Un libro recolle a obra poética de López Abente, “a alma de Muxía”

Desde La Voz de Galicia:
“«Imos empezar cun poema de López Abente, Muxía; este é un acto moi muxián». Isto dicía na noite do venres Rivadulla Corcón, vicepresidente da Fundación Gonzalo López Abente, na presentación do libro Poesía completa (Espiral Maior). O acto tivo lugar en Portas Ártabras, na Coruña, e Corcón apuntou que así como Luís Seoane dicía que «os galegos queremos coas nosas diferenzas enriquecer o mundo, os muxiáns queremos coas nosas diferenzas enriquecer Galicia». Para Corcón, todo o escrito neste volume «é a alma de Muxía», e lembrou como López Abente ingresou na Real Academia Galega en 1941 «cun discurso en galego sobre a obra de Pondal». Era algo moi pouco habitual que así se fixera, anotou antes de rematar cun poema sobre o monte Corpiño que «os nenos de Muxía o tiñamos como un himno».
Miguel Anxo Fernán Vello, editor deste libro de máis de 600 páxinas, recordou que foi Manuel María quen lle falou de López Abente e que fora precisamente o poeta da Terra Chá o que presentara a Antoloxía de López Abente publicada en 1995.
O editor salientou que a foto da portada do libro é de Ramón Caamaño Bentín, fotógrafo muxián, que «a obra do poeta é algo vivo, palpitante» e que tiña unha gran riqueza lingüística e «ese sabor a mar que recorre todos os seus libros». Para Fernán Vello, López Abente é «un clásico intemporal, con versos que son actuais, como se falara hoxe», sinalou antes de ler un poema que fala do corvo negro petando na alma. Era unha alusión, como xa antes fixera Corcón, á sentencia do Prestige e as manifestacións de Nunca Máis.
A fouce, un dos poemas de López Abente que pertence ao seu libro Escumas da ribeira, foi recitado, de memoria, por Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia e quen relatou aos asistentes como aprendera de neno os versos dese libro, axudado pola súa nai, e por iso, «cando non había galego na escola», el lía e falaba en galego. Evocou como aquel libro foi o que lle descubriu a poesía e concluíu: «Gonzalo López Abente, para min, é o primeiro poeta; despois viñeron outros».
Miro Villar, autor da recolleita da obra de López Abente, dixo que foi «unha honra chegar a este punto, poder xuntar a súa poesía completa», e confesou que cando descubriu a súa lírica sentiuse deslumbrado. Apuntou que a tarefa non foi fácil, xa que o poeta empezou a escribir con só 21 anos, pero en ducias de revistas e xornais, sobre todo da emigración, de Bos Aires. Villar lembrou que Vicente Risco cualificaba a López Abente de clásico, e o chamaba «o poeta do mar», aínda que «non no mesmo sentido que Manuel Antonio».”

Crónica da conmemoración do 50 aniversario da morte de Gonzalo López Abente

Desde a Fundación Gonzalo López Abente:
“A transcendente figura do poeta Gonzalo López Abente para os muxiáns e para o conxunto da cultura galega, foi homenaxeada no 50 aniversario da súa morte, que tivo lugar o 23 de xullo de 1963. Os acto xa empezaran o sábado día 13, cunha exposición de pintura de Viki Rivadulla, e a estrea da composición musical de Miguel Brotóns, baseada no poema de Abente, O meu mar. O sábado día 20 a Fundación Gonzalo López Abente, organizadora do evento, celebrou un plenario, no que tomaron posesións como novos patróns, Xosé María Lema en representación da Real Academia Galega, ademais de José Enrique Benlloch e Xosé Luís Méndez Ferrín, ambos titulo persoal.
Despois do plenario os patróns e numerosos veciños de Muxía acudiron ao cemiterio para facer unha ofrenda floral na tumba de Gonzalo López Abente, onde falou o historiador Manolo Vilar sobre os acontecementos do enterro de López Abente, e os poetas Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, deron lectura a textos de escritores coetáneos de López Abente sobre o seu falecemento.
Xa no Salón de Actos do Voluntariado continuaron os actos, que se iniciaron coa actuación das Pandeireteiras de Muxía, e a continuación presentouse o volume da Poesía Completa de Gonzalo López Abente, na que interviñeron Felix Porto, presidente da Fundación e Alcalde de Muxía, que deu lectura un texto enviado por Méndez Ferrín desculpando a súa ausencia e loando a figura de López Abente, de quen se manifesta entusiasta lector dende moi novo. Interviñeron tamén X. H. Rivadulla Corcón, que falou do significado da obra de Abente para as xentes de Muxía, como está feita a partir dun sentimento moi muxián, e de como a figura do poeta e a súa obra son a día de hoxe un dos símbolos identitarios máis relevantes de Muxía. Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, editora da obra conxuntamente coa Fundación, falou da importancia que ten para a cultura galega contar coa obra de López Abente recollida integramente no volume que presentaban, e por último Miro Villar, editor literario da Poesía Completa, falou dos criterios da edición e de como para el supoñía, esta edición, cumprir un soño longamente agardado, e lembrou como chegou á obra de López Abente, descubrindo un poeta dunha alta calidade literaria e lingüística.
Despois desta presentación tocou a quenda da entrega do Iº premio de Poesía Gonzalo López Abente, que foi entregado a Daniel Salgado polo seu libro Dos tempos sombrizos (Diario). Interviñeron, de novo Félix Porto, e a continuación Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, que editará o libro premiado, que falou da importancia dos premios para a poesía galega. A continuación Marilar Aleixandre falou en nome do xurado, lendo a acta do premio, e comentando as claves da obra premiada. A Daniel Salgado entregáronlle o premio, Arturo Suárez, tesoureiro da Fundación, e Viki Rivadulla, que ademais de secretaria da Fundación e do xurado, é a autora da escultura que se lle entregou ao premiado conxuntamente coa dotación económica.
A continuación tivo lugar a doazón que os pintores, Xervasio Sar, e Nolo Suárez, fixeron de sendos cadros á Fundación, como agasallo a xeito de homenaxe persoal á figura de López Abente.
E o broche final foi a estrea dunha peza musical baseada no poema de Abente A pedra da Barca musicado por Charo Vázquez Freire, directora da Coral Virxe da Barca, que interpretou a peza musical.”

