Bertamiráns (Ames): presentación de Chovida do ceo, de Alfredo Conde

O martes 17 de xuño, ás 20:30 horas, no Café Ferlós (Praza da Mahía, 5), de Bertamiráns (Ames), a Libraría Lenda e Edicións Xerais presentan o libro Chovida do ceo, de Alfredo Conde. No acto, xunto ao autor, participan José A. López Silva e Manuel Bragado.

Cesáreo Sánchez Iglesias: “A poesía permite chegar ás capas máis profundas do que ves e sintes”

Entrevista de Carme Vidal a Cesáreo Sánchez Iglesias en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Caderno do Nilo evoca, pola viaxe e a descuberta das raíces culturais, o percorrido polos camiños históricos do noso país de O rumor do distante.
– Cesáreo Sánchez Iglesias (CS): Só é posíbel escribir este libro e entrar con nudez e humildade noutra cultura se un percorreu xa a propia, se ten os alicerces fondamente chantados na propia cultura. Só así se abrirá o camiño para ir tamén á propia soidade. Finalmente, é aí onde conduce toda viaxe, ao centro da propia soidade.
– SG: Na viaxe e no libro, atópase coa inmensa cultura e historia que atesoura o Nilo. Esa é a realidade que quixo reflectir nos seus poemas?
– CS: Achegueime, de maneira especial, á natureza humanizada, aos monumentos que volveron ser natureza anónima. As cidades, ao seu xeito, nacen, viven e morren como seres humanos. As marxes do Nilo son un grande patio de viciños e ao mesmo tempo forman parte da sacralidade do territorio. Que o río fose expropiado da súa divindade, que non se lle permita ter crecidas, significa tamén que o propio río volve ser unha natureza derrotada. Por iso permite un diálogo moi humano. Ao tempo, é un ser vivo, con hortas nas súas beiras, no linde do deserto, sen dúbida, o territorio máis fondo de reflexión posíbel. A nosa terra é moi fértil, humanizada, e iso atopámolo nas beiras do Nilo, non no deserto. Alí o concepto de noite e tamén de luz son distintos, producen certo desamparo. No alto Nilo estamos noutro hemisferio, as estrelas xa non son as mesmas que vemos todos os días e o concepto de soidade multiplícase. (…)
– SG: Esa referencia á historia e ás expresións artísticas fan que a súa sexa unha poesía culturalista?
– CS: Os alicerces culturais están aí mais non gosto da erudición na poesía, só as referencias necesarias como elementos de humanización, o arredor cultural do propio poema. Gusto que os libros teñan biografía. Vivín a transformación que a viaxe produciu en Flaubert ou Paul Klee e sentinme atraído polo efecto de oriente, do Nilo na súa obra. Levo décadas buscando a Safo polo Mediterráneo e o Exeo, tentando entender como é posíbel que hai dous mil anos nacera unha poesía que semella recén escrita.
– SG: Por que esa experiencia se transforma en poesía e non noutra fórmula de caderno de viaxes?
– CS: É a miña forma de comunicarme co mundo, unha forma de coñecemento. Pola poesía podes chegar á alma das cousas, ás capas máis fondas do que ves e sentes. Para min é a maneira de entrar no profundo do ser humano. A comunicación que se establece cos que len dáse nun territorio interior.
– SG: Río, memoria, silencio… hai conceptos que na súa poesía son recorrentes.
– CS: A relación do ser humano coa natureza tamén determina a memoria. A miña poesía procura buscar nas capas máis profundas, tamén como a memoria, como forma de ir ao lugar primeiro. Ao meu ver, as poéticas non son únicas, son a suma de poéticas. Na nosa propia realidade, a historia e a memoria teñen moita relevancia, son determinantes para coñecer o que somos.”

