Vigo: presentación de A chave da Atlántida, de Anxo Fariña

O venres 11 de novembro, ás 20:00 hora, na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase A chave da Atlántida, de Anxo Fariña, publicado en Xerais, gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2011. O acto, con debuxos en directo e algunha sorpresa máis, contará coa presenza do autor, quen agasallará unha ilustración especial de tiraxe limitada ás primeiras persoas que soliciten a sinatura do seu libro.

Entrevista a Fran Alonso en Radiofusión

‘Como, sentados diante do ordenador, contactamos con persoas doutra parte do planeta ou como, só a través dos ruídos que traspasan paredes, coñecemos aos nosos veciños. Fran Alonso retrata distintos xeitos de comunicación no eido urbano fuxindo do “adoutrinamento” “É imposible non ter unha mirada política sobre as cousas, pero intento non ser moralista nin didáctico”, explicou nos micrófonos de Radiofusión. En Ninguén, obra que Xerais vén de achegar aos andeis das librarías, comparten protagonismo unha muller que concerta unha cita a través de Internet, un mozo obsesionado polas voces dos seus veciños ou un escritor que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, entre outros.” Desde Xerais. A entrevista pódese escoitar enteira aquí.

Gondomar: Agustín Fernández Paz falara sobre a súa última novela en Espazo Lectura

O martes 8 de novembro, a partir das 20:00 horas, na Biblioteca de Gondomar, a asociación Espazo Lectura celebra a sesión mensual do club de lectura Sete Vidas, centrado en títulos de narrativa, coa participación de Agustín Fernández Paz, para falar cos lectores e lectoras da súa última novela Non hai noite tan longa (Xerais, 2011). Na primeira parte da sesión, de 20:00 a 21:00 horas, as persoas que participen no club poderán conversar arredor da novela antes de que o propio autor se incorpore á tertulia para charlar cos lectores e lectoras.

An Alfaya: “Quixen ser escritora e lectora”

Entrevista de Camilo Franco a An Alfaya en La Voz de Galicia, desde Xerais:
“- La Voz de Galicia (LVG): Para un autor, ¿que diferenza hai entre presentar unha obra diariamente nun xornal e facelo nun libro?
– An Alfaya (AA): A diferenza é na escrita. Nunha novela para un xornal hai unha esixencia de espazo. Hai que conter a linguaxe, non podes esmerarte nin recrearte nas descricións. Hai que utilizar máis substantivos e menos adxectivos. Cada capítulo ten que pecharse estimulando no lector a continuación para o día seguinte. Cada capítulo, un co outro, ten que levar ao lector ata ao final.
– LVG: No tránsito dun soporte a outro, ¿non tivo a tentación de incorporar cousas que deixou fóra por cuestións de espazo?
– AA: Non tiven a tentación de facelo porque sería outra novela [Vía secundaria]. Os bosquexos estaban perfi lados, os personaxes están aí. Quizais engadir cousas sería abrir outras vertentes e a novela variaría moito. Non gañaría na trama argumental. (…)”.

As Pontes: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O venres 4 de novembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal das Pontes, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participa, xunto ao autor, Mónica da Silva.

Lugo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

O xoves 3 de novembro, ás 20:00 horas, no Centro Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros) de Lugo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, participan, acompañando ao autor, Antón Bao e Carlos Vello.

Vigo: presentación de Vía secundaria, de An Alfaya

O venres 28 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Vía secundaria, de An Alfaya, publicado en Xerais, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia no 2010. No acto acompañarán á autora Ramón Nicolás e Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán

O xoves 27 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa da Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Mary Wollstonecraft Shelley e a súa criatura artificial, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. O acto, no que acompañarán á autora Pemón Bouzas e Manuel Bragado.

María Reimóndez, convidada á UmbriaLibri 2011, en Italia

“A escritora María Reimóndez viaxará no próximo mes de novembro á Feira do Libro UmbriaLibri, en Perugia, que este ano leva o título de C’era una donna (Era unha muller), a onde acudirá como autora convidada para participar nunha mesa redonda que compartirá con outras autoras estranxeiras traducidas ao italiano. A súa novela O club da calceta foi publicada en italiano pola editorial Gran Via (Il club della calzetta)”. Vía Xerais.
As xornadas están organizadas por Insula europea, unha plataforma de especialistas italianos en diversas literaturas de Europa coordinada polo profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Perugia Carlo Pulsoni. A escritora galega estará ao carón de Attilio Castellucci, tradutor da súa obra ao italiano, e director do Centro de Estudos Galegos da Università La Sapienza de Roma. Esta información adicional foinos enviada por Inmaculada Otero Varela, a quen agradecemos a súa atención e interese.

Santiago: presentación de O máis estraño. Contos reunidos, de Manuel Rivas

O mércores 26 de outubro, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase O máis estraño. Contos reunidos, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto participa, co autor, Manuel Bragado. Crónica posterior en El País.