Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese arredor de tres espectáculos das compañías Xarope Tulú, Malasombra Producións e Galeatro, precedidos doutros tantos talleres baixo o lema común Saca a arte que levas dentro e directamente relacionados co que as nenas e nenos verán a continuación no escenario.
O ciclo arrancará esta fin de semana con Nómades, unha proposta moi visual na que Xarope Tulú xoga co movemento, a música e a palabra para convidar os espectadores a viaxar por paisaxes singulares. O seu obxectivo é subliñar a beleza da diversidade, que dá lugar á aparición de novas tonalidades, texturas e xeitos de vivir, sen que exista un corpo equivocado. Gena Baaamonde é a directora desta montaxe de creación colectiva, que poñen en escena María Roja, Atenea García e Diego M. Buceta.
O espectáculo representarase o sábado 22, ás 19,00 h., e o domingo 23, ás 12.30 h. Dúas horas antes de cada función, dará comezo o taller Vísteme despacio. O espazo escénico e o vestiario, no que as cativas e cativos crearán escenas que rachen cos estereotipos e os roles de xénero a partir do xogo co espazos escénico, a creación de personaxes e o seu vestiario.
Pompas de luz e cor
Nos mesmos horarios desenvolverase o sábado 29 e o domingo 30 o espectáculo Os fabulosos cleaners, de Malasombra Producións, xunto ao obradoiro Visto e non visto. As texturas da luz. Dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal, quen é tamén un dos intérpretes xunto a Jouse García, esta montaxe con pompas de xabón está pensada como unha experiencia visual para participar toda a familia.
En relación con este espectáculo, o taller que o precederá incidirá no concepto de arte efémera como forma de expresión fugaz, para o que se traballará con diferentes materiais, texturas e iluminación.
Para finalizar, na primeira semana de 2019 chegará a quenda de Galeatro, a compañía de Alba Bermúdez e Tone Martínez, que porán en escena Muiñada o xoves 3, ás 19,00 h. e o venres 4, ás 12,30 h. A montaxe proponlles ás nenas e nenos de hoxe unha viaxe á tradición popular galega a partir da historia de Sabela e Xacobe, que se atopan nun dos moitos muíños de auga espallados por Galicia nese tempo por un malentendido coas quendas das muiñadas.
Dúas horas antes destas funcións, terá lugar o obradoiro Cántame un conto. O espazo sonoro e os cantos, que a través do xogo coas historias e os refraneiros populares, abordará as técnicas de dramaturxia e o traballo coas actrices e actores, ademais de afondar no impacto do son na construción de ambientes sobre o escenario.
Prazas e reservas
Para facilitar a conciliación familiar durante as festas, o Centro Dramático Galego oferta entre 20 e 30 prazas para as diferentes sesións dos talleres, que volverán ser impartidos por Elea López co obxectivo de que as nenas e nenos entendan mellor o espectáculo que verán despois, ademais de coñecer como funciona por dentro o mundo do teatro. Nestes obradoiros poderán participar sos, mentres que nas funcións é necesario que estean acompañados por cando menos un adulto.
A entrada a estes talleres está incluída no Bono de Nadal, previa reserva de praza no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,00 horas), e abrangue así mesmo un mínimo de catro entradas para calquera dos espectáculos ofertados a un prezo especial de seis euros cada unha. Ademais, existe unha tarifa familiar ao mesmo prezo (mínimo de tres entradas para unha mesma función mais talleres), así como billetes individuais a oito euros. Fóra dos devanditos bonos, a tarifa dos obradoiros é de cinco euros cada un e o pago farase no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde media hora antes do seu comezo. Tamén aquí poderán mercarse as diferentes modalidades de entrada, soltas ou combinadas, cuxa venda anticipada está dispoñible no web entradas.abanca.com.”
Arquivos da etiqueta: Gena Baamonde
Gena Baamonde dirixirá a nova produción do CDG a partir de dúas pezas de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte
Desde Agadic:
“Neorretranca e posmorriña será o título da próxima produción propia do Centro Dramático Galego, que dirixirá Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se se lle dá publicidade á convocatoria do proceso de selección das 10 actrices e actores que porán en escena o novo proxecto da compañía pública, con data de estrea prevista para o 11 de abril.
A reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo. O CDG puxo en marcha esta nova iniciativa a primeiros de 2018 no marco do seu programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa.
Bases
Segundo as bases publicadas no web da Agadic, os intérpretes interesados en optar ás 10 prazas de actrices e actores convocadas –catro con categoría de protagonistas e seis de principais– teñen de prazo desde mañá e ata o mércores 19 de decembro para presentar as súas solicitudes xunto con toda a documentación requirida.
Para seren admitidos, os aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ben solicitando unha avaliación lingüística específica.
O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá nun baremo dos méritos profesionais dos aspirantes. Para esta valoración, na que se poderán obter ata 20 puntos, teranse en conta as capacidades interpretativas para espectáculos teatrais (titulación, cursos de formación, interpretación en espectáculos profesionais e afeccionados de artes escénicas, premios…), así como a achega de materiais audiovisuais a través dun videobook de resumo dos traballos en artes escénicas e audiovisuais ou a gravación de traballos puntuais.
Audicións
As persoas que acaden as cinco mellores puntuacións de cada un dos personaxes convocados accederán a unha segunda fase de audicións, con ata 30 puntos en xogo. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de audición oral/avaliación lingüística e unha segunda de interpretación.
Os textos e indicacións para esta valoración estarán dispoñibles en www.agadic.gal con tempo suficiente para a súa preparación por parte dos actores e actrices que accedan á segunda fase.
As diferentes etapas deste proceso faranse públicas no web da Agadic e no taboleiro das súas dependencias: http://www.agadic.gal/Avisos/detalles/558.”