Barcelona: presentación de Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón

O mércores 15 de xuño, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Carrer Provença, 276) de Barcelona, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco. No acto participan, acompañando ao autor, Olegario Sotelo Blanco e Helena González.

Xosé Fernández Ferreiro: “Todos somos perdedores”

Entrevista a Xosé Fernández Ferreiro en Galicia Hoxe:
‘Fernández Ferreiro cre que falta por escribir “a gran novela do urbano, do rural e da emigración”. Entre algunhas obras sobresalientes que abordaron estas temáticas, o autor de Nogueira de Ramuín apunta A esmorga ou La catedral y el niño de Eduardo Blanco Amor pero considera que aínda non foron tratados pola literatura galega coa complexidade que precisan.
O escritor declárase “namorado do xornalismo por vocación e pola literatura”. Logo de estudar esta carreira en Marid, trasladouse a Santiago para traballar no xornal La Noche e despois noutros diarios como Faro de Vigo, El Correo Gallego ou La Voz de Galicia. En 1985 recibiu o Premio Galicia de Periodismo polos centos de artigos que publicou ao longo da súa vida. “O xornalismo deume unha gran facilidade para escribir. Eu sei sintetizar moi ben os textos. Iso dáche moito xogo, tamén na literatura”, asegura.
A súa outra gran paixón foi o cine. “Sobre todo, gustábanme as películas do oeste”, apunta. De feito, mentres estaba en Madrid chegou a traballar na produtora cinematográfica fundada polo galego Cesáreo González. “Traballaba no departamento de publicidade até que me chamaron de Faro de Vigo e regresei a Galicia”, lembra.
Todas as súas novelas están ambientadas no rural galego agás as de ciencia ficción. “Unha das miñas obras está ambientada na zona da Amazonía, é unha obra bestial porque nela vertín todas as ideas sen coutar nada. Simboliza o mundo de hoxe no que pairen o poder, o sexo e o diñeiro”, afirma’.
O día seguinte hai unha resposta no mesmo medio de Helena González.

Indignadas contra a Real Academia Galega

‘Outro dos rostros visibles do manifesto pola entrada das mulleres na Real Academia Galega, a poeta Yolanda Castaño, considera “unha mágoa” que a RAG “non aproveite este momento para tratar de reflectir un pouco mellor a realidade da sociedade no seu seo”. Para ela, unha vez que non se conseguiu o obxectivo, pode que a solución “estea na ampliación do número de cadeiras, ao estilo da Real Academia Española, pois as actuais son escasas”.
Por último, a profesora María Xesús Nogueira, tamén asinante d’O xogo das cadeiras, pensa que “non se trata dunha persoa, senón dun problema estrutural da Real Academia”, e considera que dende a RAG “se fan oídos xordos” ao sentir da sociedade galega.’ Desde (Xornal). Tamén neste medio aparece un artigo de Helena González.

Edición facsimilar, con estudo crítico, da revista Loia, polo Consello da Cultura Galega

Os catro números da revista Loia, que acolleu os primeiros textos de Lois Pereiro, saen á luz agora nunha edición facsimilar da man do Consello da Cultura Galega. A institución segue así a súa tradición de homenaxear con este tipo de publicacións os protagonistas do Día das Letras. A edición inclúe un estudo crítico da revista coordinado por Xosé Manuel Pereiro no que se poden atopar artigos del mesmo, Ramón Villares, Helena González, Antón Patiño e Manuel Rivas. A edición completa está dispoñible na rede para a libre descarga.

Presentación de O xogo das cadeiras, manifesto pola entrada de mulleres na Real Academia Galega

O manifesto O xogo das cadeiras presentouse en Santiago polas escritoras María Reimóndez, Yolanda Castaño e Inma López Silva e pola crítica literaria Dolores Vilavedra, xunto a Helena González, investigadora universitaria. Reclaman que medre a presenza feminina na Real Academia Galega e quéixanse de que se teime en discriminar nesa institución a creación e a investigación femininas. Defenden que o único fin que buscan é que as próximas vacantes que haxa na institución académica se cubran con personalidades da cultura femininas. Na súa presentación o manifesto conta con 52 sinaturas de destacadas mulleres dos ámbitos da creación, a crítica literaria, a universidade e o xornalismo. As promotoras animan os interesados en adherirse á iniciativa que o fagan a través da súa web. Vía A Nosa Terra. Tamén en Galicia Hoxe e Xornal.