Unha novela coral e rebelde permite a Xosé Ricardo Losada gañar o II Premio Viadutos de Novela

Desde Fervenzas Literarias:
“Reunido nas dependencias municipais de Redondela, o xurado do II Premio Viadutos de Novela decidiu declarar gañadora a obra A casa xunto ao volcán que, aberta a plica, resultou ser da autoría de Xosé Ricardo Losada.
O xurado, composto polas escritoras Iolanda Zúñiga e Anna R. Figueiredo (gañadora da pasada edición), a xornalista María Jesús Argibay, a profesora Patricia Arias Chachero, a editora Malores Villanueva, e técnica de Xuventude Sonsoles Lores, como secretaria con voz e sen voto, salientou “destaca a fortaleza dunha voz feminina en construción que evoluciona ao longo do relato na busca da súa identidade”.
En A casa xunto ao volcán, a través da voz dunha adolescente, o autor móstranos o pensamento crítico dunha sociedade na que a filosofía pode e debe ter un papel relevante e necesario. Ponse en valor a importancia do ensino como axente creador de persoas íntegras e libres.
A novela ten unha estrutura tripartita e ben deseñada que condiciona un texto áxil, de doada lectura e fondo pouso.
Xosé Ricardo Losada logra ademais unha voz feminina plenamente crible e sorprendente. A casa xunto ao volcán é unha novela coral e rebelde que invita a cuestionarse a orde social establecida e a unha mesma.
O II Premio Viadutos de Novela está convocado polo Concello de Redondela, a través da súa Concellería de Xuventude, e conta coa colaboración da editorial Galaxia. A casa xunto ao volcán será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da editorial Galaxia.”

Ribadeo: Feira do Libro Letras no Campo 2019

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 5 de xullo

O 5 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 11:00 h. Daniel Ugarte Otero asina O coala, na caseta da Libraría Nobel.
– 18:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións. Posterior sinatura na caseta da Secretaría.
– 19:00 h. Daniel Asorey asina exemplares da súa obra na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Xosé Manuel González “Oli” asina Ratos de viaxe, na caseta de Libros para Soñar.
– 19:15 h. Presentación de Actrices secundarias, de Clara do Roxo, publicado por Elvira. Participa Xabier Romero.
– 20:00 h. Presentación de Versos e viceversos, de Antonio García Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, publicado por Kalandraka. Coa participación de An Alfaya.
– 20:00 h. María Xosé Porteiro asina exemplares de Sándalo, publicado por Galaxia, na caseta de Librouro.

Xosé A. Neira Cruz gaña o II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Desde Galaxia:
“Reunido nas dependencias municipais da Pobra do Caramiñal a mañá do 3 de xullo de 2019, un xurado composto pola escritora Patricia Mallo, a vogal da Asociación Cultural Barbantia Pilar Sampedro e o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra O enigma do baúl pechado de Xosé A. Neira Cruz.
O xurado destaca a fermosura da linguaxe poética empregada polo autor, malia tratarse a temática dunha cuestión dura e difícil como son as dificultades que moitas veces teñen as persoas inmigrantes para se integrar entre nós, tanto dende o punto de vista social como cultural. Ao tempo, o libro destaca por abordar a trama dende unha proposta que se achega ao realismo marabilloso que entronca perfectamente coa vella e fecunda tradición literaria que vén dende Cunqueiro ata os nosos días. Finalmente, salienta a habilidade narrativa para ter pendente ao lector ou á lectora durante todo o libro ao redor dun baúl e o enigma que agocha. O xurado coida que é un libro que pode servir, tamén, para sensibilizar ás lectoras e lectores sobre a importancia da defensa da igualdade e a loita contra dos prexuízos.”

