A Coruña: actos literarios destacados do sábado 2 na Feira do Libro

OFederación de Librarias de Galicia sábado 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados nese día:

Sábado 2
– 18:00 h. Eli Ríos asinará exemplares do seu libro Anamnese na caseta de Consorcio Editorial.
– 18:30 h. Rosa Aneiros firma na caseta de Libraría Pedreira.
– 19:00 h. Eva Veiga e Isabel Pintado asinarán na caseta de Editores Coruñeses.
– 19:00 h. A escritora Rosa Aneiros presenta Ámote, Leo, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto coa autora, participará no acto Manuel Bragado.
– 19:00 h. Manuel Mandianes asinará Viaxe sen retorno na caseta de Consorcio Editorial.
– 19:00 h. María Reimóndez firma na caseta da Libraría Pedreira.
– 19:00 h. O ilustrador David Pintor asinará Brinca vai! e outras obras publicadas por Kalandraka
– 19:00 h. O escritor Henrique Dacosta asinará exemplares do seu libro Entrada ao xardín do saber, na caseta da Libraría Cartabón.
– 19:45 h. Presentación do libro A alternativa está aquí, de María Reimóndez, publicado por Xerais. Participa no acto Manuel Bragado.
– 20:30 h. O xornalista Pemón Bouzas fará a presentación do seu libro A voz do vento, publicado por Xerais. Acompaña ao autor Manuel Bragado.
– 21:15 h. Presentación do libro Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado por Edicións Xerais. Participa no acto Manuel Bragado.

Propostas con premio: Doe tanto a túa ausencia, de Eli Ríos, premio Francisco Añón de poesía

Entrevista de Ramón Nicolás a Eli Ríos en Caderno da crítica:
“(…) -Ramón Nicolás (RN): Por outro lado, o xurado do premio Francisco Añón salientou o peso do dramático no teu libro [Doe tanto a túa ausencia], por que este camiño?
– Eli Ríos (ER): Principalmente por experimentar, por mergullarme nun desafío poético. Nunha conversa cun amigo falamos sobre a capacidade que ten a poesía para ser representada e interesoume moito o tema. Quixen ver até onde podía ir… e aquí estamos. (…)
– RN: Recoñeces como trazo singularizador o minimalismo e o desdobramento ao que aludiu o xurado na acta do mesmo?
– ER: Isto foi algo que destaquei no mesmo acto de entrega. Estaba alí sentada na cadeira, escoitando a acta do xurado (aínda non tivera ocasión de lela), e houbo un momento no que as palabras de Mercedes Queixas me meteron moito medo, puxéronseme todos os pelos de punta! Se non fose porque sei que non é posible até dubidaría se conseguiran lerme os pensamentos!
De feito, creo que o Concello da Serra de Outes debería plantexarse recoller as actas nalgún volume porque, hai uns días, nunha Feira, achegouseme unha persoa a pedir Doe tanto a túa ausencia e quería que llo asinase. Expliqueille que o poemario non se publica até o ano próximo e terqueoume que si, que vira a acta do premio, que lle interesaba moito e que o quería ler. Como ves, o xurado non só me impresionou a min coa súa lectura…
– RN: Combinas outras actividades con participación na web de crítica feminista A Sega. Como entendes esta plataforma e as túas colaboracións na mesma?
– ER: A Sega é moito máis do que unha plataforma. A xente que alí estamos somos cada unha de idades, formacións, orixes, etc, diferentes e temos unha cousa en común: a vontade de cambiar as regras deste xogo patriarcal que non queremos xogar. Isto fai que cada texto, cada acción, cada idea á que lle damos visibilidade teña por detrás un espazo de debate compartido no que nunca paras de aprender. Para min, é realmente enriquecedor contar cunha xentiña como as segadoras sempre dispostas a solucionar dúbidas, a facer as críticas constructivas que che axudan a mellorar ou entender as cousas… É un privilexio crear na colectividade e na sorodidade para dar voz a propostas que non terían cabida noutros medios.
As miñas colaboracións n´A Sega gustaríame que fosen máis habituais pero, por falta de tempo, faise o que se pode. Non se pode estar en misa e repenicando! E isto é fantástico na Sega. Sempre hai unha segadora na ceifa! Hai semanas que non me dá a virada para entrar ao grupo de debate e, cando o fago, sorpréndome con todas as aportacións que hai, propostas, recomendacións de lecturas, etc. E claro! Logo pasas outra semana rompendo os miolos sobre as teorías que se expoñen…, e cando te dás conta levas máis aprendido que nun ano de carreira universitaria. De aí que, cando unha colaboración que leva o meu nome sae n´A Sega, eu non a sinta de meu senón de todas e cada unha das segadoras que están nese proceso de aprendizaxe, de debate, de corrección, etc., que se propón na comunidade de crítica literaria feminista que é A Sega.”

Vigo: actividades destacadas do sábado 31 de maio na Feira do Libro

Os sábado 31 de maio e domingo 1 de xuño finaliza a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para o sábado 31:

– 12:00 h. Sinatura de Eli Ríos na caseta da Libraría Andel.
– 13:30 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na Caseta da Libraría Andel.
– 18:00 h. Encontro coas crianzas, no que Iván Sende, ilustrador e María Reimóndez, autora de Volvo! O regreso de Usha, publicado por Xerais, contarán como se escribiu e ilustrou o libro.
– 19:00 h. Sinatura de María Reimóndez na caseta da Libraría Andel.

