Entrevista a Marta Dacosta no Instituto de Estudos Miñoráns:
“1. Que che inspira a escribir?
Escribir é un impulso. Talvez a necesidade de reter unha emoción e, ao tempo, de enfrontala, colocala fóra de nós, para comprender as súas dimensións e consecuencias.
Se a pregunta é que motor pon en marcha ese mecanismo, son múltiples, todos os que producen un desequilibrio descendente ou ascendente: as inxustizas e a beleza, a dor ou a calma.
2. Cal é a palabra que mais che proe?
A lingua é tan rica que non me podo quedar con unha.
3. Como elixes os temas para as túas historias?
Xorden desa necesidade de capturar esa emoción. Na escrita poética ás veces é o tema o que nos atopa a nós. Quero dicir que non imos atrás dun tema que queiramos tratar, senón que os textos nacen e, daquela, descubrimos os temas que nos ocupan. Outras veces si que ideamos un fío argumental e temático que imos percorrendo, mais, no meu caso, non é o proceso habitual.
4. Poderías compartir algunha anécdota relacionada coa creación dun dos teus libros?
En relación coa pregunta anterior, cabería sinalar que a escrita de Argola foi deliberada e planificada, un libro que se escribiu nun outono cunha protagonista e unha historia que, cos avances arqueolóxicos, acabou por se adaptar ao lugar en que a imaxinei, a costa de Oia.
5. Cal é o teu libro favorito entre os que escribiches e por que?
Non teño un. Normalmente o último, porque te vas desprendendo dos anteriores até lelos coma se non fosen teus e recoñeces neles o que xa non escribirías.
6. Que é o máis bonito que che dixeron sobre a túa obra?
Pois non lembraba estas palabras do colega e amigo Rafa Vilar, mais revisando os inicios atopeinas. Escribiu isto en 2004 para a reedición do meu primeiro libro: “A poesía de Marta Dacosta é unha poesía intelixente en si mesma, que non abusa da carga retórica nin tampouco da tentación do sentimentalismo. Posúe unha gran forza expresiva, dada por unha construción da linguaxe na que o ritmo é crucial. En paralelo a isto, aborda os temas (tanto os universais como os máis propios e íntimos) con absoluta implicación, entregando uns poemas que zumegan autenticidade, lonxe de imposturas ou artificios vans.” (…)”
Arquivos da etiqueta: Instituto de Estudos Miñoráns
Gondomar: mesa redonda “Don Paco del Riego. Entre Vigo e o Val Miñor”
Gondomar: estrea do documental As lecturas poéticas da MINI
O 24 de novembro, ás 20:00 horas, no local do Instituto de Estudos Miñoráns (Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avda. da Feira 10, Gondomar), terá lugar a estrea do documental As lecturas poéticas da MINI. Para a súa presentación contaremos coa presenza do coordinador das lecturas, Xosé María Álvarez Cáccamo e máis de Manuel Forcadela, autor do documental.
Dakota, de María Álvarez Martínez, “Masha”, obra gañadora do XV Premio de Poesía Victoriano Taibo de Gondomar
Gondomar: presentación de Lacan en Compostela, de Manuel Forcadela
Gondomar: Ciclo Literario Miñorán 2023, con Iria Misa, Fran Alonso e Marta Dacosta
Bases do XV Premio de poesía Victoriano Taibo
“O Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, convoca o XV Premio de poesía Victoriano Taibo, dotado con 4000€ e unha escultura conmemorativa de Fino Lorenzo. Rexerase polas seguintes bases.
1. Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, non poderán ser adaptacións nin estar premiados noutro certame no momento da decisión do xurado. Estarán escritos en lingua galega, de acordo coas Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego da Real Academia Galega e do Instituto da Lingua Galega (NOMIG, 2003).
2. Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 400 versos con unidade temática, non podendo superar as 250 páxinas.
3. Os traballos presentaranse con letra de corpo 12 a través do Formulario de Participación, ao que se pode acceder a través da seguinte ligazón:
https://forms.gle/zbrZTi1nigBWL2FR7
Nese formulario indicarase o título co que se presenta a obra e pseudónimo escollido pola autora ou autor. Tamén se cargará un arquivo coa obra en formato PDF. O arquivo en PDF non poderá conter datos ou metadatos que identifiquen a súa autoría real.
Enviarase tamén unha copia en papel, con letra de corpo 12 nun sobre pechado identificado polo pseudónimo e o título indicados no formulario. Así mesmo, dentro deste sobre, xunto co traballo, incluirase outro sobre pechado identificado co devandito título que conterá os datos persoais (nome, apelidos, copia de DNI, teléfono de contacto e enderezo electrónico). O xurado só o abrirá no caso de ser premiado.
Os traballos enviaranse por correo ao seguinte enderezo:
XIV Premio de Poesía Victoriano Taibo
Instituto de Estudos Miñoráns
Apartado 30
36380 Gondomar (Pontevedra)
4. O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 30 de setembro de 2023.
5. Os traballos presentados non serán devoltos e destruiranse tras o fallo do premio.
6. O xurado estará constituído por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.
7. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Dombate e non xerará dereitos de autor durante os primeiros 1000 exemplares editados.
8. O premio outorgado será único e indivisible. O xurado poderá declaralo deserto se estima que a calidade das obras presentadas así o aconsella.
9. A persoa gañadora comprométese a impartir un obradoiro totalmente presencial de poesía en Gondomar entre os meses xaneiro e marzo de 2024. O obradoiro terá unha duración de 18 horas e non suporá compensación adicional por gastos de ningún tipo á parte do importe en metálico do premio. O obradoiro poderá facerse de forma telemática no caso de que a persoa gañadora resida fóra de Galicia, feito que deberá acreditarse debidamente. A persoa gañadora tamén se compromete sen custo a formar parte do xurado na seguinte edición do premio en caso de ser solicitado pola organización.
10. Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.
11. O feito de participar supón a aceptación destas bases.”