Santiago: acto de homenaxe institucional a Francisco Fernández del Riego

A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, a Fundación Penzol e a Editorial Galaxia realizan unha homenaxe conxunta a Francisco Fernández del Riego, que terá lugar o mércores 1 de decembro a partir das 17:00 h. no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela.

Falece Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego, membro de honra da AELG, ilustre galeguista e ex director da Real Academia Galega, faleceu aos 97 anos. A nova recóllese así nos seguintes medios: Xornal, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, Cultura Galega, A Nosa Terra, Galaxia e El País. Repercusións posteriores en: Galaxia, Cultura Galega, La Voz de Galicia, Xornal, Galiciaé, e Faro de Vigo. Crónica de Suso de Toro en El País, e de Marcos Valcárcel en Galicia Hoxe, e artigo de Xesús González Gómez en A Nosa Terra. En Cultura Galega recuperan gravacións históricas da súa voz.

Francisco Fernández del Riego despídese da escrita

Un artigo sobre a novela de Stendhal Vermello e negro publicado o último sábado no suplemento no Culturas de La Voz de Galicia pon punto e final á carreira de Francisco Fernández del Riego na escrita. O histórico galeguista, de 97 anos, deixara preparada unha reserva de artigos ao ver que a súa saúde se ía deteriorando. Segundo declarou, as súas condicións físicas dificúltanlle escribir co coidado que lle gustaría, polo que preferiu fechar a súa produción. Pódese ler a nova completa aquí.

Homenaxe a Francisco Fernández del Riego no seu domicilio

Amigos e responsables da Fundación Penzol e de Galaxia, acompañados do Presidente da Real Academia Galega, homenaxearon o pasado venres 23 de xullo a Francisco Fernández del Riego, visitándoo na súa casa para, nun acto sinxelo pero pleno de emotividade, entregarlle unha placa pero, sobre todo, para entregarlle o agarimo, as apertas de todo un país e, moi en especial, para facerlle saber do profundo agradecemento que todos sentimos pola súa vida, exemplar, ao servizo do noso país e da nosa cultura. Durante todo o acto, o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, mantívose ao carón de don Paco, nunha xornada que o protagonista definiu como “inesquencible” e como “un agasallo”. Nun discurso pleno de emoción explicou como durante estes anos xa fora receptor de moitas homenaxes, pero que aquela, dos seus amigos, era sen dúbida a máis importante e a que máis dentro lle chegara. Máis información aquí.

Fernández del Riego, 97 anos a prol da cultura galega

delriegoO ensaísta e crítico Francisco Fernández del Riego celebra hoxe o seu 97 cumpreanos. Nacido en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano 1913 e avogado de profesión, comezou a militar nas filas do galeguismo durante o período republicano, intervindo en diversos proxectos do grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia (1950) e fundador da revista Grial (1963). Autor dunha extensa obra, o intelectual galeguista ingresou na Real Academia Galega en 1960, e director da mesma entre 1997 e 2001, un período no que comezou unha apertura sen precedentes na historia da institución. Polo seu importante contributo á nosa cultura, Fernández del Riego foi recoñecido con numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, Premio Celanova, a casa dos Poetas, etc). Así mesmo, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica.

Ourense: conferencia de Freixanes sobre Fernández del Riego

Mañá venres 15 de maio as oito e cuarto da tarde na Sala de Tertulia da Sociedade a Sección de Literatura do Liceo de Ourense iniciase unha nova edición do Ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” adicadas este ano a Ramón Piñeiro e o Grupo Galaxia, coa conferencia de Victor Freixanes que falará sobre a figura de Francisco Fernández del Riego.

Nacido en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano 1913, Francisco Fernández del Riego é unha das figuras máis relevantes do ensaio e a crítica literaria galega. Avogado de profesión, comezou a militar nas filas do galeguismo durante o período republicano, intervindo en diversos proxectos do grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos. Xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. Desta iniciativa xurdiu a revista Grial (1963), que Del Riego dirixiu en colaboración con Piñeiro durante os primeiros cen números e onde participaría asiduamente con artigos e recesións literarias.

Francisco Fernández del Riego recibiu o “Facho de Ouro”

«Na Fundaçom Penzol de Vigo celebrou-se o passado dia 17 de Junho a entrega do Facho de Ouro a Francisco Fernández del Riego. O acto apresentava-se como reconhecimento a toda umha vida dedicada à emancipaçom da Galiza.

José Luís Rodríguez Pardo, presidente do O Facho, abriu o acto, lembrando no mesmo as vicissitudes da recuperaçom da cultura galega nos tempos escuros do primeiro período do Regime Nacional-Católico, algumhas das mesmas compartilhadas polo apresentador. Com a entrega do Facho de Ouro a Francisco Fernández del Riego serviu para expor que através da ingente laboura levada a cabo polos seus bons e generosos, dos que D. Paco é proba bem indicativa, Galiza terá outras novas mil primaveras.

Fernández del Riego, respondeu para agradecer a consideraçom tida a sua pessoa com a entrega do Facho de Ouro por parte da Agrupaçom Cultural. Posteriormente lembrou o nascimento da Associaçom e a sua pertinência tanto nos primeiros anos da década dos sessenta do século passado, época onde o franquismo fazia estragos, como hoje.

Ao findar o acto de entrega e reconhecimento, o homenageado fizo de anfitriom para nos mostrar aos membros do Facho tanto a biblioteca da Fundaçom Penzol, assim como o Museu “Francisco Fernández del Riego” onde é possível ver e contemplar telas dos nossos pintores mais senheiros assim como de outros artistas de alta consideraçom mundial.

Posteriormente celebrou-se um jantar onde D. Francisco estivo acompanhado polos seus mais próximos amigos e parte da Junta Directiva do Facho.» (A. C. O Facho)