Muxía: actos do 50 aniversario do pasamento de Gonzalo López Abente

Daniel Salgado, con Os tempos sombrizos (diario), gaña o I Premio de poesía Gonzalo López Abente

“A Fundación Gonzalo López Abente comunica que onte se reuniu o xurado do Iº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, premio que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Cultura.
O xurado estivo composto polos poetas Marilar Aleixandre, Miro Villar e X. H. Rivadulla Corcón, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, e decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado Os tempos sombrizos (diario), que resultou ser da autoría de Daniel Salgado.
Na acta do fallo o xurado salienta a construción do discurso a xeito de diario que amosa o compromiso anticapitalista a través do diálogo cos principais referentes ideolóxicos na loita pola liberdade e a xustiza social. Tamén presenta unha rica intertextualidade coa poesía e a música contemporáneas (o jazz nomeadamente) e con poemas de forte contido metaliterario.
O premio será entregado o día 20 de Xullo dentro dun programa de actos destinados a conmemorar os 50 anos da morte de Gonzalo López Abente. Nesta xornada, entre outras actividades, destaca unha conferencia sobre a obra de López Abente que impartirá Xosé Luís Méndez Ferrín, e a presentación da edición da Obra Poética Completa de Gonzalo López Abente, preparada por Miro Villar e editada por Espiral Maior.”

Convocado o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente

“A Fundación Gonzalo López Abente, en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Conselleria de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, convoca o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente, en lingua galega, coas seguintes

BASES:

1. Poderán concorrer ao I Premio de Poesía Gonzalo López Abente autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados serán inéditos, condición que se estende ao soporte dixital, e non poderán estar premiados en ningún outro concurso de poesía.
2. A extensión dos textos presentados non deberá ser menor a 400 versos.
3. De cada orixinal presentaranse en sobre pechado sen remite catro copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas ou grampadas, antes do día 25 de maio de 2013, na sede da Fundación:
Fundación Gonzalo López Abente
R/ Virxe da Barca, 49. Casa das Beiras
15124 Muxía (A Coruña)
Indicarase no sobre I Premio de Poesía Gonzalo López Abente.
4. Os orixinais presentaranse baixo lema e xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá o nome e os apelidos do autor ou da autora, enderezo postal, número de teléfono e enderezo electrónico.
5. O xurado estará composto por tres poetas de recoñecido prestixio no ámbito da literatura galega e como secretario/a actuará un representante da fundación.
6. O premio terá unha dotación única de 2.000 euros, suxeito á normativa fiscal vixente, e mais unha peza escultórica conmemorativa. A obra premiada será propiedade do seu autor ou autora, agás a primeira edición, que será publicada por Edicións Xerais de Galicia. En posteriores edicións, ao igual que na primeira, farase constar a condición de premiada no I Premio de Poesía Gonzalo López Abente.
7. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8. Os orixinais non premiados poderán ser recollidos na sede da Fundación, previa solicitude, no prazo dun mes. Os que neste prazo non sexa recollidos destruiranse.
9. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das bases e da interpretación que delas faga o xurado, non admitíndose recurso contra a decisión que este adopte nas súas funcións.”