidata a mellor libro de poesía nos premios da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. O libro de Dávila conseguiu ademais a singular marca de ter esgotado a primeira edición en só un mes. “Non sei se mudei ou se o libro me mudou a min porque se deu tamén un cambio na maneira de afrontar a escrita. Que trate temas importantes para min como perdas ou ausencias fixo que desbotase máscaras, trampas ou artificios que usaba para escribir. Tratei de escribir este libro quitando en lugar de poñendo, limpando o que sobraba, o que estaba de máis, esas ferramentas da que se bota man polo seu efecto e non pola súa pertinencia. Estimaba que tiña que facer un texto honesto, directo e limpo. Ese escribir non coma quen lanza unha pedra senón coma quen a lima é o intento que fixen e nese sentido supón unha grande mudanza”, ten explicado do seu libro.
Pola súa parte, a Anxos Sumai, a novela A lúa da colleita déralle xa a alegría do premio García Barros ao que agora se engade o da Crítica como mellor obra de narrativa galega que se deu a coñecer en Logroño. A novela de Sumai é tamén finalista aos premios da AELG que se entregarán o vindeiro 3 de maio. No seu novo título, a escritora situouse, como xa ten feito en repetidas ocasións na súa traxectoria literaria, na fronteira. “No inicio foi nos límites da realidade e a ficción, logo na propia familia e agora na percepción, cando o propio corpo crea limitacións ou aperturas á vida. Aí está o xogo, a evolución, explorando no mesmo territorio” sinalou Anxos Sumai cando recibiu a noticia do García Barros, á maneira de presentación da novela, unha obra na que autora afronta unha “forma de narrar máis descritiva, máis pausada e reflexiva, recreándose nos detalles e na importancia da literatura como evocación”.”

Reproducimos aquí o texto de Olivia Rodríguez:

“A AECL, da que fai parte a Sección de Crítica Literaria da AELG, deu a coñecer os Premios da Crítica 2014, resultando gañadoras as autoras:

Narrativa
A lúa da colleita, de Anxos Sumai, Galaxia, Vigo, Editorial Galaxia, 2013.
Trátase dunha novela curta, de personaxes, na que os espazos -un horroroso edificio de apartamentos ao bordo dun cantil desde o que se abre a Ría de Arousa, e un estudo de pintor nos arrabaldes de Madrid- personifícanse e cobran significados simbólicos. A protagonista volve a un lugar do seu pasado de adolescente nos anos 70, para separarse de si mesma e refacerse xuntando os anacos rotos, vinte anos despois. O lector vai descubrindo aos poucos, a través de episodios sinistros e soños enigmáticos, que o tema da novela é o da tolemia, diseccionada artisticamente na súa dobre vertente de sufrimento e dereito a vivir á marxe da lóxica. A narración deixa un rastro poderoso de sensacións físicas: o olor, a luz, o movemento dos paxaros e o mar; á vez que acrecenta un inesgotábel buraco negro, do que xorden todos os medos.

Poesía
Raíz da fenda, de Berta Dávila, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2013.
Poemario que dota dunha renovada linguaxe temas recorrentes na poesía galega actual, como a orixe, a casa, a identidade. Con aparente sinxeleza exprésanse a través da corporeización experiencias de dor psíquica representadas por gretas ou fisuras: a familia non escollida, a morte de quen amamos, o desamor e a reconstrución do eu… A creación poética nace do desexo de pechar esas fisuras. A autora ten habilidade para ir en busca da “palabra xusta”, e sorprender cos seus mil significados, en capas superpostas, profundando nelas.”

Santiago: actividades destacadas do luns 28 de abril na Feira do Libro

O luns 28 de abril continúa a Feira do Libro de Santiago (no Parque da Alameda), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

19:00 h. Presentación do libro Contra a morte das linguas. O caso do galego, de Miguel Moreira Barbeito, publicado por Xerais. Xunto co autor, participarán no acto a escritora Teresa Moure e Manuel Bragado.
19:30 h. Pedro Feijóo asinará exemplares do seu libro A memoria da choiva, publicado por Xerais.
20:00 h. Presentación do libro Historia das mulleres galegas, de Pepe Carreiro, publicado por Baía Edicións. Xunto co autor, participará no acto Belén López Vázquez.
20:00 h. A escritora Berta Dávila, asinará exemplares do seu libro Raíz de fenda, publicado por Xerais.

