O luns 6 de febreiro, ás 18:30 horas, no IES de Valadares de Vigo, o escritor Francisco Castro falará sobre a súa novela In vino veritas co alumnado do centro educativo.
Arquivos da etiqueta: In vino veritas
Rianxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro
O venres 28 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, e no que participan, acompañando ao autor, María Xesús Blanco López e Antón Riveiro Coello, presentarase a exposición de Che Tembra Castelao: 125 aniversario. Ao inicio e ao final do acto Iago Hermo Martínez interpretará varias pezas musicais ao piano.
Allariz: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro
O venres 14 de outubro, na Libraría Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5) de Allariz, preséntase In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, acompañando ao autor, participa o profesor Xabier Álvarez.
Francisco Castro: ‘Cómpre un 15-M dos consumidores de medios de comunicación’
Entrevista a Francisco Castro en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): Na contracapa do seu libro fala de parodia da novela negra mais In vino veritas parece máis unha deconstrución do xénero policial onde o cerne é a crítica social, especialmente contra a televisión.
– Francisco Castro (FC): Comparte coa maioría dos meus libros ese factor de crítica social. Eu creo na literatura como ferramenta de evasión pero tamén como xeito de falar do mundo. Quería ser explicitamente crítico cos medios de comunicación e cos consumidores de determinados contidos televisivos. Pero tamén é certo que quixen facer parodia do xénero negro. Non son un grande afeccionado á literatura negra pero apetecíame xogar coas estritas normas do xénero, de aí que encabecen os capítulos os puntos do decálogo de Raymond Chandler sobre a literatura policial. (…)
– ANT: Galiza ten unha excelente canteira de escritores para nenos e mozos. Na actual conxuntura de recortes educativos, é posíbel que se perda o mercado dos máis novos e haxa menos títulos?
– FC: Existe unha enorme e triste dependencia do sistema de ensino. Precisamos un mercado pleno e autónomo coma o catalán. Esta valoración serve para o audiovisual ou para a prensa en galego, con lixeiros matices. O noso problema como cultura é que mentres a nosa produción cultural é de primeira división a todos os niveis e conseguiu normalizarse como expresión dunha identidade galega, o país como sociedade non é normal. Os que producimos cultura: escritores, editores, músicos, cineastas, actores, xornalistas… somos heroes porque a entrega e o esforzo non están pagos, porque a recompensa económica e social é exigua. Podemos botarlle a culpa aos poderes e á forza da cultura do Estado pero ás veces estrañas maior atención daqueles que para outras cousas si se senten identificados coa cultura propia. Se os que se senten desgustados cos ataques ao galego consumisen os produtos en galego teriamos unha cultura sustentábel e digna.
– ANT: A pesar dese heroísmo, na literatura o 90% do que escriben os nacidos en Galiza está en galego. Non sería máis lóxico escribir na lingua do comercio?
– FC: E o que é máis importante. Os que temos 45 anos ou menos non chegamos á literatura como militantes ou para cubrir un oco ou para continuar as tradicións temáticas e literarias da Tradición. Non, chegamos á escrita porque queremos facer literatura, sen máis etiquetas. Eu non fago literatura galega, fago literatura, que é galega porque eu son galego e o idioma de Galiza é o galego, nada máis. Esa postura “profesional” diante da escrita convértenos en escritores moi modernos, á altura dos nosos colegas en calquera parte do mundo. Eu quero que cando me traduzan un libro, o lector sinta ese texto como propio, que se identifique cos personaxes e a historia, non que faga unha lectura “etnográfica”. Non me parece casual que sexan os autores infantís e xuvenís os primeiros que consguiron ser traducidos masivamente. (…)”.
Sanxenxo: presentación de In vino veritas, de Francisco Castro
O luns 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Sede Náutica Novacaixagalicia de Sanxenxo, terá lugar a presentación de In vino veritas, de Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto estará acompañado pola xornalista María Solar.
A Coruña: actividades do martes 2 na Feira do Libro
Estas son as actividades máis destacadas dentro das previstas para o martes 2 de agosto na 40º edición da Feira do Libro da Coruña, aberta nos Xardíns de Méndez Núñez até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:
– 19:00 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes e Mercedes Queixas.
– 20:00 h. Conversa con Agustín Fernández Paz, Óscar Sánchez e Iago Martínez arredor da novela Non hai noite tan longa, publicada en Xerais.
– 20:30 h. O ilustrador David Pintor e o autor Carlos López (Pinto e Chinto), asinarán exemplares das súas obras.
Vigo: Francisco Castro asina exemplares de In vino veritas
O mércores 27 de xullo, ás 20:00 h., no Corte Inglés de Vigo (Gran Vía), Francisco Castro asinará exemplares da súa última novela, In vino veritas, e do resto da súa obra.
Santiago: actividades literarias do luns 25 no Festigal 2011
Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias o luns 25 de xullo:
– 16:00 h. Presentación do libro Todas as mulleres que fun, de Andrea Nunes Brións. Falan: Maria Rosendo, Pepe Árias e Andrea Nunes.
– 16:45 h. Presentación da novela In vino veritas, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Malores Villanueva e o autor.
– 17:20 h. Presentación de Ártico 2.0, de Xavier Queipo, publicado en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Alfonso Álvarez Cáccamo e o autor.
– 17:55 h. Presentación da iniciativa Sermos Galiza, coa intervención de Teresa Moure, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Marga Romero.
– 18:15 h. Presentación do libro Rosalía, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, editado pola AS-PG.
– 20:30 h. Presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas, publicado en Galaxia, coa participación de Marga do Val, Francisco Castro e as coordinadoras do libro.
– 21:15 h. Presentación do libro Falar com Jeito, de Fernando Corredoira, publicado en Através. Participa o autor acompañado por Valentim R. Fagim.
Vigo: actividades do martes 5 na Feira do Libro
Continúa a XXXVII Feira do Libro de Vigo (nos Xardíns da Praza de Compostela), aberta até o domingo 10 de xullo, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas.
As actividades máis destacadas do martes 5 son as seguintes:
– 19:30 h. O escritor Manuel Portas fará a presentación do seu libro Un dedo manchado de tinta, publicado por Edicións Xerais de Galicia. Xunto co autor, participarán no acto Manuel Bragado e o Grupo Loaira.
– 20:00 h. O escritor Miguel Anxo Fernández asinará exemplares do seu libro Lume de cobiza, publicado por Editorial Galaxia.
– 20:30 h. O escritor Francisco Castro presentará o seu libro In vino veritas, publicado por Editorial Galaxia. Xunto co autor, participan no acto Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia e o músico Anxo Pintos.