Bases do XXXVII Premio Blanco-Amor de novela longa

Primeira.- Poderán participar nel todos os autores e as autoras que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial.
Segunda.- As novelas terán unha extensión mínima de 150 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a unha soa cara e a dous espazos, ou de 75 folios mecanografados ou escritos en ordenador (fonte Times New Roman, tamaño de fonte 12) a dúas caras e a dous espazos.
Terceira.- As obras presentadas terán que ser inéditas.
Cuarta.- De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remite, dirixido á Deputación de Ourense, rúa Progreso n.º 32, 32003 Ourense, facendo constar no exterior Para o XXXVII Premio Blanco-Amor. Nun sobre anexo, pechado e baixo o mesmo lema, indicaranse o nome e o enderezo do autor ou autora e, de ser posible, o seu teléfono e enderezo electrónico.
Quinta.- O prazo de admisión dos orixinais rematará o venres 14 de setembro de 2018, cento vinte e un aniversario do nacemento, en Ourense, de Eduardo Blanco-Amor.
Sexta.- O xurado do premio será nomeado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, e estará composto por cinco membros de recoñecido prestixio no ámbito da cultura galega. Facúltase ao xurado para a interpretación e integración das posibles dúbidas nestas bases en todo o relativo á concesión do premio.
Sétima.- O premio estará dotado con 15.000 € e unha obra escultórica.
Oitava.- O premio poderase declarar deserto, de non existiren obras de calidade adecuada a xuízo do xurado.
Novena.- O xurado reunirase con tempo suficiente antes da entrega do premio e fará pública a súa decisión, perante os medios de comunicación.
Décima.- A concesión do premio implicará a cesión ao autor dos dereitos da primeira edición en lingua galega da obra. A dita edición deberá realizarse nun prazo máximo dun ano dende a data da entrega do premio, quedando sen efecto a cesión no caso de que no dito prazo non se leve a cabo.
O gañador deste premio comprométese a participar en cantas presentacións do libro lle requira a Deputación de Ourense ou a Fundación Eduardo Blanco-Amor, ata un máximo de dez.
As obras non premiadas devolveránselles aos/ás autores/as que o soliciten nun prazo dun mes contado dende o día do veredicto. En caso de non recollerse dentro deste prazo os orixinais serán destruídos.
Décimo primeira.- A entrega do premio terá lugar nun acto literario organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Eduardo Blanco-Amor, o sábado 1 de decembro de 2018, trinta e nove cabodano do autor de A Esmorga.
Décimo segunda.- O feito de concorreren a este premio presupón que os/as autores/as aceptan estas bases.”

Constitución do padroado da Fundación Blanco Amor, na Deputación de Ourense

DesdeEduardo Blanco Amor Galaxia:
“O padroado da Fundación Eduardo Blanco Amor celebrou o luns 26 de xaneiro na Deputación de Ourense a súa reunión constitutiva, na que se aprobaron os estatutos da fundación, que recollen as atribucións e obrigas do padroado, o réxime económico da fundación, os aspectos legais e os fins e beneficiarios da mesma.
Os patróns da fundación son: a Deputación de Ourense, representada polo seu presidente, Manuel Baltar, quen exercerá a presidencia do padroado; Eduardo Camilo Bóveda Sebastián e María Concepción Bóveda Gómez, en representación da familia de Eduardo Blanco Amor; a Xunta de Galicia, representada polo titular da consellería con competencias en materia de Cultura, neste caso por Jesús Vázquez; o Concello de Ourense, representado hoxe pola concelleira Ana Garrido; a Real Academia Galega, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, coa asistencia hoxe do seu presidente, Xesús Alonso Montero; a editorial Galaxia, representada polo seu presidente ou persoa en quen delegue, hoxe representada por Xosé Manuel Soutullo, e o Centro Pen Galicia, representado polo seu presidente, Luís González Tosar.
Os fins da Fundación Blanco Amor, segundo recollen os estatutos son: A conservación e difusión da obra e o legado do escritor Eduardo Blanco Amor; a promoción de actividades de estudo e investigación nos campos da literatura; o xornalismo, a lingua galega, as artes da imaxe, en especial a fotográfica, e os estudos históricos e políticos; a dinamización e promoción sociocultural da provincia de Ourense, e a potenciación e difusión da cultura e a realidade sociocultural de Ourense, en particular, e Galicia, en xeral; no exterior e a colaboración con entes público-privados de fins semellantes.
Entre as actividades que vai desenvolver a fundación figuran a catalogación, e o desenvolvemento e conservación do arquivo documental e biblioteca, e de toda a información relacionada coa figura de Blanco Amor; a divulgación da súa obra e das obras da súa colección privada e do seu arquivo documental e biblioteca; a formación de artistas e estudosos nos eidos anteriores e calquera outros relacionados cos mesmos; a realización de actividades de fomento nos ámbitos cultural e social no exterior, e a captación dos fondos económicos necesarios para levar a cabo as súas actividades.”

Comeza a constituirse a Fundación Blanco Amor

DesdeEduardo Blanco Amor Galaxia:
“Onte deuse o primeiro paso para a constitución da Fundación Blanco Amor nun acto celebrado no Centro Cultural da Deputación de Ourense. No acto participaron representantes das distintas institucións implicadas no que será a futura Fundación. Así, asistiron, entre outros, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, o presidente do PEN Club Galicia, Luís González Tosar, o director da editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes, e a sobriña-neta de Blanco Amor, Ana Risco Bóveda. Todos eles tiveron ocasión de estudar en detalle o borrador dos estatutos da futura Fundación.”