Feira do Libro da Coruña 2021: actividades destacadas do 6 de agosto

O 6 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. Presentación de Abril, de Luz Darriba, publicado por Belagua.
18:30 h. Pepe Carballude asina In memoriam e A vida diaria dos romanos, publicados por Xerais, e De como o Santo dos Croques se fai peregrino, publicado por Hércules.
18:30 h. Paula Merlán asina exemplares de A troglodita, publicado por Edicións do Cumio, e As disparatadas historias dos Monki, publicado por Triqueta.
18:30 h. Xosé Tomás asina exemplares de Historias da fraga revirada, publicado por Galaxia.
19:30 h. Presentación de Historias de mentes, de Arantza Portabales, publicado por Bululú. Participa, xunto á autora, Pablo Zaera.
19:30 h. Rosa Aneiros asina Sibila, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
19:30 h. Luz Darriba asina exemplares de Abril.
19:30 h. Xosé Carlos Carracedo Porto asina exemplares de Diario dun confinamento, publicado por Bolanda.
20:30 h. Presentación e sinaturas de Contrahistorias de Galicia, de Antonio Reigosa, publicado por Edicións Embora. Xunto ao autor, participan Miguel Toval e Xosé Cobas.
20:30 h. Presentación de todos os pasos fan ruído, de Sara Plaza, publicado por Espiral Maior; Obra inacabada de Dosinda Christensen, de Xerardo Quintiá, publicado por Alvarellos; e Consecuencias, de Óscar García Ramos, publicado por Caldeirón. Coa presenza, xunto á autora e autores, de Eduardo Estévez e Carlos Lorenzo.
20:30 h. Alfredo Conde asina exemplares de En canto a Fraga, publicado por Ézaro.
20:30 h. Arantza Portabales asina exemplares de Historias de mentes.

Pepe Carballude: “É un luxo para Carballo ter unha libraría do nivel da Brañas Verdes”

Entrevista a Pepe Carballude en La Voz de Galicia:
“Pepe Carballude amosou o venres 18 de xuño en Carballo que, como el ten dito nestas páxinas, é fillo da tradición oral, fillo dos contos. Só un bo escoitador destas historias faladas e un bo orador pode ser quen de contar tanto e darlle unha forma amena, sen que os oíntes perdan bocado nin fío. A tertulia posterior á presentación de A pintora libertaria resultou realmente entretida. Dar a coñecer esta obra, publicada por Galaxia, foi o pretexto que trouxo a este estradense de volta a Carballo, onde ten sido director do IES Alfredo Brañas e onde residiu uns anos. Tivo Carballude palabras de agradecemento para a editorial e para Elena e Moncho, almas da libraría Brañas Verdes, que foi o espazo que o acolleu, na compaña de Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz en Carballo e presentador do acto. «É un luxo para Carballo ter unha libraría coma esta. Recórdame moito á Cervantes de Salamanca», abundou. Viaxou de aquí a acolá para falar de espacios abertos, de lugares onde un pode gozar dos libros e onde o libreiro fala, aconsella, resistente a ser engulido por unha máquina.
En A pintora libertaria quixo o autor, dun lado, homenaxear á emigración, a eses centos de persoas que marcharon por motivos de traballo ou perseguidos polas súas ideas. Lembrou Pepe a outro Pepe, Neira Vilas, e ás súas memorias da emigración. Lembrou a tanta xente anónima, como Xosé María Silva, de Montillón (A Estrada), que chegaría a ser en Montevideo fotógrafo de Gardel, ou a Ramón Verea, emigrado a Bos Aires, creador da base da calculadora. Carballude expuxo asemade a creación de centos de escolas para a alfabetización das aldeas por parte destes emigrantes e, por suposto, explicou que nesta súa obra quere reivindicar e rescatar a figura da transgresora Maruja Mallo, quen pola súa condición de muller e pese a o seu talento nas artes plásticas, non chegou a ter o éxito de Picasso ou Dalí. Unha cousa e outra deulle para falar da falsificación da arte ou da inversión nela sen ter moito criterio.
Mesmo quedou tempo na Brañas Verdes para dar unhas pinceladas de In Memoriam, obra publicada por Xerais na que aborda a loita pola recuperación da memoria histórica nunha vila galega, casos de paseados durante a Guerra Civil que quedaron «ciscados polo noso país». Tivo para iso asesoramento de Carmen García Rodeja. Carballude é un bo conversador.”