Manuel Portas: “Ensínasenos a procurar no amor unha sorte de solución a todos os nosos males”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Portas en Praza:
“(…) – Praza (P): O narrador [Por puntos] parece ás veces un romántico e outras semella que ri duns personaxes a miúdo un pouco patéticos. Persoas que se senten soas e que tentan -quizais de xeito absurdo- curar as súas carencias emocionais cumprindo coa norma social: buscando unha relación de parella. Hai unha intención de crítica social aí?
– Manuel Portas (MP): Por aí van os tiros. Pero en moitos personaxes hai xogos arquetípicos e histriónicos. Aínda que o narrador, que se mantén nunha omnisciencia aséptica e ás veces cruel, con quen marca máis distancias é co personaxe do profesor da autoescola, o representante da “autoridade”, que esconde unha angustia vital moi forte. Mais si: é un xogo traxicómico. Eu procurei, iso si, tratar cun delicadeza, con sensibilidade, uns personaxes que, como dis, poden resultar patéticos.
Por unha banda porque non teño intención moralizadora ningunha, e por outra porque penso que, sendo como son, resultan moi humanos e non é difícil poñerse no seu lugar. Si é certo que, como dicía, hai tipoloxías, arquetipos… Coma os mozotes do Barbanza, por exemplo. Ou Tupé, tan macholo, que sofre tamén unha tremenda soidade. E si, a novela ten que ver con como están estruturadas as relacións humanas, como se nos ensina que a solución á soidade é a procura dunha relación de parella, como se iso fose unha sorte de solución a todos os nosos males. Despois tamén hai un certo xogo coas convencións da novela policiaca, cos seus arquetipos: un caso a resolver, un investigador… (…)
– P: Tamén Marité e Adela -que, sendo máis nova, non é unha muller moi empoderada- representan un pouco o mesmo, en distintas xeracións. Esa socialización que fai depender a autoestima de ter “pretendentes”…
– MP: A de Marité a min paréceme unha existencia dramática. Acaba de casar, despois dunha primeira experiencia sexual traumática queda sen parella e non volve ter outra relación. Garda o seu equilibrio levando unha vida recollida e metódica, refúxiase no alcol, no que atopa momentos de pracer solitario… A súa é unha tremenda soidade ontolóxica…
Adela é capaz de sobrepoñerse tras o remate, tamén traumático, dunha relación, e mesmo se rebela contra a nai cando esta a chama a resignarse, porque non está disposta a aguantar: ten polo menos o seu amor propio. Mais si que é verdade que, como dis, atopa un reforzo da súa autoestima ao saberse considerada como obxecto de desexo sexual por parte dos homes. Os personaxes van avanzando ao longo da novela e é o lector, o lectora, quen ten que valorar como evolúen. (…)”

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 4 de xullo

O 4 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 18:00 h. Presentación de As nosas letras de Muller a Muller, de María Eiras.
– 18:30 h. Ledicia Costas asina na caseta da Secretaría.
– 18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar polo Vigo vello. Organizado pola Feira do Libro de Vigo. Previa inscrición, posterior á compra dun libro na Feira. Prazas limitadas a 25 persoas.
– 18:45 h. Daniel Landesa presenta Penumbra, publicado por Xerais. Participa María Lado. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.
– 19:00 h. Xosé Manuel González “Oli” asina Ratos de viaxe, na caseta de Libros para Soñar.
– 19:30 h. Presentación de Os días felices de Benvido Seixas, de Eduard Velasco, publicado por Xerais. Participa O Leo i Arremecághona. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.
– 19:30 h. Ana Fontenla asina exemplares de Números vermellos, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Pedreira.
– 20:00 h. Ana Cabaleiro asina exemplares de As ramonas, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Cartabón.
– 20:00 h. Antonio García Teijeiro asina Pasando as follas do tempo, publicado por Belagua, na caseta de Librouro.
– 20:15 h. Presentación de Galileo no espello da noite, de Xabier Paz, publicado por Xerais, en conversa con Ana Ulla. Ao remate, sinatura na caseta de Secretaría.

Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2019 para o 3 de xullo

O 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

– 18:00 h. Obradoiro arredor de Quokka Mokka, de María Solar, ilustrado por Víctor Rivas, publicado por Xerais. Ao remate, sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
– 18:00 h. Mónica Penas Vázquez asina Ovo de paspallás, na caseta da Libraría Nobel Gran Vía.
– 18:30 h. Roteiro con Pedro Feijoo polos lugares recollidos no seu libro Camiñar polo Vigo vello. Organizado pola Feira do Libro de Vigo. Previa inscrición, posterior á compra dun libro na Feira. Prazas limitadas a 25 persoas.
– 18:30 h. Anxo Fariña asina na caseta de Secretaría.
– 18:30 h. Luís Davila asina O bichero, na caseta de Librouro.
– 19:00 h. Contra todo isto. Vivir sen permiso. A literatura e o pensamento en liberdade”, por Manuel Rivas. Ao finalizar, sinatura de exemplares na caseta da Secretaría.
– 19:00 h. Manuel Esteban asina na caseta da Secretaría.
– 19:45 h. Presentación de Rosalía feminista, de Helena González Fernández, publicado por Xerais. Participa Nuria Vil, recitadora. Ao rematar, sinatura de exemplares na caseta de Secretaría.
– 20:00 h. Iolanda Zúñiga estará asinando exemplares de Natura, publicado por Galaxia, na caseta da Libraría Cartabón