Ledicia Costas: “Nos meus libros sempre están presentes as persoas diferentes”

Entrevista a Ledicia Costas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Por que lle atraeu esta temática [Recinto Gris]?
– Ledicia Costas (LC): Estiven case dous anos lendo sobre a Segunda Guerra Mundial, vendo documentais e lendo moitas novelas, ensaios e enciclopedias. Dese traballo de documentación empapándome de cousas, saíron esta novela e un libro de relatos titulado Un animal chamado Néboa, que tamén vai publicar Edicións Xerais este ano, centrados na Segunda Guerra Mundial.
– LVG: ¿Que tén a obra de actualidade?
– LC: Están agromando movementos radicais de dereita en Europa e paréceme un fenómeno moi preocupante. Creo que a sociedade en xeral hoxe en día está enferma. Estamos pasando por un momento moi complexo. Escribín a obra por iso. Nos programas de ensino case pasan de longo do holocausto. Creo que é necesario que o profesorado se esmere un pouco neste tema tal e como vai esta sociedade para que o coñezan os estudantes. (…)
– LVG: Que sente cando escribe?
– LC: Tomo a escritura como un traballo. Escribo moitas horas ao día. Fago una xornada laboral practicamente completa. Non creo nas musas. Creo no traballo e na evolución a base de horas diante do ordenador, do dicionario e da lectura.”

A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, unha das tres obras finalistas do Premio AELG de Narrativa

Os premios da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega chegan á décimo quinta edición. As obras finalistas, publicadas en 2013, foron escollidas polos 437 socias e socios da AELG, que nunha segunda fase tamén decidirán as gañadoras, que se darán a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o 3 de maio no Teatro Principal do Concello de Pontevedra.
Tras os votos emitidos na primeira quenda, quedou como unha das tres finalistas do premio de Narrativa 2013 A memoria da choiva, de Pedro Feijoo (Xerais).

Madrid: presentación de Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña

O venres 25 de abril, ás 18:30 horas, no Salón de Actos da Biblioteca Histórica Marqués de Valdecilla (R/ Noviciado 3, Madrid), o Centro de Estudos Galegos da Universidade Complutense de Madrid, dentro da IV Semana Complutense de las Letras, presenta Conciencia política e literatura galega en Madrid (1950-2000), de Ana Acuña, publicado en Xerais. No acto, presentado por Carmen Mejía, participan, xunto á autora, Vicente Araguas, Fermín Bouza e Antón Patiño.

Elena Gallego: “O labor que fai Marta Vilas na miña novela achégase bastante á realidade que se vive na redacción dalgúns medios galegos”

Entrevista de Raquel Feijoo a Elena Gallego en Tempo de Lecer Ourense, desde Xerais:
“(…) – Tempo de Lecer (TdL): “O primeiro cadáver apareceu aboiando nas augas calmas da ría…” Con este comezo, que podemos esperar de Sete Caveiras?
– Elena Gallego (EG): Unha novela trepidante, chea de acción. Esa primeira frase é unha declaración de intencións. Con Sete Caveiras eu quería “apostar forte” dende a primeira liña de texto. (…)
– TdL: Hai algo de Elena Gallego en Marta Vilas, ou ó revés?
– EG: É moi difícil escribir unha novela sen aportarlle algo da túa personalidade e vivencias, pero Elena Gallego e Marta Vilas son dúas mulleres xornalistas moi diferentes. Eu nunca traballei na sección de sucesos, coma ela, e non quero nin imaxinarme no seu lugar. Pero apetecíame escribir unha novela negra e darlle protagonismo a unha muller, e aínda por riba xornalista. Abofé que xa ían sendo horas. (…)
– TdL: É vostede unha escritora coñecida e recoñecida pola saga fantástica Dragal, coa que conseguiu o cariño e a complicidade do público xuvenil -e tamén do que xa non o é tanto-. Por que decidiu dar o salto á novela negra? Foi un paso difícil? En que tivo que cambiar a súa rutina de traballo para lle dar forma a esta novela?
– EG: Despois de varios anos convivindo cos personaxes de Dragal, necesitaba facer unha paréntese no meu universo literario e crear algo diferente. Sempre me gustaron as novelas de misterio, así que me propuxen o reto de emular un dos grandes clásicos de Agatha Cristie. Foi un gran reto, ademais cun importante traballo de documentación, mais coido que o resultado ben paga a pena. (…)”