Kathleen March: “Rosalía ten outra imaxe hoxe”

Entrevista de Daniel Salgado a Kathleen March en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): A súa estancia en Galiza coincidiu co Día de Rosalía de Castro. Nota mudanzas no impacto social da figura da poeta?
– Kathleen March (KM): Non sei exactamente, porque non vexo a televisión. Mais a xente amiga paréceme que se vai agrupando, festexan, celebran, participan en actos. E non sei se había tantos antes. Desde a Fundación Rosalía de Castro, a AELG, e un pouco a Mesa pola Normalización. E o Caldo de Gloria, que non sei se é novo ou non. Penso que si. Logo a libraría Lila de Lilith [en Santiago de Compostela], A Sega [asociación de crítica literaria feminista] fixo tamén un evento íntimo e curioso. Penso que si, que o impacto medrou. Non só no senso de Rosalía, senón no vínculo coa literatura galega, a lingua galega e a literatura de mulleres. É cousa do xénero, da nación, da lingua. Digo que si porque son optimista e son estranxeira. Os galegos, as galegas poderían se cadra dicir outra cousa.
– SG: E a maneira en que se percibe transformouse?
– KM: A Rosalía choromiqueira quedou moi atrás. Penso que desde o congreso do ano 1986 [refírese ao Congreso Internacional de Estudos sobre Rosalía de Castro e o seu tempo] quedou atrás para case todo o mundo. Felizmente. Para os estranxeiros, para os de fóra, para os non coñecedores, non o sei. Mais os de aquí xa non falan diso. Rosalía xa é outra figura. Sei que existen moitas imaxes dela. Antes unicamente había as fotografías da casa museo de Padrón. Agora hai imaxes modernas, e nos congresos imos vendo máis traballos, xente que traballa arreo na súa figura. Como María Pilar García Negro ou Francisco Rodríguez e outra xente.
– SG: Nos últimos anos houbo algunha lectura ou investigación sobre a escritora que chamase a súa atención?
– KM: A maneira de Rodríguez e García Negro de falar de Rosalía como feminista e nacionalista sempre tivo impacto en min. Admito as teses deles. As ideas de Rosalía eran moi pro Galiza, pro lingua galega. Antes dicíase que escribía un galego con castrapo, pero Rosalía estaba a facer unha lingua, a construíla. Era lóxico que metese na lingua escrita as palabras que meteu. Non se lle pode esixir que sexa como unha persoa de hoxe. Eu non o sei porque non estou nun instituto, non falo con nenos nin con mestras, pero Rosalía ten outra imaxe hoxe.”

Francisco Rodríguez: “Neste país o que hai é moita desmemoria histórica”

Entrevista a Francisco Rodríguez en Sermos Galiza:
“(…) Falamos con Francisco Rodríguez, un dos autores do monográfico Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo. Rodríguez escribe o capítulo ‘A revolta de Trasancos de 1918’, uns feitos aínda descoñecidos en grande medida, embora a súa importancia. “Nas revoltas pola carestía de 1918 en Barcelona participaron 500 mulleres. En Ferrol, con moita menos poboación, foron máis de 500. E con cortes de accesos e asaltos a trens, o que non se deu en ningún outro sitio”.
– Sermos Galiza: Como explica que uns feitos desta gravidade, cun número tan importante de mortes, puideran estar practicamente 80 anos agochados tanto na historia de Galiza como na memoria popular da comarca?
– Francisco Rodríguez: Dáse pouca importancia na historia de Galiza ao que é historia política, é dicir, os fenómenos sociais entendidos desde a súa dimensión ideolóxica e contestataria; interesa dar a imaxe de Galiza como país resignado. Nese esquema xeral para a historia de Galiza de ocultación, de agochamento, hai tres cuestións específicas neste caso particular.
Primeiro: todo o que acontece nesta comarca dentro da historia xeral de Galiza é moi pouco considerado, pártese do prexuízo de que isto é menos Galiza ou, se queres, que é unha finca do Estado español.
En segundo lugar, e derivado disto, Ferrol non pode relocer na historia de Galiza nin de España nada máis que naquilo que o coloque como apéndice de España.
E en terceiro lugar, a represión brutal que se deu e que acaba converténdose en autocensura social. Hai que ter en conta que houbo un golpe militar que afondou máis no esquecemento. Na II República ergueuse en Sedes un monumento aos mártires da Revolta de Trasancos e cando chegou o franquismo iso destrúese, o que acrecentou o temor que xa había.
Pero tamén teño que dicir que queda xente, pouca, que por tradición ou memoria familiar quedoulle a idea de que algo grave pasara, de que houbera mortos. (…)”