Danse a coñecer as/os gañadoras/es dos Premios Frei Martín Sarmiento

Desde Cultura Galega:
“A Comisión de Normalización Lingüística de Escolas Católicas deu a coñecer o pasado venres os galardoados este ano cos Premios Frei Martín Sarmiento, que escollen os alumnos das escolas católicas galegas e mais os seus pais.
Na décima edición destes premios literarios resultaron galardoados en educación primaria A pomba dona Paz, de Ramón Caride, na categoría de 1º e 2º cursos; O monstro das profundidades, de Manuel Uhía, na categoría de 3º e 4º; e A verdadeira historia da mosca da tele, de María Solar, na categoría de 5º e 6º.
En secundaria, os escolleitos foron Xesús Fraga, pola obra O elefante branco, na categoría de 1º e 2º da ESO; Fina Casalderrey e Francisco Castro por O neno can, na categoría de 3º e 4º da ESO; e Pedro Feijoo, por Os fillos do mar, na categoría de bacharelato e adultos.
A entrega dos galardóns realizouse na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura.”

Ferrol: actos destacados do mércores 11 na Feira do Libro

O mércores 11 de xuño comeza a Feira do Libro de Ferrol (na Praza da Constitución), con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:

– 18:00 h. Inauguración. Pregón a cargo de Paula Carballeira.
– 18:00 h. Firma de Ramón Loureiro e Antonio Seijas na caseta da Libraría Lector Nobel.
– 19:00 h. Visita guiada á exposición Carvalho Calero. De Ferrol para o mundo, organizada co gallo da Feira do Libro polo Concello de Ferrol.
– 20:00 h. Presentación do libro Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado.

Ledicia Costas, Eduardo Santiago e María Reimóndez, Premios Xerais 2014

Desde Xerais:
“Na illa de San Simón, no concello de Redondela, o sábado, 7 de xuño, ditamináronse a XXXIª edición do Premio Xerais de Novela, a VIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e a XXIXª edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, todos os tres premios dotados con 10.000 euros cada un deles.
Esta festa literaria consistiu nun acto literario-musical, celebrado no Auditorio da illa de San Simón. Á velada asistiron arredor de tres centas persoas, entre os que se atopaban Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, en representación da Xunta de Galicia, deputados do Parlamento Galego, concelleiros de Vigo e Redondela, escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesores e colaboradores da editorial. O acto foi emitido en directo por Internet.
Celia Torres, coordinadora e presentadora dos premios, abriu a velada e deu paso a primeira intervención do grupo musical Puntada sen fío, formado por Xiana Lastra, Juan Collazo e Roberto Rama.
O tradutor Xavier Senín, como mantedor literario desta velada, leu o discurso titulado «Agasallar palabras», que comezou lembrando as palabras coas que Jules Verne no seu libro Vinte mil leguas baixo dos mares se refire as augas da ría de Vigo «impregnadas de luz eléctrica», as mesmas augas que navegou no seu iate Saint Michel III, o 1 de xuño de 1878, data na que recalou na cidade de Vigo. Referiuse, despois, Senín ás relacións de Verne con Vigo e ao feito gozoso de que os participantes no acto recibisen un exemplar d’ A illa misteriosa, traducida por Ánxela Gracián. Felicitouse de que o xenial escritor bretón seguise a ser lido pola rapazada e os adultos de hoxe «porque a súa obra literaria, solidamente construída, soportou o paso do tempo. As súas novelas entraron a formar parte dese paraíso de palabras que comparte a humanidade enteira e ao que podemos acceder na lingua de noso, pois tamén nela están as palabras que o autor escribiu.»
O xurado da XXIX edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron corenta e catro obras, formado por Eulalia Agrelo (profesora e presidenta de ELOS-Galicia), Romina Bal Botana (licenciada e filoloxía galega e blogueira), Nuria Díaz Berride (ilustradora), Miguel Vázquez Freire (profesor e escritor), Mª Isabel Vázquez Rosales (mestra) e Helena Pérez Fernández (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas Animais con ánima, Último voo, Escarlatina e Amencerá canda o sol. Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema Escarlatina, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Ledicia Costas corresponde ao título Escarlatina. A cociñeira defunta. O xurado recomendou á editorial a publicación do poemario presentado co lema Animais con ánima.
O xurado da VIª edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorreron vinte e catro obras, formado por Cristina Novoa Fernández (asesora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria), Dolores Sans Boga (profesora), Mariña Castro Fontao (alumna de 3º da ESO), Minia Monteagudo Vilavedra (alumna de 4º da ESO), Sabela Salgueiro Couto (alumna de 1º de Bacharelato) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: O Gran Reino, Silencio e Genet. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema O Gran Reino, que, despois de aberta a plica, resultou ser de Eduardo Santiago Soto e corresponde ao título O Gran Reino. O xurado recomendou á editorial a publicación das obras finalistas presentadas baixo os lemas Silencio e Genet.
Por último, o xurado da XXXIª edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorreron trinta e nove obras, formado por Avelina Rodríguez Gil (profesora), Susana Pedreira Buján (xornalista), Montserrat Dopico (xornalista), Marta Fernández Alberte (profesora), Benxamín Rioboo Sanluís (libreiro) e Fran Alonso (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas cos lemas: Sebastian Nell, Dende o conflito e A mirada de Ismael. Despois da súa última deliberación, acordou por maioría declarar como gañadora a presentada baixo o lema Dende o conflito que, despois de aberta a plica, resultou ser de María Reimóndez e corresponde ao título Dende o conflito. O xurado recomendou á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema Sebastian Nell.”

