Compostela: Xornada Roberto Vidal Bolaño. Fálanos sempre

A narradora Ana Cabaleiro resulta gañadora da primeira edición do Premio Exeria

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“O I Premio Exeria a proxectos de creación literaria convocado pola Concellaría de Acción Cultural de Santiago en colaboración coa Residencia Literaria 1863 –comandada por Yolanda Castaño– e o Consulado Xeral de España en Xerusalén xa ten gañadora. Un xurado conformado por expertos da área compostelá no mundo do libro –coma o poeta e narrador Antón Lopo, o editor Paco Macías e a editora e tradutora Celia Recarey– escolleu o proxecto gañador entre preto dunha decena de candidaturas presentadas a concurso.
A avaliación das candidaturas revelou que a narradora Ana Cabaleiro coa súa proposta Shukran será nesta primeira edición do concurso a autora escollida para gozar dunha estadía nunha residencia creativa durante todo o mes de agosto, incluíndo dietas e viaxe a Xerusalén, será nesta primeira edición. A escritora aloxarase intramuros da cidade vella palestina, na residencia Al Ma’mal situada no barrio católico, para concentrarse durante catro semanas no proxecto literario que presentou.
A cabalo entre o libro de viaxes e a non-ficción, a proposta titulada Shukran non só aborda unha viaxe ao Sáhara realizada pola súa autora, senón que reflexiona sobre o sentido da viaxe, o choque entre as expectativas e a realidade atopada e a evolución social e política dos nosos xeitos de viaxar.”

Compostela: actividades do 17 de xuño na SELIC 2022

Suso Díaz: “É importante que a xente visite Aceredo e vexa o que se perdeu pola construción dun encoro”

Entrevista a Suso Díaz en Diario do Limia:
“(…) Diario do Limia (DL): Como empezou?
– Suso Díaz (SD): Era un libro [Asulagadas] que se foi demorando. Mais no outono de 2018 fixemos unha visita, durante unha destas secas grandes, á aldea da miña muller. Pedro, o noso fillo, quería que lle contaramos a historia de Aceredo. Aquel mesmo día, despois de toda a tarde paseando pola aldea, naceu un poema. Foi tan grande o impacto, especialmente para a miña muller, mais tamén para min, que tiven que escribir alí mesmo, de volta cara á estrada. Ese foi o detonante.
– DL: Vostede facía vida en Aceredo e nas outras aldeas asulagadas como Buscalque, O Vao, Reloeira?
– SD: Ludeiros pertence á parroquia de Manín. A Igrexa parroquial estaba en Aceredo. No Vao estaban os comercios… na Reloeira e Buscalque, algo menos.
– DL: Como foi o proceso de escritura?
– SD: Pois case compulsiva ao principio. O libro foi madurando. Escribín durante un ano e para finais de 2019 estaba rematado. Quixen publicar con Positivas porque entendín que esta obra seguía a liña dunha anterior sobre o Couto Mixto: A utopía que diluíu o vento.
– DL: Mais non se publicou até 2021…
– SD: Eu non estaba contento de todo con telo escrito en galego normativo. Sentía que debía estar presente a variante dialectal da nosa zona. Paco Macías, o editor, díxome que adiante. E por iso demorei un ano. Tiven que traballar para recuperar palabras. E entre medias veu a pandemia que fixo máis difícil todo.
– DL: Nestes anos volvestes a Aceredo?
– SD: Non até este pasado novembro. Aquela visita no 2018 causounos moita dor. Non, non puidemos volver até hai uns meses.
– DL: É un libro triste, serviu para calmar esa dor?
– SD: Non é un libro triste. Espero que as lectoras e os lectores non se queden con esa idea. Hai tristura, desacougo, certa rabia, xenreira… É unha homenaxe para as mulleres do val que se opuxeron ao encoro, as que mantiveron viva a esperanza. É unha homenaxe ás avoas e aos avós cos que me criei até que fun para Ourense porque meus país estaban na emigración. Quixen facer iso seguindo a memoria do neno que viviu alí aquel tempo. Despois volvín alí xa mozo. Aquilo foi unha despedida e ese tempo tamén está no libro. Non, non é un libro triste. Pero si, tamén foi unha forma de desafogo. (…)”

Lupe Gómez, gañadora da II edición dos Premios SELIC con Os caracois de Belvís

Desde o Concello de Santiago de Compostela:
“Lupe Gómez foi a gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria na modalidade de poesía, pola súa obra Os caracois de Belvís. As categorías de teatro e narrativa quedaron desertas.
O xurado premiou a obra Os caracois de Belvís, de Lupe Gómez, pola “forma lúcida e delicada, pero non compracente, en que reflexiona, coa vila de Santiago como eixo cordial, sobre os ciclos vitais, imbricando con habelencia o persoal, o comunal e o natural”. Considera que o poemario se converte nunha “vía de homenaxe e resgate da Compostela máis xenuína e tamén máis relegada: a popular, a dos barrios e leiras, que acaba conducindo a verdadeiras epifanías”.
“Luminosa, certeira e visionaria, a obra destaca pola súa estrutura discontinua e envolvente, pola emotividade da súa dicción, así como polo seu sutil achegamento ao terreo da espiritualidade, tan pouco abordada na nosa tradición poética”, conclúe o xurado. (…)
O Premio SELIC ten unha dotación de 2.500 euros, así como a publicación da obra na colección SELIC que edita o Concello de Santiago.
O xurado que seleccionou a obras gañadora dos II Premios SELIC de creación literaria estivo integrado por Helena Villar, Francisco Macías, Iris Cochón, Eduardo Estévez e Francisco Valeiras. “