Premios da Crítica 2008

A Sección de Crítica da AELG anunciou hoxe as obras propostas para os os premios da Asociación Española de Críticos Literarios. Copiamos a seguir a anotación que publicaron a última hora da mañá no seu blog:

Reunida en Santiago de Compostela o luns 13 de abril de 2009, a Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega acorda, tras o debate e votación correspondentes, propor para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander, as seguintes obras:

-Modalidade de narrativa: Festina Lente, de Marcos S. Calveiro, da editorial Xerais.

-Modalidade de poesía: Hordas de escritura, de Chus Pato, Xerais.

De Festina Lente o xurado valorou a súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.

De Hordas de escritura destacou a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.

A COMISIÓN XESTORA DA SECCIÓN

A Coruña: presentación do libro de Goretti Sanmartín

Hoxe luns 30 de marzo ás 20:30 no local da Asociación Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, 16-18, 1º, A Coruña) preséntase o libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín. O acto contará coa participación da autora, de Xosé Manuel Sánchez Rei e do editor, Manuel Bragado. A entrada é libre.

Lugo: presentación de O Globo de Shakespeare

O venres, 6 de marzo, ás 20:00 horas na Libraría Trama de Lugo presentarase a novela de Santiago Jaureguizar O Globo de Shakespeare. Con este acto Jaureguizar remata a súa xira de presentacións do libro premiado en 2008 co Terra de Melide, iniciada no mes de xuño en Melide, e que proseguiu por Ribadeo, A Coruña, Santiago e Vigo. Esta será, tamén, a derradeira oportunidade de probar as reputadas galletas da novela. O acto consistirá nunha conversa de Jaureguizar co editor Manuel Bragado. (Fonte: Xerais Blog)

Santiago: presentación d’O Globo de Shakespeare de Jaureguizar

Santiago Jaureguizar avisa da presentación mañá en Santiago da súa novela O Globo de Shakespeare. Reproducimos o correo que nos enviou:

Dispoño de 37 das famosas galletas do Globo de Shakespeare, que repartirei mañá ás 20.00 horas na libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago dende dez minutos antes do comezo ata que remate con elas. Se vos toca unha, ben poderías facerme o favor de quedar á conversa que José Miguel Giráldez e máis eu manteremos arredor da miña última novela. Prometo espectáculo e moito neón verbal.

 

Santiago: presentación do novo libro de Goretti Sanmartín

Mañá xoves 12 de febreiro preséntase na Libraría Pedreira (Rúa Home Santo, 55, Santiago de Compostela) o libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín, editado por Xerais. No acto participarán Xosé Manuel Sánchez Rei, Teresa Moure, Manuel Bragado e a autora do libro. Será a partir das 20:30, con entrada libre.

Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación pretende, fundamentalmente, ligar a defensa do idioma galego co emprego dun modelo de lingua culto que incida na recuperación do prestixio e da dignidade que aínda está a precisar para ocupar o espazo que merece como lingua propia deste país. Para iso aborda os problemas máis urxentes da lingua galega na actualidade e realiza un percorrido crítico por dúas ferramentas que puideron ser fundamentais no proceso de normalización: o Plan xeral de normalización da lingua galega e o acordo normativo de xullo de 2003. Desde esta perspectiva xeral, este ensaio de Goretti Sanmartín Rei combina a análise das políticas lingüísticas desenvolvidas nos últimos anos, a revisión de conceptos fundamentais neste ámbito de fonda tradición entre o movemento nacionalista, mais cada vez máis cuestionados socialmente, coa reivindicación de textos e personalidades relevantes da nosa particular tradición sociolingüística, para contribuír coa súa (re)lectura a nos sentirmos elos dunha cadea que debemos transmitir con entusiasmo. Nesta dramática mais esperanzada viaxe a autora contextualiza textos e interpretacións sobre a obra de Manuel García Blanco ou de Ramón Piñeiro e afonda de maneira especial no pensamento de Ramón Vilar Ponte e da súa xeración, nun intento de recuperar algunhas das voces que deseñaron unha necesaria política para a lingua que precisa anovar os discursos e constituír un referente recoñecido tanto social como academicamente”.

