Entrevista
de Montse Dopico a Antonio Tizón en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): A antesala luminosa é novela negra, mais tamén outras cousas. Ti mesmo chámaslle novela mulata. Querías facer unha novela de xénero negro, pero diferente?
– Antonio Tizón (AT): O de novela mulata ocorréseume cando Emma Pedreira, a primeira persoa á que lle propuxen presentar a novela na Coruña, díxome que ela tiña prezuízos contra a novela negra. Respondinlle que non se preocupase, que a miña era unha novela mulata. Porque, en última instancia, pretendín facer unha mestura de xéneros, de estilos e de intencionalidades. A novela é a mestura dunha media novela negra -con moitos dos trazos típicos do xénero- cunha media novela que algún crítico cualificou de iniciación e que, en todo caso, a min me parece máis ben de formación. Elixín o formato de novela negra por varias razóns.
En primeiro lugar, porque son dende sempre un lector empedernido deste tipo de novelística, dende logo antes da aparición de fenómenos literarios como Diego Ameixeiras ou Domingo Villar (De feito, A antesala luminosa empecei a escribila en 1998 e remateina en 2004, antes do boom galego). En segundo lugar, elixín este xénero porque me parece axeitado se o que se quere é contar historias entretidas, aínda que só sexa porque sempre hai un crime, unha intriga… En terceiro lugar, porque me parece o formato máis axeitado se o que se quere -como eu quería, máis nas próximas entregas da serie ca nesta- é retratar unha sociedade caracterizada pola corrupción e a impunidade. E en cuarto lugar, porque a novela negra pode servir tamén de pretexto para falar dos temas que a un máis lle interesan; no meu caso, o tema da loucura, fundamentalmente.
Sigo co de mulata. A novela é mulata tamén porque mestura tramas, narradores e estilos moi distintos. Basicamente hai dúas tramas e dous narradores que se entrelazan, un en primeira persoa, ó máis puro estilo de novela negra (“Tamén os donos dos prostíbulos me debían favores que eu sempre cobraba en especie”), e outro en terceira, omnisciente e multiselectivo, coa intención de obxectivar a visión subxectiva dun dos dous personaxes principais da novela. Unha novela que mestura tamén a realidade coa ficción, a autobiografía coa imaxinación. E, por último, e xa facendo un chiste fácil que remite a algo moi serio, a novela é mulata porque está chea de mulatas, que ten moito que ver con outro tema fundamental do libro, o da prostitución -non en van ilustra a portada-. (…)
– MD: O libro ten, en efecto, bastante de autobiográfico. Nese sentido, é frecuente que a crítica comente que o autor debe distanciarse o suficiente de si mesmo para escribir unha boa novela. Que pensas diso?
– AT: Nin que dicir ten que o libro ten moito de autobiográfico. O motivo fundamental é que pretendín desembarazarme dunha vez por todas dos meus demos interiores, dos meus medos, das miñas vivencias máis patolóxicas, dos traumas máis propios da miña enfermidade. Non estou de acordo con iso de que o autor debe distanciarse de si mesmo para escribir unha boa novela. Sen chegar ata os extremos de Pío Baroja, que creo que foi quen dixo aquilo de que “todo o que non é autobiografía, é plaxio”, si creo que toda boa novela ten sempre algo ou moito de autobiografía porque do que un pode falar con máis profundidade, honestidade e coñecemento é do que un xa vivíu, xa experimentou, xa reflexionou, e xa descubríu sobre o asunto o suficiente como para decidir compartilo cos demais.
– MD: Frente a un relato combinado con diálogo sitúase o libro escrito polo propio Gustavo sobre a súa vida, como comentabas antes. Por que esa dobre estrutura? O libro de Gustavo está escrito cunha extraordinaria lucidez, malia todo. Quero dicir, que el analiza perfectamente a súa propia enfermidade…
– AT: O dos narradores distintos obedece á mestura de xéneros que pretendín. Pode haber quen pense que están intercambiados, que o máis lóxico sería que a parte do inspector aparecera en terceira persoa e a de Gustavo Gallego en primeira porque é un relato autobiográfico. Precisamente por iso decidino así, para vencer o pudor, para atreverme a espirme, para disimular un pouco as miñas vergonzas. Pero tamén porque Gustavo Gallego hai veces que se cre un deus omnisciente e multiselectivo, igual co narrador dos capítulos pares. (…)”
Arquivos da etiqueta: Edicións Xerais
A Coruña: presentación de Coller as rendas, de Yolanda Castaño
O
sábado 11 de abril, ás 18:30 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), terá lugar o contacontos para pequen@s lector@s arredor do libro Coller as rendas, de Yolanda Castaño, ilustrado por Xosé Tomás, publicado por Xerais.
