Eli Rios: “A figura de Maria Solinha está amplamente tratada na nossa tradiçom mas (quase) todas som narradas com perspetivas masculinas”

Entrevista a Eli Rios no Portal Galego da Língua:
“(…) – Portal Galego da Língua (PGL): Vés de ganhar em 2013 o I Prémio de Poesia Figurante e de publicar na sua editora o poemário Maria. Que vai encontrar o/a leitor/a nesta obra?
– Eli Rios (ER): Um poemário que precisa da pessoa que lê. Nom há respostas mas sim perguntas sobre cada quem tem de voltar sobre elas (se quiger).
Nom estamos perante uma poesia intimista nem de costumes. Maria traz até a tona do verso temas tam complexos, e com múltiplas leituras, como a sociedade patriarcal, o lesbianismo, a maternidade, a crise económica, a indefensom aprendida, a transmissom numa voz feminina…
– PGL: Por que demorou tanto em ser umha mulher quem tratasse da figura de Maria Solinha, a priori, tam atrativa na perspetiva feminista?
– ER: A figura de Maria Solinha está amplamente tratada na nossa tradiçom: aí temos as músicas de Carlos Núñez e Teresa Salgueiro, Luar na Lubre, etc, a biografia feita por Encarna Otero, o filme A paixón de María Soliña… mas todas (excetuando a biografia antes mencionada) bebem da transmissom patriarcal, som narradas com perspetivas masculinas ou, simplesmente, repetem as estrofes escritas por Celso Emilio Ferreiro.
Maria nom procura o rigor histórico nem inventar nada. Só tenta fazer uma viagem ao futuro e “dar” uma oportunidade de “vingar-se” da injustiça a todas aquelas marias que nalgum momento foram silenciadas pela sociedade patriarcal. Recordemos que no processo contra Maria Solinho havia oito mulheres mais… Esta tentativa de “re-apropriaçom” da historia por parte das vozes femininas e a liberdade criativa usando umha personagem histórica é sempre bem vista na narrativa e com óticas patriarcais mas na poesia continua sendo “freak”. Por quê? Pois pelo mesmo que no tratamento informativo da morte dumha mulher se focaliza o “morbo”, pelo mesmo que as instituiçons acham que nom devemos gerir o nosso próprio corpo, pelo mesmo que um homem sente que nos agradam os comentários sobre o nosso físico quando caminhamos pela rua… Resta muito por andar nom só no feminismo mas também na educaçom das pessoas e isso nom se faz num dia. A literatura vai da mao da sociedade. Em pleno século XXI lembro o caso do Lusocuria da Verónica Martinez Delgado que trata o tema da sexualidade feminina e foi qualificado pela crítica como um libro “porco” dumha autora “frustrada”. Nessas estamos ainda aqui na Galiza… (…)”

Eli Ríos: “Interésame que a poesía provoque o pensamento”

Entrevista de Carme Vidal a Eli Ríos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que hai detrás dun poemario que se titular Anamnese?
– Eli Ríos (ER): Está tomado polo lado da Filosofía. Pensamos que a poesía é algo impreso no libro mais a poesía é tamén algo que levamos dentro e temos que sacar. Trátase de poesía narrativa na que dúas persoas se encontran e unha pensa que xa coñecía a outra e vanse dando circunstancias particulares que fan saír o coñecemento. O argumento dá pé a que o eu lírico fago ese proceso de chegar ao coñecemento que hai dentro. (…)
– SG: En María, recén publicado e gañador do Premio de Poesía Figurante, a súa vontade era recuperar a memoria dunha muller, María Soliña, sempre contada por homes, a través dunha voz feminina.
– Eli Ríos (ER): Estamos nunha sociedade na que a Lei Wert está a facer idiotas funcionais, aprenderemos a ler e sumar mais pouco máis. Non se procura a curiosidade, que nos fagamos preguntas, a investigación. Na literatura acontece o mesmo, os éxitos de venda son libros que non fan pensar, que nos queren sumir na amnesia colectiva. Estamos a quedar sen recursos nas aulas. O enfoque do libro é dirixirse ao lector e dicirlle: espabila, que non che vou dar todo feito! Interésame que a poesía provoque o pensamento. Non quero dar respostas senón que se fagan preguntas.
– SG: A poesía pode loitar contra esa amnesia colectiva?
– ER: Todo libro que faga pensar, aínda que só sexa un verso contribúe a que espertemos. Os poemas do libro comezan cunha cita dun autor que me leva a escribir, ese poeta conseguiu que participase activamente na literatura, no proceso doutra persoa. A min gustaríame que co meu libro acontecese iso.
– SG: Vostede é unha das autoras que participa no portal de crítica literaria feminista A Sega que fai agora un ano. Que significou a súa creación?
– ER: Pois que era necesario. Estamos a falar de leis que nos impiden ser donas do noso corpo e na literatura acontece o mesmo. Os grandes críticos son voces masculinas. Cando unha escritora como Fina Casalderrey entra na Academia é como un fito: “entrou unha muller”, dicían, e nin se fala da súa traxectoria e todos os méritos que ten. Seguimos nese estado en que as voces femininas, e non só as galegas, están sempre vistas desde o punto de vista do home, xa que os críticos son masculinos. Nós quixemos darlle voz ás escritoras que non saen na prensa, que non están na Academia, que están invisibilizadas. (…)”

