Escola de Escritoræs: Obradoiro en Compostela a cargo de Alicia Fernández

O novo obradoiro da Escola de Escritores/as da AELG leva como título Da memoria ao poema e, impartido por Alicia Fernández, será unha iniciación á creación poética, convidando a escribir desde a lectura, o ensaio literario (proba, erro) e o pracer.
Traballarase a partir dunha escolma de poemas de diferentes autores e falarase de técnicas para a escrita, exemplificando sempre e recorrendo a outros soportes como o audiovisual. Tamén se fará algún recital de poesía e visitaranos un poeta novo para contarlles aos asistentes a súa experiencia sobre a escrita e resolverlles as dúbidas básicas (por que escribo?, cando?, onde?…).

Programa:
– As palabras como punto de partida.
– O ritmo e o ton.
– O adxectivo, a precisión.
– As ideas, a memoria.
– Que contar e como contalo.
– A imaxinación.
– A voz.
– Encontro cun poeta.
– Recital poético.

Duración:
10 sesións, os sábados, de 12:00 a 14:00, a partir do 14 de setembro.

Inscrición:
Por rigorosa orde de solicitude. Inscrición gratuíta grazas ao patrocinio da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Santiago de Compostela.
A partir do día 7 de agosto e até o 12 de setembro, no teléfono 981 54 24 09 ou enviando esta folla de inscrición ao correo electrónico dlg@santiagodecompostela.org ou entregándoa no Departamento de Lingua Galega na Casa do Concello.

Número de prazas: 25, para persoas adultas.

Lugar de celebración: Sala de didáctica da FUNDACIÓN-MUSEO EUGENIO GRANELL (Praza do Toural).

Alicia Fernández Rodríguez naceu en Escairón (O Saviñao) no ano 1987. Licenciada en Filoloxía Galega pola USC.
Participa en numerosos recitais e cursos de iniciación á poesía para nenos. Os seus poemas foron publicados en revistas literarias como A Caramuxa, Xistral, Dorna, A ciegas ou Revista das Letras, e nos libros colectivos Sempre mar. Cultura contra a burla negra (2003), Letras Novas (2007) e Guía viva de ortodoxos y heterodoxos en la poesía contemporánea gallega (2012).
No 2005 foi editado por edições Tema o seu poemario Botar o mar polos ollos.
Gañadora, sendo aínda adolescente, de premios de poesía como o Francisco Fernández del Riego, Francisco Añón, Díaz Jácome, Ánxel Casal ou Minerva, entre outros, galardóns que, co tempo, non lle impediron desenvolver unha voz propia e escintilante, con textos que cativan o lector pola súa intensidade emocional e pola súa ousada transparencia formal. Poemas que arrincan desde un lugar remoto da consciencia para revelar as entrañas do monstro e as súas longas poutas, sempre asexantes.
Participou no IV Encontro de Nov@s Escritor@s organizado pola AELG en 2009 coa conferencia Canonizar as amigas coa que fixo un repaso daquelas poéticas que máis inflúen na súa propia escrita, incidindo especialmente na chamada poesía feminina dos 90 (pero tamén nalgunhas/algúns autoras/es dos 80) ao tempo que mostra un suxestivo abano da poesía galega máis recente, na que ela mesma se insire (Alba Vidal, Fran Cortegoso, Andrea Nunes, Mario Regueira, Xiana Arias, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Xabier Xil Xardón, María Comesaña, Brais González).

Lugo: Segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG, do 24 de setembro ao 17 de decembro

Está aberto o prazo para solicitar unha das 25 prazas do segundo obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da AELG, que se adxudicarán por orde de solicitude, con preferencia ás persoas participantes no primeiro obradoiro, celebrado o ano pasado.
O obradoiro, financiado pola Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, é gratuíto, e será impartido polos escritores Antonio Reigosa e Isidro Novo. A última das sesións será unha clase maxistral de Avelino González.
Baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral, desenvolverase ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración do 24 de setembro ao 17 de decembro. As clases serán os martes de 18:00 a 20:00 horas no Centro Social Municipal Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros) e a inscrición gratuíta poderá formalizarse entre o 9 de xullo e o 15 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Lugo (Edificio Administrativo do Concello de Lugo, na Ronda da Muralla s/n). O número de prazas é de 25 e adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición, con preferencia para as/os participantes no primeiro ciclo do curso.
Durante a presentación aos medios, Carmen Basadre, Concelleira de Cultura, sinalou que “visto o éxito da primeira edición decidiuse continuar xa que entendemos que a oralidade constitúe un dos piares fundamentais para transmitir a nosa cultura”. Pola súa parte, Antonio Reigosa, explicou que “o obxectivo é traballar coa oralidade para transmitir toda a cultura e buscamos chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual”.
Estudaranse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de que o alumnado acade notables coñecementos das técnicas da narrativa oral como son:
– Oralidade con música: regueifa, repentismo, rap…
– Técnicas de improvisación oral.
– Linguaxes non verbais da oralidade.
– Técnicas de lectura en voz alta.
– Fórmulas de inicio e remate dunha narración oral.
– Para contar un conto ben contado.
– Repertorio do narrador/a oral.
Durante a primeira semana de novembro levarase a cabo a Semana da Oralidade con sesión prácticas abertas ao público.

