A Escritora na súa Terra: Fina Casalderrey. Pontevedra, 2023

A Homenaxe A Escritora na súa Terra – Letra E, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chegou este ano á súa XXIX edición, recaendo na figura de Fina Casalderrey, que foi homenaxeada en Pontevedra o 10 de xuño de 2023, nunha actividade que contou co apoio do Concello de Pontevedra, CEDRO e Xunta de Galicia
Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de máis de dúas décadas como unha celebración na que a terra de acollida da homenaxeada ten unha presenza fundamental. É vontade da AELG honrar escritoras/es procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe.
Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritora (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica e a colocación dun monólito conmemorativo.

PROGRAMA PREVISTO DE ACTOS

11:30 h. Descubrimento do monólito conmemorativo e plantación da árbore da autora, un acivro. Na Ponte da Palabra (Pontevedra). Acceso libre para todo o público.
Intervencións de:
– Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.
– Presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
– Fina Casalderrey.

12:30 h. Acto de entrega da “Letra E”. No Teatro Principal (Rúa Paio Gómez Chariño, 6). Acceso libre para todo o público, até completar capacidade do espazo.
Interveñen:
– Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.
– Lectura da concesión, pola AELG.
– Presidencia da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.
Laudatio da autora, por Montse Pena Presas.
– Entrega da peza escultórica.
– Intervención de Fina Casalderrey. Resposta á laudatio por parte da autora.

14:30 h. Xantar de confraternidade posterior no Liceo Casino de Pontevedra (xunto ao Teatro Principal).

ANTERIORES MERECEDORES/AS DESTE GALARDÓN
I Edición: ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS
1995 • Boa, Taramancos
II Edición: BERNARDINO GRAÑA
1996 • Cangas do Morrazo
III Edición: MANUEL MARÍA
1997 • Outeiro de Rei
IV Edición: MARÍA XOSÉ QUEIZÁN
1998 • Vigo
V Edición: XOSÉ NEIRA VILAS
1999 • Gres, Vila de Cruces
VI Edición: UXÍO NOVONEYRA (póstumo)
2000 • Parada do Courel
VII Edición: LUZ POZO GARZA
2001 • Ribadeo
VIII Edición: XOSÉ CHAO REGO
2002 • Vilalba
IX Edición: XOSÉ FERNÁNDEZ FERREIRO
2003 • Nogueira de Ramuín
X Edición: SALVADOR GARCÍA-BODAÑO ZUNZUNEGUI
2004 • Teis, Vigo
XI Edición: PURA E DORA VÁZQUEZ
2005 • Ourense
XII Edición: MARÍA DO CARME KRUCKENBERG
2006 • Vigo
XIII Edición: MANUEL LOURENZO
2007 • O Valadouro
XIV Edición: XOSÉ VÁZQUEZ PINTOR
2008 • Melide
XV Edición: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ
2009 • Vilalba
XVI Edición: MARILAR ALEIXANDRE
2010 • Santiago de Compostela
XVII Edición: PACO MARTÍN
2011 • Lugo
XVIII Edición: XAVIER RODRÍGUEZ BAIXERAS
2012 • Ribadeo
XIX Edición: MARICA CAMPO
2013 • O Incio
XX Edición: XABIER P. DOCAMPO
2014 • Castro Ribeiras de Lea
XXI Edición: XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO
2015 • Vilaboa
XXII Edición: HELENA VILLAR JANEIRO
2016 • Rianxo
XXIII Edición: MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO
2017 • Lugo
XXIV Edición: NACHO TAIBO
2018 • Oleiros
XXV Edición: PILAR PALLARÉS
2019 • A Coruña
XXVI Edición: VÍTOR VAQUEIRO
2020 • Santiago de Compostela
XXVII Edición: CONCHA BLANCO
2021 • Cee
XXVIII Edición: XOSÉ MANUEL MARTÍNEZ OCA
2022 • Pontevedra

Pontevedra: Salón do Libro 2023

PROGRAMA SALÓN DO LIBRO 2023

Fina Casalderrey: “Cando me desprendín das ataduras da realidade, fluíu todo como unha fervenza”

Desde o Diario de Pontevedra:
“(…) Fina Casalderrey, nacida en Xeve e afincada en Lérez, autora fundamental da Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) galega, Premio Nacional en 1996, académica da lingua e actualmente candidata ao Premio Hans Christian Andersen (considerado o Nobel da LIX), presentaba no Museo a súa máis importante incursión na narrativa para adultos ata o momento, unha novela que naceu inspirada por un personaxe real, o de Adelina Franco, a Jabalina.
“Tiña moitas ganas de meterme con este personaxe”, confesou a autora. “Escribín 50 páxinas hai 20 anos, pero parei porque non era capaz de reconstruír a súa biografía. Cando me desprendín das ataduras da realidade, fluíu todo como unha fervenza”. Fina Casalderrey insistiu en que o que había en A muller xabaril non era a vida de Adelina Franco. “Esta é unha historia ficcionada porque eu, como Mark Twain, de cando era nena podo recordalo todo, sucedera ou non”.
Na presentación, a escritora estivo acompañada polo presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes, e polo director da editorial Xerais, Fran Alonso. “Entendinlles aos dous que esta era unha novela estupenda, pero eu non podo dicilo como o din eles. Eu o que podo dicir é que a min me gustou escribila e que esta é unha historia que me segue emocionando”.
No caso de Freixanes, o presidente da RAG sinalou que era honra aparecer, xunto á súa muller, [María Dolores Cabrera, Malós], na dedicatoria do libro. Segundo quixo puntualizar, el non era moi partidario de empregar a expresión narrativa para adultos. “Porque que é iso exactamente? Fina escribe dende hai moitos anos para futuros adultos e eu mesmo gocei moito cos seus libros supostamente escritos para a cativada. Fina leva escribindo para adultos hai moito tempo”, explicou. “Escribir para lectores novos é dificilísimo. Tanto como escribir poesía. E son precisamente os dous xéneros onde é máis fácil caer na impostura. Por todo isto, eu teño unha longa admiración por Fina como autora, así que diría que esta simplemente é unha novela máis”.
Freixanes, que definiu A muller xabaril como “unha novela de misterios e unha novela ambiciosa na que Fina arriscou e puxo moita coraxe”, tamén quixo afondar na cuestión de que este título non era unha biografía. “Esta non é a historia da Jabalina. Utilízase a súa historia para construír un personaxe autónomo, aínda que varias xeracións de pontevedreses a vaiamos ler coa pantasma da Jabalina detrás porque esta é tamén unha novela da memoria”.
Fran Alonso si que se referiu a este traballo como “a primeira novela de Fina para adultos”. O editor eloxiou a ambición creativa dunha autora que suma novos retos dentro da súa traxectoria literaria. “O resultado é unha pequena alfaia que demostra que segue a ser unha escritora inconformista e todoterreo”, dixo. “Aquí volve demostrar que ten unha enorme capacidade narrativa e unha enorme capacidade poética, ademais dunha sensibilidade extrema para contar historias”. (…)”