Presentación do libro Conversas con Emilio Pérez Touriño

O próximo luns 2 de febreiro ás 18 horas terá lugar a presentación do libro Conversas con Emilio Pérez Touriño. Soños, proxecto, compromiso de Manuel Lombao. O acto celebrarase no Auditorio do Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval, s/n) en Santiago de Compostela, e contará coa participación do editor Manuel Bragado Rodríguez, Isaac Díaz Pardo, Emilio Pérez Touriño e o autor.

Emilio Pérez Touriño “debulla na súa conversa con Manuel Lombao as claves do seu proxecto político para Galicia en asuntos tan decisivos como as infraestruturas, a ordenación territorial, a reforma estatutaria, a educación ou a lingua”. O libro ofrece tamén un retrato máis persoal do presidente da Xunta de Galicia, que fala “das súas orixes familiares, da súa adolescencia, das súas experiencias militantes e da súa vida académica, así como das circunstancias e motivos que o levaron a renovar o socialismo galego e a liderar o proceso que conduciría á formación do primeiro goberno de esquerdas da historia de Galicia”.

Manuel Lombao (Lugo 1943) é licenciado en Ciencias da Información e en Dereito pola Universidade Complutense de Madrid. Traballou na SER e na COPE, en Lugo e en Madrid, e en RTVE, durante 30 anos. Foi director de RNE e de TVE en Galicia, subdirector de Informe Semanal, director do programa Parlamento e director dos centros territoriais de TVE, así como vicepresidente de CIRCOM, organización de 300 televisións públicas rexionais europeas. Ten varios premios de radio e televisión. Profesor e escritor, é actualmente o director do Instituto Cervantes en Brasilia.

Riofero, novo libro de Xelís de Toro

Nos próximos días chegará ás librerías galegas o novo libro de Xelís de Toro, Riofero, editado por Xerais. O escritor compostelán vén de abrir unha páxina web na que podemos escoitar algúns fragmentos da novela e cancións vencelladas ao texto e descargar o primeiro capítulo en PDF. Xelís de Toro creou tamén un blog onde “poder publicar, falar e discutir de temas que agromen a partir dos temas do libro, ou mesmo o tema da literatura e que non se encontren noutros lugares”. Neste vídeo colgado en YouTube Xelís de Toro fala do seu libro e das razóns polas que se decidiu a crear o seu propio espazo na rede:

Finou John Updike

O escritor estadounidense John Updike, dúas veces gañador do Premio Pulitzer e eterno candidato ao Nobel, morreu hoxe aos 76 anos vítima dun cancro de pulmón. Entre as súas obras máis célebres, a serie de novelas protagonizadas polo personaxe Harry “Coello” Angstrom (Rabbit, Run, Rabbit Redux, Rabbit Is Rich, Rabbit At Rest e Rabbit Remembered), as Memorias da Administración Ford ou As bruxas de Eastwick. A súa última novela, Terrorist, foi editada en galego en 2008 por Xerais. Máis información: a nova no xornal portugués Público e o obituario no New York Times.

Homenaxe Nacional a Xosé Luís Méndez Ferrín

O venres 6 de febreiro terá lugar en Vigo o acto de Homenaxe Nacional a Xosé Luís Méndez Ferrín co gallo do seu 70 aniversario. Será no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vivo (rúa Policarpo Sanz, 26) ás 20 horas e con entrada libre, e durante o mesmo presentarase o libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco Edicións e Edicións Xerais de Galicia.

Tralo acto de homenaxe haberá unha cea no Pazo Os Escudos (Avda. Atlántida 106, Alcabre, Vigo) a partir das dez da noite. Os interesados en asistir á cea deberán ingresar 35€ por persoa na conta de Caixanova número 2080 / 0065 / 36 / 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para acceder á cea é requisito imprescindíbel a presentación na entrada do restaurante do xustificante do pagamento.

Entrevistas a Santiago Jaureguizar

Estes días están aparecendo na prensa galega diversas entrevistas con Santiago Jaureguizar con motivo da presentación da súa novela O Globo de Shakespeare, Premio Terra de Melide 2008. En Galicia Hoxe o escritor asegura que o seu libro fala “dos soños que temos todos: de poder, de amor, de éxito”, mentres que no Faro de Vigo afirma que “Shakespeare é o mellor construtor de personaxes da historia”. Poden ler as dúas entrevistas completas nestas ligazóns.