Escola de Escritores/as da AELG: Obradoiro de creación literaria a cargo de Xavier Seoane en Perillo, Oleiros

O día 14 de febreiro, ás 18:30 horas, na Biblioteca Central Rialeda (Perillo, Oleiros), comezará un Obradoiro de creación literaria impartido polo escritor e profesor Xavier Seoane, dentro do programa de Escolas de escritores-as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Está dirixido a mozas/os (a partir de 15 anos) e adultas/os, realizarase os martes e terá unha duración de dez sesións (até o 8 de maio).
Debido a que son prazas limitadas é imprescindible inscribirse na biblioteca chamando ao teléfono 981 639 511 ou a través do correo electrónico biblioteca.rialeda@oleiros.org
Esta actividade ten prezo público para as persoas non empadroadas en Oleiros.
É unha iniciativa da Concellería de Cultura de Oleiros e da Asociación de Escritores en Lingua Galega e con ela preténdese animar a escribir textos literarios mediante a manipulación de formas lingüísticas e a imitación de modelos expresivos da nosa tradición literaria, aos que podemos chegar mediante o xogo e a descuberta da nosa propia creatividade.

Máis información aquí: Escola de escritores-as Obradoiro de creación literaria Concello de Oleiros.

La Opinión: “A AELG crea a Escola de Escritores para fomentar o compromiso coa lingua galega”

“(…) O presidente da AELG considera que a asociación que preside “podería ser útil neste momento” para cumprir a función de normalizar a lectura e a escritura en Galicia. “A nosa idea é procurar entre os mozos e mozas de últimos anos de estudos medios ou primeiros da universidade esa paixón pola escritura, poder compartir con eles a creación literaria”, afirmou Cesáreo Sánchez. Os obradoiros están destinados a persoas maiores de 16 anos e con eles a AELG pretende, segundo di nun comunicado, proporcionar estratexias para a escrita de ficción, afondar nos motivos que alimentan a literatura, crear unha capacidade de observación, reflexión e intercomunicación no propio interior, concienciar á sociedade da necesidade de estimulación creativa e poñer en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria. Cesáreo Sánchez sinala que o máis importante é “inicialos na escrita, e que isto leve a que de aí saian futuros escritores e non só iso, senón que se formen persoas que saiban escribir ben e comunicar o que pensan con calidade literaria”.
O primeiro dos talleres da Escola de Escritoras e Escritores terá lugar na Coruña e correrá a cargo da poeta Antía Otero, aínda que a AELG mantén conversas con moitos concellos galegos para levar eses obradoiros por toda a comunidade. En Lugo, segundo afirmou Sánchez, “case con total seguridade impartirán un curso Antonio Reigosa e Isidro Novo, e en Pontevedra realizarase un de literatura infantil e xuvenil”. A Escola de Escritores da AELG, explica o seu presidente, “pretende transmitir, como primeiro valor, a liberdade creadora”, e cos obradoiros tentarán “potenciar as capacidades interiores que xa existen na propia persoa, fomentar o mundo poético, en canto que mundo persoal e interior de cada un”. O presidente da asociación revelou que “haberá obradoiros de escrita creativa, sen separar en xéneros, porque cada un camiñará cara a certos xéneros. Crear literatura é un exercicio de liberdade interior”, apuntou. A Asociación de Escritores en Lingua Galega amosou o seu apoio aos medios de comunicación en galego: “Galicia necesita xente comprometida coa lingua, é un acto deplorable o peche de xornais”, dixo Cesáreo Sánchez, quen afirmou que “é un acto de responsabilidade coa lingua apoiar aos medios de comunicación en galego, aos galegofalantes vainos a vida en ter unha prensa nesta lingua”. Os escritores en galego confirmaron o seu apoio “tanto os medios como os traballadores deses medios, xa que dalgún xeito a nosa razón de ser é tamén que haxa xornalistas en galego”, concluíu Sánchez.” Vía La Opinión.

A Coruña: nace a Escola de Escritoras e Escritores da AELG cun obradoiro de escrita creativa a cargo de Antía Otero, a partir do 13 de outubro

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio de CEDRO, crea a Escola de Escritoras e Escritores da AELG, unha iniciativa que ten como obxectivos, cos autores/as como guía, transmitir a experiencia da paixón do acto de crear:
•afondando nos motivos que alimentan a literatura,
•proporcionando estratexias para a escrita de ficción,
•destacando o desenvolvemento da capacidade de observación, reflexión e intercomunicación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade,
•partillando orientacións e metodoloxías de achegamento literario para a mocidade xunto con escritores e escritoras da literatura galega de hoxe,
•concienciando a sociedade da necesidade de estimulación creativa na escrita que complemente a formación do individuo,
•poñendo en valor as olladas subxectivas xeradoras de materia prima literaria.
A Escola de Escritoras e Escritores baseará a súa actividade na impartición, por concellos de todo o país, de obradoiros, que terán diversos formatos en canto a xéneros, contidos…

A primeira actividade é este Obradoiro de Escrita Creativa dirixido a persoas a partir de 16 anos, que será impartido pola escritora Antía Otero durante oito semanas (unha sesión de dúas horas cada semana de 18:00 a 20:00) os seguintes días: 13, 19 e 26 de outubro e 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro. É de balde ata completar matrícula. Será no Museo de Belas Artes (Rúa Zalaeta, s/n – A Coruña). A unha das sesións asistirá outro escritor/a para contar a súa experiencia creativa.
O obradoiro, botando man de imaxes literarias e artísticas, achegará chaves interdisciplinares para descubrir e explorar elementos importantes nas creacións como son a imaxinación, a escoita, o tempo, o espazo, os personaxes, as escenas, os diálogos… Unha alternativa ás aulas propiamente académicas ao redor da experimentación, da comprensión e do diálogo persoal co feito literario e coa arte en  xeral.  O obxectivo é proporcionar estratexias básicas para a escrita,  destacando que para escribir hai que desenvolver a capacidade de observación, no propio interior e na relación que mantemos coa realidade circundante. O prazo para anotarse comeza hoxe e remata o luns 10 de outubro e pode facerse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org ou chamando por teléfono ao 981-133233.