Bases do IV Premio Roberto Vidal Bolaño 2021

“Este certame nace pola necesidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos ao alumnado de ESO e Bacharelato. Por iso, o Concello do Porriño, o IES Ribeira do Louro e a Editorial Galaxia, convocan este certame coa finalidade de crear un fondo de textos teatrais susceptibles de ser representados por alumnado do ensino secundario.

BASES

1. Poderán concorrer ao Premio todas as persoas que o desexen, de calquera nacionalidade, con textos teatrais inéditos e non premiados noutros certames, que estean escritos en lingua galega.
2. As OBRAS serán de temática e extensión libre, aínda que hai que ter en conta que van ser interpretadas por alumnos e alumnas de entre 12 e 18 anos.
3. Cada autor poderá presentar máis dunha obra.
4. O PREMIO constará de 2.000 euros, suxeitos ás retencións fiscais correspondentes, e que computarán en concepto de adianto de dereitos de autoría, un diploma acreditativo e a edición e publicación da obra gañadora a cargo da EDITORIAL GALAXIA. Para tal efecto a editorial asinará co gañador ou gañadora o correspondente contrato de edición.
5. O premio poderá quedar deserto se as obras presentadas non se adecúan á finalidade do premio, segundo o criterio do xurado.
6. O PRAZO de presentación de orixinais remata o 15 de abril de 2021.
7. Enviaranse catro copias da obra, debidamente encadernadas, xunto cun sobre cos datos do autor/a.
8. O ENVÍO das obras farase a través de correo postal ao enderezo: I.E.S Ribeira do Louro (Rúa Ribeira s/n, 36410, Torneiros, O Porriño), especificando no sobre Premio de Teatro Roberto Vidal Bolaño.
9. O XURADO estará conformado polo EDL do IES Ribeira do Louro, dous profesionais do teatro e un representante da Editorial Galaxia; e prestará especial atención á innovación dramatúrxica, as novas linguaxes contemporáneas e a singularidade temática das pezas.
10. A obra gañadora darase a coñecer no mes de xuño de 2021. Farase entrega do premio nun lugar que se convirá, para tal efecto, na última semana dese mes.
11. Se durante o tempo de presentación e deliberación a obra presentada recibise algún premio ou fose editada, o autor deberá comunicalo á organización do certame, xa que este feito será motivo de exclusión do presente concurso.
12. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Editorial Galaxia no prazo dun mes a partir do fallo do xurado ou serán enviadas contrareembolso se o autor ou autora así o desexa. As obras non recollidas serán destruídas pasado o mes.
13. O feito de participar neste certame supón a aceptación total destas bases. O non previsto nelas será resolto pola organización.”

Conmemórase o 60 aniversario das Memorias dun neno labrego

Desde Nós Diario:
“O día 5 de xaneiro de 1961 publicábase a primeira edición dun libro que faría historia nas nosas letras. Nas súas páxinas despregábanse as palabras de Balbino, que narraba, en primeira persoa, remedando a escrita nun caderno, as vivencias cotiás da infancia na aldea. Esta elemental premisa é abondo para identificar de que falamos –Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, por se fica alguén no despiste-, pois tal é o impacto que pasaría cos anos a converterse na novela galega máis popular da segunda metade do século XX.
En conmemoración do 60 aniversario da obra, un lustro após o falecemento do autor, tivo lugar en Compostela no auditorio que leva o seu nome (no Gaiás) un acto, que tivo lugar, puxo de relevo a importancia desta obra emblemática. A el asistiron o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; o da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o da Editorial Galaxia, Antón Vidal e mais o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
Era a editora Follas Novas a que sacaba esta primeira edición, a quinta da súa curta andaina, da man do propio Neira Vilas e da súa compañeira, Anisia Miranda. Sacaba unha tirada de 2.000 volumes que tivo boa acollida, vendida tamén nunha pequena porcentaxe na Galiza, mais que non chegou a esgotarse.
Un dato curioso tendo en conta a difusión que posteriormente tería, reeditada por Ediciós do Castro -logo dun intento frustrado por constituílo como o primeiro título da editora Rúa Nova- con ilustracións de Isaac Díaz Pardo, en 1968 nunha tirada de 1.000 exemplares que xa se esgotou, e que a partir da quinta edición pasan a imprimirse 5.000 ou, máis adiante, até 10.000.
As amplas vendas da primeira metade da década dos 70 anticipan así a forte demanda dun libro que se vendía “como roscas”, segundo lle contaba Manuel María ao autor nunha carta en 1971. No proemio de Alonso Montero cualifícaa de “obra máis lida da literatura galega”.
A día de hoxe cóntanse 35 edicións cun total de 700.000 exemplares, aos que se suman traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, o ucraíno, o búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso, así como a publicación en braille, que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado. Seis décadas após a publicación, segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 por Galaxia.
Memorias dun neno labrego retrataba a dura realidade da Galiza rural dos anos 40, enfrontando temas como a desigualdade ou a emigración. A obra de Neira Vilas tivo precisamente neste último tema un dos piares fundamentais. Así se manifesta desde a ficción até os artigos xornalísticos, ademais de nas dúas obras que compuxeron a triloxía que abriu Memorias: Aqueles anos do Moncho e Cartas a Lelo.
Unha preocupación que bebe, en parte, da súa propia experiencia vital. Nado en Gres (Vila de Cruces) en 1928, de familia labrega, criouse na aldea e traballou a terra até os 16 anos, cando entrou como contable nun serradoiro. Aos 20 anos emigrou a Bos Aires. En 1961 trasladouse a Cuba e non sería até 1992 que volveu a Vila de Cruces.
As Memorias dun neno labrego beben, xa que logo, como o propio autor manifestou en vida, da súa biografía, que coincidía coa de tantas outras crianzas da época. “Sentía a necesidade íntima de sacar de min aquelas vivencias. Vía que na literatura galega non se trataba o tema ou facíase de esguello, por autores que non triparan lama nun sabían coller unha legoña”, admitía entrevistado por Nora Longhini en 2008, como recolle o volume de Galaxia Neira Vilas. Os anos da Arxentina (1949-1961).
A conmemoración completouse coa presentación do documental Un legado de futuro, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre o autor, a súa época e a súa obra. Aliás, houbo unha especial lembranza das numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas que configuran e completan o universo Balbino e que dan conta dun patrimonio que continúa vivo na actualidade.
Dolores Vilavedra denominaba Memorias dun neno labrego como “primeiro bestseller da literatura galega”, condición á que contribuíu o feito de ter acompañado a introdución da lingua galega no ensino. Con todo, non se considera de maneira consensuada unha peza de Literatura Infantil e Xuvenil, malia unha certa orientación dalgunhas edicións a este público ou a súa propia dedicatoria -“a todos os nenos que falan galego”-, senón que tende a identificarse como literatura de fronteira e mesmo asociada ao bildungsroman (novela iniciática). Sen entrarmos en tecnicismos, trátase dun relato que poden gozar crianzas e persoas adultas, que logrou manter as vendas de maneira regular durante moitos anos, polo que podería considerarse, segundo propón Iolanda Galanes, como longseller.”