Ferrol: recital e obradoiro con Eduardo Estévez

Mañá venres 27 de febreiro ás 17:30 na Galería Sargadelos de Ferrol haberá unha sesión aberta do obradoiro literario de Fene para celebrar a aparición en papel do libro Os veos da paisaxe de Eduardo Estévez preparada por Antonio Piñeiro en Edicións Bourel. Esta edición consta de 80 exemplares cosidos e pegados a man acompañados por cinco fotografías orixinais da serie Os veos da paisaxe, algunhas das cales están expostas este mes na propia Galería Sargadelos xunto co traballo de Igor Lugrís, Poesía para ver, poesía para ler. Na sesión de hoxe o editor Antonio Piñeiro falará sobre o que significa unha editora de libros artesáns e contará como é que se fai un obxectos coma este. A seguir, Eduardo Estévez fará un pequeno recital con textos do libro e despois as persoas presentes que queiran poderán participar dun exercicio de escrita a partir das imaxes da exposición.

Ferrol: exposición de Eduardo Estévez e Igor Lugrís

O venres 6 de febreiro inaugúrase na Galería Sargadelos de Ferrol a exposición das fotografías de Eduardo Estévez que conforman o traballo Os veos da paisaxe. Na Galería compartirá espazo con Igor Lugrís, que amosará algúns dos seus poemas visuais Poesía para ver Poesía para ler. Durante o acto celebrarase tamén un recital poético. A exposición poderá ser visitada até o 28 de febreiro.

Ferrol: exposición Os veos da paisaxe

Entre o 6 e o 28 de febreiro a Galería Sargadelos de Ferrol exporá algunhas das fotografías de Eduardo Estévez que conforman o traballo Os veos da paisaxe. Na Galería compartirá espazo con Igor Lugrís, que amosará parte dos seus poemas visuais Poesía para ver Poesía para ler. A inauguración, que incluirá un recital poético, terá lugar o venres 6 de febreiro ás 20 horas. Unha semana despois, o venres 13, presentarán no mesmo escenario a primeira edición en papel d’Os veos da paisaxe, oitenta exemplares artesanais que conteñen, cada un, cinco fotografías orixinais (diferentes en cada exemplar), da mesma serie das que se expoñen.

Os lectores de Fervenzas Literarias elixen o mellor de 2008

Fervenzas literarias deu a coñecer hai uns días o resultado da enquisa que fixo entre os seus lectores para elixir o mellor de 2008 no ámbito da literatura en galego. Velaquí os gañadores:

Mellor libro de narrativa adultos do ano: Festina lente (Xerais) de Marcos S. Calveiro.
Mellor libro de poesía adultos do ano: construcións (Positivas) de Eduardo Estévez.
Mellor libro de ensaio adultos do ano: Os Grouchos (Xerais) de Manuel O’Rivas.
Mellor libro para adultos traducido ao galego do ano: Lolita (Faktoría K) de Vladimir Nabokov.
Mellor libro xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais) de Xabier P. Docampo.
Mellor libro infantil do ano: Das novas cousas de Ramón Lamote (Galaxia) de Paco Martín.
Mellor libro infantil e xuvenil traducido ao galego do ano: Un casoiro ben mal amañado (Sotelo Blanco) de Bali Rai.
Autor/a do ano: Marcos S. Calveiro.
Mellor ilustrador/a do ano: Xosé Cobas.
Mellor portada adultos do ano: Pan e coitelo (Galaxia).
Mellor portada infantil/xuvenil do ano: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais).
Mellor editorial do ano: Xerais.
Mellor crítico/a literario do ano: Ramón Nicolás.
Mellor iniciativa literaria do ano: Cultur.gal
O mellor acontecido no 2008: Premios Nacionais/Recoñecemento a Xusto Beramendi e a Agustín Fernández Paz.
O peor acontecido no 2008: Consellería de Cultura e Deporte.
Mellor libraría: Libraría Arenas (A Coruña).
Mellor medio de comunicación: Diario Cultural da Radio Galega.
Mellor blog: As uvas na solaina.

Recital poético en Fene

O sábado 12 de maio ás 18:30, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, terá lugar no local da Sociedade O Pote de Maniños (Fene), un recital poético no que intervirán Arsenio Iglesias Pazos, Daniel Salgado, Eduardo Estévez, Leo F. Campos, Lorena Souto, María Lado, Mario Regueira, Xía Arias e Verónica Martínez Delgado.