Santiago: II Xornadas de Literatura e Ensino, Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá, o 9 e 10 de novembro

O venres 9 e sábado 10 de novembro, no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), (Rúa San Lázaro, 107) de Santiago de Compostela, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos, organiza as II Xornadas de Literatura e Ensino, baixo o lema Escribir e ler na escola de hoxe para a cidadanía de mañá.

O programa, que pode ser descargado aquí, é o seguinte:

Venres, 9 de novembro
16:30 h. Conferencia: Literatura digital e ensino criativo: a escrileitura como ferramenta de releitura crítica da tradição, por Rui Torres.
17:30 h. Mesa redonda: Eu son do Club de Lectura, e ti?, con Joseph Ghanime Lopes, Concha Costas, Miguel Ríos e María José Díaz Pinheiro.
19:00 h. Espectáculo poético: Con dez poemas por barba, con María Lado e Lucía Aldao.

Sábado 10 de novembro
10:00 h. Conferencia: Literatura infanto-xuvenil: unha clave literaria con función competencial normalizadora?, por Agustín Fernández Paz.
11:00 h. Conferencia: Celso Emilio Ferreiro no seu centenario: voz dun tempo e dunha terra, por Ramón Nicolás.
12:15 h. Mesa redonda: Xoga a literatura infanto-xuvenil na 1ª ou na 2ª división?, con Francisco Castro, Fina Casalderrey e María Reimóndez.
16:30 h. Mesa redonda: Coloca as túas mans sobre a poesía, con Ledicia Costas, Ángel Núñez Ramos e Dores Tembrás.
18:00 h. Espectáculo poético: A hostia en verso, con Lucía Aldao, Daniel Landesa, Lorena Souto, Xabier Xil Xardón, Ledicia Costas e o músico Mig Seoane.

A entrada é de balde.

Os Premios da Crítica Galicia 2012 ditaminaranse o sábado 17 de novembro

O ditame dos xurados desta 35ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o sábado 17 de novembro de 2012 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, a partir das 20:30 horas. A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou xa os membros dos xurados de cada unha das modalidades, Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
O xurado da modalidade Creación Literaria está composto por Ana Romaní (escritora, gañadora da edición 2011 de Creación Literaria), Fina Casalderrey (escritora, Premio Nacional de Literatura Infantil), Olivia Rodríguez González (profesora da UDC, Sección de Crítica da AELG), Xavier Lama (escritor e xornalista), Isabel Mociño González (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, profesora da UDV), Luciano Rodríguez (profesor da UDC), e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Chus Pato e Fina Casalderrey, candidatas a entrar na Real Academia Galega

Chus Pato e Fina Casalderrey. Elas son as candidatas a entrar na Real Academia Galega (RAG) para ocupar a vacante de Xaime Isla Couto, segundo fontes da institución confirmaron a Praza. O pasado sábado celebrouse un plenario no que se pecharon as candidaturas e as dúas únicas propostas son as das citadas escritoras. Deste xeito, con toda probabilidade sentará unha muller máis no plenario da Rúa Tabernas. Os académicos terán que elixir en votación a unha delas para convertela en numeraria da institución que preside Xosé Luís Méndez Ferrín. Desta maneira, o plenario da RAG composto por 30 cadeiras, aumentará a presenza feminina e chegará ao mesmo nivel de cinco mulleres co que se contaba en 2010, cando na institución estaban Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Xohana Torres, Luz Pozo Garza e Olga Gallego. O falecemento da arquivista en setembro de 2010 reduciu esa presenza e reduciu o número a só catro académicas, unha cifra que non aumentou no proceso de renovación que afrontou a entidade encabeza por Ferrín ao longo de 2011 á hora de cubrir as vacantes que se foron sucedendo de Francisco Fernández del Riego e do xeógrafo Río Barja. Agora, coa próxima votación unha delas, Fina Casalderrey ou Chus Pato, entrarán con toda probabilidade na Real Academia Galega, se así o deciden os membros da institución. (…)” Desde Praza.

Parlamento das Letras: Fina Casalderrey

Entrevista de Armando Requeixo a Fina Casalderrey, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– Fina Casalderrey (FC): Se soubese o que lles falta xa estaría a facer coma o home de negocios que atopou o Principiño no cuarto planeta que visitou. Sería eu quen me fixese dona das estrelas porque a ninguén se lle ocorrese antes. Non sei se sobran páxinas, autores…, pero estou certa de que aínda nos falta crer en nós mesmos sen agardar a que primeiro nos descubran fóra. Hai unha diglosia que vai máis alá do uso da lingua e que nos fai crer que todo o que nos vén de fóra é mellor por forza. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– FC: Un fervedoiro difícil de avaliar, pero un fervedoiro á fin. E iso antóllaseme estupendo!! Teñen que pasar anos para que todo o que agora se move, fai ruído ou abalea, apousente e ver que queda. E aínda así, pode haber valiosas ausencias. Cantas veces pasan décadas ata que se rescata unha obra mestra que no seu día foi ignorada? E outras intúo que aínda seguen a agardar. Hai xente nova que escribe sen complexos, sen vivencias persoais de ventás cegas ao coñecemento do noso, sen que os séculos de silencio e escuridade os habiten, porque non formaron parte do seu presente, que leron en galego e que saben de nós mesmos dende o comezo dos seus días… e a min paréceme xenial. (…)”