Cuestionario Proust: Eli Ríos

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Eli Ríos:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Pallasa.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O humor intelixente.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Nada. Se son amizades é porque todo o que agardaba delas xa está enriba do tapete.
4.– A súa principal eiva?
– Darlle demasiada importancia aos detalles.
5.– A súa ocupación favorita?
– A sesta. Que grande pracer!
6.– O seu ideal de felicidade?
– Pois gustaríame poder facer máis a miúdo as ceas na praia coa miña xente. Son momentos moi especiais pero como o verán aquí dura tan pouco…
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non ter nacido.
8.– Que lle gustaría ser?
– Pois o que son porque cando quixen ser outra cousa fíxeno a través da literatura, así que ese lado xa está cuberto.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo, senón xa tería marchado.
10.– A súa cor favorita?
– Depende para que. Gosto do lila, do azul, do laranxa, do branco,…
11.– A flor que máis lle gusta?
– Ningunha. Creo que as plantas me teñen manía. Non me sobreviven nin os cactos.
12.– O paxaro que prefire?
– A lavandeira e a pega.
13.– A súa devoción na prosa?
– Non teño devocións porque leo até as instrucións do Ikea pero si libros aos que volvo con frecuencia. Calquera da Lídia Jorge.
14.– E na poesía?
– O mesmo que a anterior. Regreso habitualmente ao Álvaro de Campos e ao Herberto Hélder aínda que, desde hai uns meses, habitan a miña mesiña de noite As lavandas… de Ramón Neto.
15.– Un libro?
– Imposible. Un só non podo.
16.– Un heroe de ficción?
– R2-D2
17.– Unha heroína?
– Neste momento, Lisbeth Salander.
18.– A súa música favorita?
– O punk, británico, a poder ser.
19.– Na pintura?
– A pintura é como os libros, non podes escoller unha única obra pero se alguén desexa agasallarme un cadro do Quim Alcantara non vou dicir que non.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Nesta época de crise moita xente: desde a profe dos meus fillos que fai un traballo incrible cos poucos recursos cos que conta, a doutora que os mima como se non houbese recortes, os meus maiores que viven con pensións ridículas despois de pasar unha vida enteira cotizando, a miña viciña que quedou no paro e reinventouse montando un negocio, os amigos que crean unha empresa, os que emigran deixando aquí a súa familia… Hoxe en día hai tantos heroes e heroínas…
21.– O seu nome favorito?
– Lela.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O pesimismo.
23.– O que máis odia?
– O egotismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Ningunha. Podo estar de acordo ou non pero toda persoa é importante para alguén.
25.– Un feito militar que admire?
– Non admiro nada militar pero interésame a Revolução dos Cravos.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de entender o mundo con só miralo como facía miña avoa. Sabía se unha vaca ía parir ou non con mirarlle á cara ou se o bieiteiro estaba preparado para ser apañado e facer o aceite.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Morrendo dun ataque de risa.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Retranqueiro.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que conteñen unha alta dose de inocencia.
30.– Un lema na súa vida?
– Un que me dixeron hai pouco: «Nunca mates unha mosca na cabeza dun tigre».”

Eli Ríos gaña o XVIII Certame Francisco Añón de poesía

Oriana Méndez gaña o XVII Certame de Poesía Concello de Carral

“Oriana Méndez, coa súa obra O que precede a caída é branco resultou gañadora do XVII Certame de Poesía Concello de Carral.
O xurado escolleu esta obra pola unidade de contido e forma, na qua se detecta que foi concibida como un todo, tendendo fíos entre a macroestrutura e os versos. O libro conta cunha linguaxe moi coidada e suxestiva prestando especial atención ao feche dos poemas. A autora crea un espazo lírico cheo de luz e establece numerosos xogos metaliterarios con diferentes escollas plásticas e artísticas. Así mesmo debemos destacar o traballo de tensión-distensión poética e o ritmo.
O xurado estivo formado por Dores Tembrás, Olga Patiño Nogueira e Eli Ríos, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 36 libros. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 30 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2014. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.”

Lugo: recital de poesía e música Versos ao vento

Eli Ríos recolle en Fornelos o premio Lueiro Rey nun acto de homenaxe ao escritor

Desde Sermos Galiza:
“A Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe e o Concello de Fornelos de Montes organizan o acto de entrega da segunda edición do Premio de Poesía Lueiro Rey no que será unha nova homenaxe ao escritor no concello no que naceu. A poeta Eli Ríos recitará algunhas das composicións de Anamnese, o título polo que recibirá o segundo premio Lueiro Rey de poesía. Canda ela, Silvia Penas, anterior gañadora e Elvira Riveiro, participarán no acto literario no que tamén intervirán Mercedes Queixas, voceira do xurado e secretaria da AELG, ademais de Ramón Nicolás, coordinador do volume colectivo sobre o escritor e o presidente da RAG e amigo de Lueiro, Xesús Alonso Montero.
A xornada comezará o domingo día 27 ás 11:30 h. coa inauguración da rúa Lueiro Rey no seu concello natal, nun acto especial xa que é a primeira ocasión na que en Fornelos se lle pon o nome do escritor a un espazo público.”