Moncho Iglesias Míguez: “Non creo nas fronteiras na escrita, os versos poden nacer dunha imaxe, dun cheiro…”

Entrevista a Moncho Iglesias Míguez en Zig-zag, da Televisión de Galicia:
“Moncho Iglesias foi mestre de castelán en Belén, en Palestina, e non volveu alí desde 2013. Publicou outros poemarios sobre Palestina como Oda ás nais perennes con fillos caducos entre os brazos ou pedras de Plastilina, pero agora sae a rúa da man de Urutau: Cheira, onde transita entre a poesía, a prosa poética e as imaxes de Palestina, fotografías tiradas polo autor. A entrevista pode verse aquí.”

Moncho Iglesias: “O bo é o que queda e o malo faise bo con tempo, agora cheiro Palestina a través da memoria”

Entrevista a Moncho Iglesias en Atlántico Diario:
“(…) – Atlántico Diario (AD): Unhas boas datas para presentar novo libro.
– Moncho Iglesias (MI): Xa saíu hai uns días. Como o anterior está publicado por Urutau, un bo editor que está a facer un traballo impresionante pola lingua e a literatura. Cheira combina poesía e imaxes sobre Palestina. Fala da vida cotiá e de tantas cousas que non se poden expresar só con palabras e imaxes, que hai que vivilas. Son momentos onde os cheiros e a choiva son diferentes segundo onde sexan. Fala de cor, vida, bulicio, da guerra e da paz.
– AD: Cando foi a última vez que estivo en Palestina?
– MI: Foi en 2013. Boto de menos cousas como voltar á casa por Nadal dende un Belén adornado, despois de comprar os agasallos. Este poemario naceu estando aínda alí, en 2011, e foi crecendo ata 2020. Son nove anos de escritos.
– AD: É certo que a morriña fai esquecer o malo e priorizar os arrecendos?
– MI: O bo é o que queda e o malo faise bo co tempo. Queda a sensación navideña, o deserto, as montañas ou os ríos, pero sobre todo os encontros coa xente. Agora non pode cheirar Palestina de xeito presencial, só a través da memoria. As comidas non saben igual ou non se fuma na casa como nos cafés.
– AD: Voltará a Palestina?
– MI: Non volvín tentar. Foron aparecendo outras historias e de setembro a setembro sempre estou ocupado co curso. Marchei lonxe e non foi doado. Pero espero voltar, porque a morriña crece.”

Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 8 e 9 de agosto

O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:

Sábado 8
13:00 h. Alberte Momán asina A viaxe de Ana, publicado por Galaxia.
13:00 h. Paula Merlán asina Un trevo para Xulieta, publicado por Bookolia.
18:00 h. El Hematocrítico asina Alcaldesa Vermella, A media hora dos heroes e Campións do mundo, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
18:00 h. Marcos Viso asina O meu baleiro, publicado por Hércules.
19:00 h. María Reimóndez asina A semente, a árbore e a froita, A formiga destemida, publicados por Xerais, e O meu avó e o queixo, publicado por Alvarellos.
19:00 h. Pura Tejelo asina As horas de Hanna, publicado por Urutau.
20:00 h. Elena Gallego Abad os libros da Serie Dragal, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
21:00 h. Kiko da Silva asina Aprende banda deseñada con Fiz, publicado por Xerais.
21:00 h. Alberto Varela Ferreiro asina Wolfram. Espías, nazis e maquis, publicado por Xerais.
21:00 h. Miguelanxo Prado asina Amani, publicado por Retranca.

Domingo 9
18:00 h. Ledicia Costas asina Vampira de biblioteca, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
18:00 h. Paola Sepúlveda asina Alén dos mapas, publicado por Tulipa.
19:00 h. Isaac Xubín asina Xenealoxía dun intruso, publicado por Galaxia.
20:00 h. Henrique Alvarellos e Xulia Nieto asinan A nena que abrazaba as árbores, publicado por Alvarellos.
20:00 h. Yolanda Castaño asina a súa antoloxía bilingüe Un cobertizo lleno de significados sospechosos, publicada por Milenio, e o resto da súa obra.
21:00 h. Pilar García Negro asina Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación, publicado por Laiovento.