Santiago: presentación de libro e concerto de Miro Casabella

Mañá xoves 12 de marzo no local da Asociación Cultural O Galo (Patio de Madres, 15, Baixo, Santiago) presentarase o libro Miro Casabella e a Nova Canción Galega, de Xan Fraga, editado pola Editorial Galaxia. No acto participará o autor e o propio Miro Casabella, que logo amenizará a velada cun concerto acústico no que fará un repaso dos seus éxitos e nos sorprenderá con novas versións e temas do seu amplo repertorio. Será a partir das 21:30, con entrada libre.

Santiago: presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google

Hoxe mércores 11 de febreiro ás 20.00 h na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago celebrarase un acto de presentación do acordo entre a Editorial Galaxia e Google, un importante proxecto cultural que pon os fondos completos de Galaxia ao servizo da comunidade global. No acto participarán Luis Collado, responsable de Google Búsqueda de Libros en España, Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, o crítico literario Arturo Casas, e o coordinador de novos proxectos da editorial, Francisco Castro.

Rianxo: presentación do Premio García Barros 2008

A Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia, La Voz de Galicia e o Concello de Rianxo presentan o libro gañador do Premio García Barros 2008, Shakespeare destilado, de Xesús Constela. O acto terá lugar o venres 30 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, e estarán presentes o autor; o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes; o presidente de Barbantia, Antón Riveiro Coello; e o alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida.

Galaxia comercializou máis de 200.000 libros en 2008

A editorial Galaxia publicou hoxe no seu blog un resumo das cifras de edición e ventas en 2008. Ao longo do ano Galaxia presentou 95 novidades que se incorporan a un catálogo comercial que sobrepasa xa os mil títulos. A tiraxe media actual está perto dos 1800 exemplares, con mínimos de 800 e máximas de 8000. 211.890 foron os exemplares publicados e comercializados pola editorial en 2008. Entre 2000 e 2007 Galaxia lanzou ademais 145 traducións, case un terzo delas procedentes do inglés. Máis información, no blog da editorial.

Reedición de “long-sellers” da literatura galega

Nas últimas semanas foron anunciadas as reedicións dalgúns grandes éxitos da literatura galega, obras que seguen a gozar do fervor dos lectores moitos anos despois da súa saída ao mercado. É o caso de Que me queres, amor? de Manuel Rivas, da que Galaxia vén de sacar a edición número quince e que acumula 65 mil exemplares vendidos. Quince son tamén as edicións de Crime en Compostela de Carlos Reigosa, en Xerais, que tamén puxo nas librarías a vixésimo terceira edición das Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, un dos fitos do sistema editorial galego con perto de setenta mil exemplares vendidos.

A Editorial Galaxia na Feira do libro da Coruña

A Editorial Galaxia comprácese en convidar aos seguintes actos que terán lugar na Feira do Libro da Coruña 2008, do 1 ao 10 de agosto, nos Xardíns de Méndez Núñez:
– Venres 1 de agosto, ás 19.00 h. Presentación de Toponimia de Galicia, de Fernando Cabeza Quiles. Participan xunto co autor Carlos Lema e Xesús Fraga.
– Venres 1 de agosto, ás 19.00 h. Inma López Silva asinará exemplares do seu libro New York, New York.
– Luns 4 de agosto, ás 21.00 h. Presentación do poemario Estúrdiga materia, de Luís González Tosar. Víctor F. Freixanes, Miguel Anxo Fernán-Vello e Luciano Rodríguez acompañarán o autor.
– Xoves 7 de agosto, ás 20.00 h. Presentación da triloxía Evanxélica memoria, de Xavier Alcalá. Participan xunto co autor Víctor F. Freixanes e Alfredo Ferreiro.
– Venres 8 de agosto, ás 20.00 h. Recital literario-musical de A vida nova de Madame Bovary, de Xosé Carlos Caneiro, acompañado por Xosé Manuel Salgado á guitarra.
– Sábado 9 de agosto, ás 19.00 h. Antón Riveiro Coello asinará exemplares da súa novela Os ollos de K.
– Sábado 9 de agosto, ás 20.30 h. A escritora Fina Casalderrey asinará exemplares dos seus libros Ola, estúpido monstro peludo! e Apertas de vainilla.

Vigo: preséntase Estúrdiga materia, de Luis González Tosar

O mércores 16 de xullo, ás 20:00, terá lugar no Centro Social Caixanova de Vigo (R/ Policarpo Sanz, 24-26) a presentación do libro Estúrdiga materia, de Luis González Tosar. Participarán no acto Guillermo Brea (director da Obra Social), Víctor F. Freixanes (editor) Xosé Luis Méndez Ferrín (escritor e autor do limiar), Manuel Quintana Martelo (pintor e autor das ilustracións), así como o autor do poemario.