Betanzos: Carlos Callón presenta Atravesar o fantasma no ciclo Os poetas teñen a palabra
O
venres 10 de abril, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, dentro do Ciclo Os poetas teñen a palabra, terá lugar a presentación do libro Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, publicado en Xerais.
Cuestionario Proust: Miguel Sande
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Miguel Sande:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A invisibilidade.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A humildade (inclúe educación e respecto).
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada.
4.– A súa principal eiva?
– Esa mesma, a invisibilidade.
5.– A súa ocupación favorita?
– As máis das veces correr.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Tomar un bo café (e entón ler).
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Algunhas poderían ser grandes desgrazas.
8.– Que lle gustaría ser?
– O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste, non coñezo outro.
10.– A súa cor favorita?
– A do mar, cambiante.
11.– A flor que máis lle gusta?
– En especial as máis sinxelas.
12.– O paxaro que prefire?
– O que (ferido) non poida voar.
13.– A súa devoción na prosa?
– Quen traballan frase a frase, parágrafo a parágrafo coma quen pica na pedra.
14.– E na poesía?
– Eugénio de Andrade (outro: Peixoto; agora tamén o último de Berta Dávila).
15.– Un libro?
– Imposible.
16.– Un heroe de ficción?
– Non teño.
17.– Unha heroína?
– Tampouco non teño.
18.– A súa música favorita?
– Neste momento o hardcore; trashcore. Megadeth.
19.– Na pintura?
– Son máis de fotografía.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Ninguén. Non creo niso.
21.– O seu nome favorito?
– A persoa fai o nome.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A tardanza (mesmo a propia).
23.– O que máis odia?
– Que me berren.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– As de quen “obraron” para pasar á historia.
25.– Un feito militar que admire?
– Militar, só por esa condición ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Un que me aprendera a apreciar máis a pintura, un Van Gogh, un Leopoldo Nóvoa, por exemplo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Neste momento, a esta idade, de ningunha.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– A serenidade, a pesar de todo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Se son defectos, todos.
30.– Un lema na súa vida?
– Non teño.”
Redondela: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto
O
martes 7 de abril, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Redondela, dentro da Semana do Libro de Redondela, preséntase Océano para terrícolas, unha parolada-concerto para embarcarse nas mil travesías do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais.
Antonio Tizón: “Entendo que a literatura significa espirse por dentro”
Desde
Xerais:
“A Cadea SER Galicia emitiu unha entrevista ao escritor Antonio Tizón sobre a súa novela A antesala luminosa, publicada en Xerais. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.
Betanzos: presentación de Cuarto minguante, de Bautista Álvarez
Tabela dos Libros de abril de 2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Carmen Caramés: “Quixen ser a voz das que non a teñen porque unha relación de dominación non lles permite alzar a súa”
Entrevista
de Montse Dopico a Mª Carmen Caramés en Praza:
““Primeiro foi a necidade de non asumir os indicios,/ despois a covardía de baixar a voz e erguer os cóbados, /logo a catalepsia brutal do medo,/ e, sempre,/ o satélite orbital da vergoña.” Mª Carmen Caramés tenta, con palabras coma estas, poñerse no lugar dunha muller maltratada no seu poemario Dos días escuros (Xerais), co que gañou o XVII Premio Johán Carballeira do Concello de Bueu. A autora tratou, neste libro, de “entender”. De reparar no medo ou na indiferenza dos demais “que poden resultar tan paralizantes para a vítima”. Falamos con ela. (…)
– Praza (P): Parece un libro escrito moito desde a emoción, o estilo é moi directo, malia estar coidado. Era a túa idea, ou simplemente saíu así?
– María do Carmen Caramés (MCC): Non tiña unha idea preconcibida de como ía resultar. A empatía foime marcando o camiño e, salvadas todas as distancias, tentei meterme nos zapatos das vítimas, sentir o que elas podían sentir, ver o mundo da maneira en que elas o verían…, tentei sobre todo entender. Recoñezo que chegou a resultarme doloroso porque reparei en aspectos nos que ata entón non reparara como son o medo, a vergoña ou a indiferenza dos outros que poden resultar tan paralizantes e perniciosos para a vítima do maltrato.
