A casa natal de Carvalho Calero derrúbase após numerosos avisos

Desde Sermos Galiza:
“Os temporais dos últimos meses contribuíron mais pouco traballo tiñan xa para botar abaixo boa parte das ruínas do que fora a casa natal de Carvalho Calero, un inmóbel que fora no seu momento mercado polo Concello de Ferrol. A medianeira derrubouse por completo a primeira hora da segunda feira e mesmo houbo que cortar o tráfico na rúa San Francisco, deixando a estrutura da casa nunha situación crítica á espera de informes técnicos que decidan se compre demoler ou aínda se pode soster o esqueleto da vivenda na que viu a luz o escritor no barrio de Ferrol Vello.
A Fundaçom Artábria denunciou o desleixo das institucións diante dun derrube que fora amplamente anunciado, coa casa cada vez máis en ruínas e caendo aos poucos. Desde os comezos dos anos 90, Artábria vén homenaxeando a Ricardo Carvalho Calero diante da súa casa natal, aproveitando para reclamar que se implicasen na restauracións o edificio.
O concello mercou o edificio por 350.000 euros mais nunca se levou a cabo a súa restauración. “A falta de continuidade na iniciativa de recuperaçom desse pedaço do nosso património levou a que agora, quando havia mais 168 mil euros comprometidos para umha atuaçom inicial que nom chegava, o edifício tenha colapsado polo efeito do mau tempo e do seu estado ruinoso”, sinalan desde Artábria. (…)”
A foto é da Fundaçom Artábria.

Ferrol: conferencia de Francisco Rodríguez sobre o 150 aniversario de Cantares gallegos

A quinta feira 20 de xuño, ás 20:30 horas, na Fundaçom Artábria (Travesa de Batallóns, 7), en Esteiro, Ferrol, Francisco Rodríguez falará sobre a obra de Rosalía de Castro, coincidindo co 150 aniversario de Cantares gallegos.

Ferrol: presentación de Franquismo seródio e transiçom democrática na Galiza (1960-1981), de Carlos Velasco

A sexta feira 15 de marzo, ás 20:00 horas, no local da Asociación Veciñal de Esteiro (Ferrol), nun acto organizado pola Fundaçom Artábria, Carlos Velasco presenta o seu libro Franquismo serôdio e transiçom democrática na Galiza (1960-1981), editado por Laiovento.

Novas publicacións e iniciativas continúan a implantación do Apalpador

“Ano a ano, por estas datas continúan as actividades e iniciativas para reivindicar o personaxe do Apalpador como unha alternativa galega a Reis Magos e Santa Claus. Desta volta, o ilustrador Xoán González publica un novo libro ilustrado sobre esta figura, O Apalpador e a castaña máxica, logo da boa acollida do seu anterior volume sobre o mito. Pola súa banda, a asociación A Gentalha do Pichel presentaba a pasada semana o libro Teoria de inverno, unha colectánea de artigos que afondan neste personaxe e abordan diferentes aspectos do mesmo. Ao tempo, a Fundaçom Artábria publicou na rede, e para libre descarga, recortables para facer bonecos do Apalpador, e mesmo está dispoñible en Internet unha animación na que este xigante courelán felicita o Nadal. Ao longo das festas apalpadores varios visitarán localidades como Compostela, Pontedeume ou Ferrol, entre outras moitas localidades. (…)”. Vía Cultura Galega.