Libro aberto, programa do 20 de maio

Libro Aberto recibe esta semana ao escritor Xosé Fernández Ferreiro, un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto, que falará da súa última novela Tempo de Centeo. Unha das reportaxes semanais analizará a corrente artística do neorrealismo, movemento que naceu en Italia como resposta á necesidade de volver ao espírito da novela realista do XIX. Despois abordarán as etapas do proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdés que analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.

O escritor Francisco Fernández Naval falará do seu último libro, Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller. Na sección de crítica, Xesús Fraga analizará a obra O corazón do negror do escritor Joseph Conrad, inspirada nos seis meses que o autor pasou no Congo colonizado de Lepoldo II de Bélxica. Pola súa parte, Isabel Soto analizará a obra ¿Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.

Pechará o programa unha referencia ao Projecto Miño, o último traballo dun dos músicos de jazz máis gabados pola crítica europea, o ferrolán Baldo Martínez. Cunha mestura de tradición e modernidade, o Proxecto Miño permítenos entender o jazz dende as súas orixes, onde predomina a fusión e a combinación de culturas.

Libro aberto emítese hoxe mércores 20 de maio á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.

A Coruña: presentación de libros da fotógrafa Maribel Longueira

O mércores día 20 de maio ás 20.00 horas na Fundación Caixa Galicia na Coruña presentaranse os libros Entremiradas I Galicia-Bos Aires e Entremiradas II Galicia-Cuba da fotógrafa Maribel Longueira, editadas pola Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emigración. No acto participarán os escritores Salvador García-Bodaño, Xosé Luis Axeitos, Manuel Álvarez Torneiro, Francisco X. Fernández Naval, Marga do Val, Tucho Calvo, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Olga Patiño, Eva Veiga, Anxos Sumai, Xosé Fernández Ferreiro e Estíbaliz Espinosa.

A Coruña: presentación de Para seguir bailando, de Francisco Fernández Naval

paraseguirbailandoMañá xoves 14 de maio ás 20:15 na sede de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) na Cidade Vella da Coruña presentarase o libro Para seguir bailando de Francisco X. Fernández Naval, editado por Xerais.

O acto é de entrada libre e contará coa intervención de Tucho Calvo, Manuel Bragado e mais o autor.

A Coruña: recital de Eva Veiga e Francisco Fernández Naval

Mañá xoves 16 de abril terá lugar unha nova xornada do ciclo Poetas coruñeses, a palabra na voz de quen a crea. Nesta ocasión participarán Francisco Fernández Naval e Eva Veiga, apresentados por Xoán Abeleira. Será ás 20:30 h no salón de actos da Asociación Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16-18, 1º). A entrada é libre.

Francisco X. Fernández Naval en Culleredo e na Coruña

Francisco X. Fernández NavalO mércores día 22, ás 20,00 horas na biblioteca Uxío Novoneyra de Vilaboa-Culleredo, terá lugar un recital poético de Francisco X. Fernández Naval. Participarán no acto tamén Celestino Poza e Carlos Martínez.
O xoves día 23, ás 20,00 horas na biblioteca Miguel González-Garcés da Coruña, o escritor ofrecerá a conferencia AS CREBAS, CULTURA DO REFUGALLO DO MAR, con proxección de imaxes de Maribel Longueira.

Francisco X. Fernández Naval na Sargadelos da Coruña

O martes 6 de maio, ás 20:00 horas, a Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) contará coa presenza de Francisco X. Fernández Naval cunha intervención titulada “Auga crebada –poemas de río e mar- (dos libros Mar de Lira e Miño)”, nunha nova edición do ciclo quincenal “Martes Literarios”.

Presentarase en Compostela Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual

O 28 de febreiro, ás 20:00 horas e na libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, presentarase a obra Migracións na Galicia contemporánea. Desafíos para a sociedade actual (Sotelo Blanco Edicións, col. Diáspora Investigacións), coordinada por Xosé Manuel Cid Fernández, Xoán Carlos Domínguez Alberte e Raúl Soutelo Vázquez. Intervirán Francisco Xosé Fernández Naval, Juan Manuel Rey Rey , Xosé Manuel Cid, Julio Miras Amor e Olegario Sotelo Blanco.

Presentación de Volverlles a palabra

A presentación do libro Volverlles a palabra. Homenaxe aos represaliados do franquismo terá lugar no Ateneo de Ourense o venres 23 de marzo de 2007 ás 20:00 hs. Intervirán: Representante do Ateneo de Ourense, Xosé Carlos Sierra (delegado da Consellería de Cultura e Deporte en Ourense), Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador da publicación), Baldo Ramos (coordinador da publicación), Xesús Alonso Montero (prologuista do libro). Lerán textos literarios: Francisco X. Fernández Naval, Chus Pato, Manuel Outeiriño, Baldo Ramos, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Manuel Vilanova e Víctor Campio.