– P: O libro é como un percorrido polas fases do maltrato, (os sucesivos desenganos…). Podes explicar, nese sentido, como concibiches cada unha das partes?
– MCC: Eu quería contar unha historia na que calquera muller maltratada puidese espellarse, e entendo que esa historia comeza sempre nunha relación afectiva, nun, ás veces, mal concibido amor. A primeira parte, Incipit, fala precisamente dese comezo, cando nada fai presaxiar o deterioro da relación; na segunda parte, que dá título ao libro, Dos días escuros, a vítima empeza a ser consciente, asume e narra a súa condición de muller maltratada; na terceira busca os motivos externos da súa situación, rastrexa especialmente o legado das Testadoras que contribuíron á xénese da súa identidade; pero a busca de respostas require tamén un exame da propia conduta e actitude ante o maltrato: Reflexións sobre un tratado de (meta)física cuántica; finalmente, a última parte, Explicit ou o último desengano, é un chamamento desesperado á sociedade indiferente que xa non se asombra ante a barbarie. (…)”
Obras finalistas dos Premios AELG 2015
Os
socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2014 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participaron na elección os asociados/as da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) e os membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Gala das Letras, que terá lugar o sábado 9 de maio no Círculo de las Artes do Concello de Lugo.
Así pois, da conxunción de votos emitidos na primeira quenda resultaron finalistas:
Blog literario
- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás [http://cadernodacritica.blogaliza.org/]
- Criticalia, de Armando Requeixo [http://armandorequeixo.blogaliza.org/]
- Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García Fernández [http://garciateijeiro.blogspot.com.es/]
Ensaio
- Á procura da poesía. Vida e obra de Luz Pozo Garza, de Aurora López e Andrés Pociña (Alvarellos Editora)
- Galiza, um povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional galego, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora)
- Leandro Carré. Un século de cultura e compromiso, de Xosé Manuel Maceira Fernández (Alvarellos Editora)
Literatura Infanto-Xuvenil
- Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia)
- Penúltimas tendencias, de Carlos Negro (Edicións Xerais de Galicia)
- Tes ata as 10, de Francisco Castro (Editorial Galaxia)
Xornalismo Cultural
Narrativa
- 55, de Xavier Queipo (Edicións Xerais de Galicia)
- A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz (Edicións Xerais de Galicia)
- Dende o conflito, de María Reimóndez (Edicións Xerais de Galicia)
- Máscaras rotas para Sebastian Nell, de Alberto Ramos (Editorial Galaxia)
- Olympia Ring, 1934, de Xabier López López (Editorial Galaxia)
- Zapatillas rotas, de Xabier Quiroga (Edicións Xerais de Galicia)
Poesía
- A distancia do tambor, de Eva Veiga (Espiral Maior)
- As voces da máscara, de Arcadio López-Casanova (Pen Clube de Galicia)
- Celebración, de Gonzalo Hermo (Apiario)
- dun lago escuro, de Marta Dacosta (Edicións Xerais de Galicia)
- Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias (A. C. Caldeirón)
Teatro
- Aos Reis Magos non lles gustan os caramelos de menta, de Isabel Freire (Editorial Galaxia)
- Lapsus. A comedia de existir, de Alfonso Pexegueiro (Axóuxere Editora)
- Obras completas. Volume IV, de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas)
Tradución
- A Divina Comedia, de Dante Alighieri, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
- Jude o escuro, de Thomas Hardy, en tradución de María Fe González (Editorial Hugin e Munin)
- Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, en tradución de Isaac Xubín (Faktoría K de Libros)
- Un matrimonio provinciano, da Marquesa Colombi, en tradución de Isabel Soto (Editorial Hugin e Munin)
Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.
Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros tres galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:
Premio AELG 2015 “Institucións Culturais”
- Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
- Asociación de Medios en Galego
Premio “Mestras-es da Memoria” 2015
A segunda edición do premio Mestres e Mestras da Memoria, que se concede nesta ocasión a Josefa Arias e Emilio do Pando, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional
Escritor Galego Universal 2015
O escritor Luiz Ruffato será o Escritor Galego Universal, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana. Con este nomeamento Ruffato súmase á listaxe conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga.
No transcurso da gala a AELG tamén entregará a distinción “Bos e Xenerosos” ás/aos xornalistas Margarita Ledo Andión, Manuel Lombao, Tareixa Navaza e Xosé María García Palmeiro.