María Xosé Porteiro: “Para dar cun relato da emigración, hai que loitar contra o esquecemento, contra a amnesia inducida e sen mitificar nada”

Entrevista de Alberto Ramos a María Xosé Porteiro en Praza:
“(…) – Praza (P): En Sándalo, percorre dous séculos de historia con maiúsculas, mais tamén de historias da historia e historias de construcións familiares. Eses son os fíos, pero a agulla que parece mover o tecido é a emancipación dende todos os prismas posibles: a emancipación da escravitude, a emancipación do imperialismo primeiro e do neoimperialismo despois, a emancipación individual na emigración…
– María Xosé Porteiro (MXP): O libro recolle o que parecen moitas tramas inconexas, pero que están corcosidas por ese fío da emancipación. E alégrome de que se perciba. Ao longo do século XIX, inténtanse poñer en práctica os ideais transformadores da Revolución Francesa. Esa é a clave dos movementos de emancipación das colonias do imperio español, pero tamén das colonias francesas como Haiti que, pouco antes de que se vivise a revolución en Cuba, fixera a súa propia translación da Revolución Francesa que acabou nun baño de sangue, tal e como narra Alejo Carpentier en El reino de este mundo. A verdadeira historia de América Latina comeza nesta etapa e Cuba foi realmente o último dos lugares importantes -importantes pola súa situación xeográfica e de posición no mundo- que vive este proceso no que a sociedade busca liberarse dunha monarquía caduca como foi a de Fernando VII e todas as súas secuelas. E hai un vínculo histórico entre esa realidade e Galicia, non só pola emigración, senón porque en Galicia se viven os tempos do Rexurdimento. Un Rexurdimento que, en demasiadas ocasións, nos queren contar como unha corrente cultural e non como o que era: unha ideoloxía política. E que queres? Con todos estes fíos, xorde Sándalo. (…)
– P: De Sándalo non podemos dicir que sexa unha novela histórica, pero ten moito de historia. E moito de documentación. Como foi o proceso de documentarse para a súa escrita?
– MXP: Como podes imaxinar, nesta etapa que vimos de falar e na que eu quería entender de onde viña, eu mercaba calquera libro que falase de Cuba. Non sei cantos títulos podo ter na casa que falen sobre Cuba, pero son moitísimos. Non todos os estudei con lupa, pero de case todos tirei algún elemento ou algunha historia que eu vivira dalgunha maneira estando alá ou que eu estudara sendo nena. Por exemplo, O grito de Yara, que é o inicio do primeira guerra independentista de Cuba encabezado por Céspedes e que se recolle en Sándalo. Ese é un episodio histórico que eu coñezo polos estudos na escola, do mesmo xeito que acó alguén pode ter moi presente en España pois, non sei, o Descubrimento de América. Tamén me identifico moito con José Martí. Para min, polo que estudei en Cuba, o pensamento de Martí, a súa poesía e a súa figura histórica resúltanme moi familiares. Para mi, é doado falar de Martí e de moitas cousas da historia de Cuba que se reflicten no libro. Pero para esta novela quixen estudar e investigar máis un aspecto concreto: a relación e influencia da masonería nos movementos de independencia. Unha influencia que tiña a súa pegada nos grandes líderes de alá, pero tamén de acó. Esa influencia foi un descubrimento recente e un aliciente importante para escribir Sándalo. Os ideais de liberdade e emancipación, eses dos que falamos ao comezo, aparecían e identificaban entre si aos ilustrados galegos e aos cubanos. Dalgún xeito, conformaban unha irmandade ideoloxizada pola masonería. Aí houbo un labor grande de documentación. (…)”