Muxía: acto de entrega do Premio López Abente a Emma Pedreira

11401333_468300696676990_980629397585509309_n

Emma Pedreira gaña o Premio Gonzalo López Abente con S/T

DesdeEmma Pedreira Sermos Galiza:
“O Premio de Poesía Gonzalo López Abente recaeu nun dos máis destacados nomes e unha das xa máis premiadas poetas da chamada xeración dos 90. O libro S/T, de Emma Pedreira, foi celebrado por unanimidade por un xurado composto polos poetas X. H. Rivadulla Corcón, Miguel A. Mato Fondo e Modesto Fraga, con Viki Rivadulla como secretaria.
O xurado adianta que a obra “indaga nos grandes temas universais, nas vivencias da aldea, os froitos da terra, o tempo da infancia e a memoria, nun discurso elaborado que soa moi verdadeiro, saído dunha necesidade vital de facelo”. A escritora, que verá o seu novo libro publicado en Edicións Xerais, recollerá o premio nun acto que a Fundación organiza o vindeiro día 11 de xullo. (…)”

Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda, gañador do 2º Premio Gonzalo López Abente

“A Fundación Gonzalo López Abente, comunica que onte, día 11 de xullo do 2014, reuniuse o xurado do IIº Premio de Poesía Gonzalo López Abente, premio que se convoca en colaboración coa Xunta de Galicia a través da Secretaria Xeral de Cultura.
O xurado estivo composto polos poetas María Canosa, María Lado e X. H. Rivadulla Corcón, e por Viki Rivadulla como secretaria do mesmo, e decidiron declarar por unanimidade gañador ao orixinal titulado Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, que resultou ser da autoría de Laureano Xoaquín Araújo Cardalda.
Na acta do fallo o xurado salienta a estrutura e forma do libro, un contido fresco e versos con moito simbolismo. Destaca así mesmo o ritmo da composición e que o libro ten un fío condutor consistente, e iso facilita a lectura.
O premio será entregado o día 19 de Xullo dentro nun acto que se abrirá coa actuación do grupo de Pandereteiras Abaladeiras de Muxía, a continuación impartirá unha conferencia o escritor e patrón da Fundación, Xosé Luís Méndez Ferrín, sobre a obra de Gonzalo López Abente, que será presentado por X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente da Fundación. Continuará coa entrega do premio na que participaran Anxo Lorenzo, Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, Manuel Bragado, director de Edicións Xerais de Galicia, e María Canosa e María Lado en representación do xurado. E pecharase o acto coa actuación da Coral Polifónica Virxe da Barca de Muxía.
O premiado Laureano Xoaquín Araújo Cardalda, recibira como premio a cantidade de 2000 € e unha escultura da artista Viki Rivadulla, secretaria de Fundación. O libro será editado por Edicións Xerais de Galicia.
Laureano Xoaquín Araujo Cardalda (Berna – Suíza 1964) é profesor de Alemán de ensino secundario en Santiago de Compostela. Tradutor, tendo traducido ao galego entre outras obras A morte en Venecia de Thomas Mann e Opinións dun pallaso de Heinrich Böll. É doutor en ciencia política e licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. E ten publicado e ditado conferencias sobre ensino, sociolingüística e tradutoloxía. Os días condenados. Fragmentos para un devocionario, será o seu primeiro libro de poemas editado.

A Coruña: presentación da Fundación Gonzalo López Abente

O venres 20 de xuño, ás 20:00 horas, no salón de actos da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase a Fundación Gonzalo López Abente. No acto participan Miguel Mato, Suso Sambade e Xosé Henrique Rivadulla Corcón.

Miro Villar: “A primeira vez que se reivindicou a poesía do mar na literatura galega foi con López Abente”

Entrevista de Ramón Nicolás a Miro Villar en La Voz de Galicia, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
– (…) Ramón Nicolás (RN): Que significa a súa obra [de Gonzalo López Abente] para a literatura galega?
– Miro Villar (MV): Gonzalo López Abente é un dos poetas máis interesantes das primeiras décadas do século XX, con Cabanillas e Victoriano Taibo. Todos tres representan a poesía das Irmandades da Fala. Alén diso, Abente era moi valorado na súa época, por Antón Vilar Ponte ou por Vicente Risco que o definiu como «o noso mellor poeta do mar» e devecía polos seus sonetos de Do Outono (1924). De feito, Abente foi elexido en 1936 polos seus coetáneos para presidir a primeira Asociación de Escritores Galegos, outro proxecto fanado pola golpe fascista de 1936 e a guerra (in)civil. (…)
– RN: Cal é a orixe desta Poesía completa?
– MV: Constituída en 2010 a Fundación López Abente en Muxía, da que fun unha das persoas fundadoras, principiou a valorizarse a reedición da súa obra para o seu mellor coñecemento. De primeiras levei adiante a edición literaria de Bretemada (Alvarellos, 2011), poemario mecanoscrito inédito que se atopaba depositado na RAG e do que souben polo investigador Ernesto Vázquez Souza. E axiña a Fundación pediume que traballase na compilación da súa Poesía completa, labor ao que me entreguei decontado e que rematou nesta edición de máis de 600 páxinas, que xunta oito libros, textos inéditos e dispersos e a súa breve poesía en castelán, pois Abente foi por vontade propia un poeta monolingüe. (…)”