Eli Ríos gaña o II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Na tarde do xoves 6 de marzo tiven o pracer de compartir xuntanza coa amiga Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, e mais os colegas Mercedes Queixas Zas e Luís Cochón Touriño, cos que formei parte do xurado do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía.
Nunha xornada intensa na que deliberamos por espazo de dúas horas, decidimos outorgar por unanimidade o galardón ao traballo que se nos presentara baixo o título de Anamnese e o lema Carlos Casa Ares. Malia cadrarmos todos a unha na votación final, non foi doado chegar ata esta, pois foron nada menos que corenta os orixinais presentados, o que, nun certame que celebra agora apenas a súa segunda convocatoria, dá idea do éxito de participación.
Avanzando na escolma das moi diversas e interesantes propostas que se nos remitiron, chegamos a este Anamnese que, unha vez aberta aplica, resultou ser da autoría de Elisabet Ríos Liste (1967), máis coñecida como Eli Ríos, poeta de nacenza londiniense, criada en Ordes e radicada na Coruña, ben familiar para os seguidores do verso galego, pois é autora que ten publicado xa valiosas contribucións, como as tituladas nós escoitando o badalo de Marienplatz (2010) —que foi Premio de Poesía do Concello de Carral—, o traballo en coautoría Rúa da Cancela (2010) —distinguido tamén no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas— e, aínda recentemente, Maria (2013), que foi merecente do I Premio de Poesía O Figurante.
Anamnese vén sumarse, pois, a unha importante lista de obras galardoadas que confirman a Eli Ríos como unha das voces máis presentes da actualidade poética galega, onde é igualmente apreciada pola súa participación en volumes colectivos, a impartición de obradoiros de escrita, o seu labor como contacontos infantil e mesmo as achegas críticas á revista dixital A Sega.
Tal como reflectimos na acta do xurado deste certame patrocinado polo Concello de Fornelos de Montes (terra natal do autor que lle dá nome), o poemario co que Eli Ríos se fixo acredora do II Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía salienta pola súa capacidade para a elaboración dunha linguaxe nova coa que comunicar un vizoso mundo creativo onde se procura abrir o discurso poético a rexistros alternativos que beben de moi diversas fontes. Tamén si, por esa habelenciosa mestura na que a revelación do cotián e as pegadas do amoroso conviven e establecen un diálogo coa escrita de múltiples autores tanto galegos coma foráneos. (…)”

A biografía do Orlando namorado, furioso e pendurado, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na revista A Sega:
“Goretti Fariña, na novela Orlando pendurado, debulla a historia de Orlando, un ex-seminarista que traballa no naval. No estaleiro, un día, ten un acidente e queda pendurado dun arnés a nove metros de altura. Mentres agarda que cheguen os bombeiros reflexiona sobre o que foi a súa vida e o que espera do futuro.
Cunha prosa amena, a autora restaura un modelo lingüístico de calidade no que a linguaxe sexista reforza a dominación simbólica contra as mulleres ao tempo que debulla os temas da novela: a crítica ao sistema económico, á Igrexa, aos sindicatos, ás condicións laborais, ás supersticións, etc Iso si: sempre desde o burlesco, desde o ridículo e desde a ironía máis fina porque, este texto, toma o relevo de grandes obras europeas, con altas doses de sátira, como Orlando innamorato (1486) de Matteo Maria Boiardo, Orlando furioso (1532) de Ludovico Ariosto e Orlando: A Biography (1928) de Virginia Woolf. (…)”

Ourense: espectáculo poético-artístico de Eli Ríos, Yolanda López e Xosé Manuel Moxom

O venres 7 de marzo, ás 20:30 horas, no Biblio-café La habitación de niña caracol (Praza das Mercedes, 12) de Ourense, terá lugar unha tertulia e intervención poética de Eli Ríos e Yolanda López, quen, baixo o título Mulleres que corren como lobos, falarán sobre os seus últimos poemarios, Maria e Moralla, respectivamente, da man das mulleres feitas materia polo artista ourensán Xosé Manuel Moxom, quen exercerá de mestre de cerimonias para adentrarse na poesía, na escultura, na música e na pintura.

O pozo da ferida, de Medos Romero, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos en A Sega:
“Hai libros que, co paso do tempo, van madurecendo na memoria e, tempo despois, volves encontrarte con eles. Ese instante de redescoberta leva implícito un proceso lector de mudanza no que lemos, sendo unha persoa diferente, as mesmas letras, as mesmas frases, o mesmo poemario pero cun significado diferente. Diferente? Si porque temos unhas experiencias vitais que nos achegan ou nos afastan da primeira lectura.
O pozo da ferida de Medos Romero foi publicado no 2006, pola Deputación da Coruña, despois de acadar o Premio Gonzalez Garcés de Poesía. Este poemario é dunha beleza inusual onde a linguaxe carece de adubos innecesarios e preséntase sen artifícios para denunciar a alienación do ser humano, a dor das mulleres que sofren violencia en toda parte do mundo. A prostitución, as enfermidades de transmisión sexual, os malos tratos, a pobreza, a ligazón á terra, o espolio dos recursos naturais, o desterro, etc, habitan estes versos chamándolle polo seu nome, sen eufemismos, a “ese xeito de sermos/ negadas sen medida” as mulleres en calquera latitude. (…)”

Fallo do I Premio de Poesía O Figurante

“Reunido o xurado do I Premio de Poesía O Figurante na noite do 25 de xuño de 2013, decidiu por unanimidade concedelo a Eli Ríos polo seu libro María e a Marta Dacosta polo seu poemario Argola.
O xurado recoñece o valor literario das dúas propostas, salientando a pertinencia da mensaxe dende unha perspectiva feminista, a forza e intensidade das imaxes e o dominio dos diferentes recursos poéticos, así como do idioma, na amálgama que conforma un todo sólido e perfectamente coligado. Ademais, quere destacar a cantidade e calidade de propostas enviadas.
O premio consta da publicación das dúas obras en volumes independentes, o que se realizará ao longo do presente ano, nunha primeira edición de, como mínimo, cen exemplares, dos que se derivarán os preceptivos dereitos de autor.”