Santiago: actividades literarias do 24 de xullo no Festigal 2012

Na Galería das Letras do Festigal 2012, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, desenvolveranse as seguintes actividades literarias o martes 24 de xullo:

17:00 h. No Café Concerto, presentación de Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicado en Galaxia.
17:15 h. Presentación do libro Por uma democracia radical, publicado en Estaleiro editora.
17:45 h. Presentación de: Proel e O Galo de Amado Carvalho e Folhas Novas de Rosalia, da coleção Clássicos da Galiza da Academia Galega da Língua Portuguesa.
18:30 h. Presentación de Dezaoito, antoloxía de poetas galegos e portugueses publicada por Penúltimo Acto. Terá lugar un recital poético coa participación de Iolanda Aldrei, Alexandre Insua Moreira, Virgílio Liquito, Cruz Martínez Vilas, Jaime Moreda Santamaría e Rosanegra.
19:15 h. Presentación do libro A rota do sol, de Camilo Nogueira, publicado en Laiovento. Falarán: Xabier Macias, Ana Miranda e o propio autor.
20:00 h. Presentación da novela As rapazas de Xan, de Manuel Iglesias Turnes, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Pablo Vaamonde, Che Turnes e Manuel Bragado.
20:45 h. Presentación do libro Carné de identidade, de Mahmud Darwix, publicado en Barbantesa.
21:30 h. Presentación do libro Mordida, de Eugénio Outeiro, publicado por Através Editora.
22:00 h. Presentación de Nântia e a cabrita d’ouro, de Concha Rousia.
22:00 h. No Café Concerto, Aid presenta o libro-disco Rapoemas, editado en Galaxia.

Cotobade: proxección-presentación de Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey

O venres 13 de xullo, ás 21:00 horas, na sede da Asociación Canón de Pau (Igrexario, Loureiro) de Cotobade, proxectarase a película e presentarase o libro Dúas letras, de Eloy Varela e Fina Casalderrey, publicada en Galaxia.

Fina Casalderrey: “A maioría dos emigrantes non volveron ricos, e algúns non volveron nunca”

Entrevista a Fina Casalderrey en Dioivo:
“(…) – Dioivo (D): Como comeza o proxecto de O neno can?
– Fina Casalderrey (FC): É unha proposta de UNICEF. Galaxia pensou en min, eu aceptei e pensei en Francisco Castro para escribir o libro comigo, e el tamén aceptou encantado… Non estabamos afeitos a traballar a catro mans, e a experiencia estivo ben. Calquera que coñeza os nosos libros verá que estamos os dous… Foi como aquilo que se di na escola dos vasos comunicantes. Unha vez un botaba máis no vaso máis groso e a outra no máis fino, e outras veces era ao revés. Os correos corrían a cen, cada un coas súas suxestións… Non se pode dicir que tal historia é miña e tal historia é del. Son todas dos dous. E o que as une é a presenza dun can en todas. (…)
– D: Podemos falar xa, se queres, de Dúas Letras
– FC: Levamos xa cinco premios. A película está en galego, subtitulada en castelán. Non a pasamos a máis idiomas porque perdería intensidade, que é o que máis lle está a gustar á xente. O galego que usamos é o dos 50, sen nembargantes nin naqueles intres. O galego do pobo, o que usou Rosalía de Castro. E falamos de emigración, de diglosia, de soidade, de viúvas de vivos e de mortos… Os créditos pasan moi rápido, porque eramos un equipo de só seis persoas. (…)
– D: E cales son os libros teus dos que te sentes máis orgullosa?
– FC: Pois non sei, pero se alguén non coñecese os meus libros poderíalle dicir que lese Ás de mosca para Anxo, O estanque dos parrulos pobres, A pomba e o degolado, Quen me quere adoptar?, Xela volveuse vampira!, Ola, estúpido monstro peludo!… Hai moitos anos que non me presento a premios, xa desde o Premio Nacional. Por iso os que recibo son se cadra máis bonitos, porque non me presentei. E fun escollida candidata dúas veces, unha por literatura en galego e outro por literatura en castelán, ao premio Astrid Lindgren Memorial, que é un dos máis importantes do mundo, como o Andersen.”