Agustín Fernández Paz: “A viaxe de Gagarin forma parte dun axuste de contas cos sesenta”

Entrevista de Alberto Ramos a Agustín Fernández Paz en Praza:
“(…) – Praza (P): Entre as súas dúas últimas novelas, Non hai noite tan longa e esta: A viaxe de Gagarin, atopamos moitos paralelismos…
– Agustín Fernández Paz (AFP): Tamén moitas distancias…
– P: Onde están as distancias e os paralelismos?
– AFP: A ver, as distancias están en que a outra, a trama, o anzol que utilizamos para enganchar os lectores, ten un aire de thriller. Neste A viaxe de Gagarin, non hai ese engado, esa trama… Os misterios que hai son máis tenues e claramente é unha novela de formación.
Semellanzas? Pois as dúas, Non hai noite tan longa e A viaxe de Gagarin, forman parte dese axuste de contas cos anos sesenta, coa miña mocidade. Son un volver aos anos sesenta que, para a miña xeración, foron moi importantes. Non só porque neles se viviu todo o que se escoita sempre: que se Checoslovaquia, que se París, que se tal… Senón porque nesa década moitos de nós, os da miña idade, comezamos a descubrir cousas que non coñeciamos. Hai un desexo e comézase a descubrir o que estaba tapado. Os anos sesenta descóbrese que era o exilio, que había un señor chamado Castelao, que existiron as loitas agrarias… (…)
– P: Concédenlle outro premio: o Trasalba.
– AFP: Primeiro, son premios que te collen por sorpresa. Eu eu nunca pensei que me foran dar a min este premio. Trasalba soábame a premio de petrucios, a fundadores, a xente dos anos cincuenta. Isto é que vou vello tamén… Si que sentes agradecemento, pero por outra banda pregúntaste: Porque me dan a min o premio?
Eu entendo que, máis ou menos, a través de min se quere recoñecer unha xeración, a xeración dos que traballamos duro pola normalización lingüística no ensino e traballamos na creación da Literatura Infantil e Xuvenil. Eu creo que por iso me escollen a min, pero detrás están todos.
Eu lembro cando daba clases de Literatura e a relación dos estudantes con Adrián Solovio. Era diferente, loxicamente, á da miña xeración. Eu lembro o significado que tivo para min ler Arredor de si. Significaba unha revelación. A través da descuberta de Adrián Solovio do mapa de Fontán, descubrías Galicia. A miña xeración, esa descuberta, viviuna en carne viva. Os de agora non o ven así. Ven en Solovio unha personaxe máis, resúltalles moito máis afastada esa realidade. Porque mellor ou peor, eles teñen unha idea e un coñecemento de Galicia que supera o que tiñamos nós.
Na miña xeración tivemos un proceso de redescuberta de Galicia que garda un paralelismo que tiveron o do grupo Nós e que Otero Pedrayo simboliza no mapa de Fontán. Nese sentido, o premio ten un trazo simbólico para os da miña xeración. (…)”