Clara Borghesi entrevista a Xoán Curiel

Entrevista de Clara Borghesi a Xoán Curiel na revista italiana Insula Europea (agradecemos o seu envío a Inma Otero Varela):
“(…) – Insula Europea (IE): Daquela, vou preguntarche pola orixe do teu proxecto Treides comigo! e, máis en xeral, polo teu interese cara á lírica galego-portuguesa. Cal é o criterio co que escolliches as dez cantigas que forman parte do álbum?
– Xoán Curiel (XC): En primeiro lugar fixen unha selección de nove cantigas medievais atribuídas a nove trobadores. Engadín unha décima composición a partir dun poema de Gonzalo López Abente (poeta muxián membro das Irmandades da Fala), que versa sobre unha lenda medieval da zona de Muxía. Todo este traballo compositivo xira en torno á figura do Camiño de Santiago, xa que os dez autores (incluíndo a Abente) están relacionados dalgún xeito coas dez rutas de Santiago que existen en Galicia. Finalmente Iris Gey culminou o proxecto creando unha música para este disco a partir dunha cantiga de Bernal de Bonaval (relacionado con Santiago de Compostela, lugar de destino dos dez camiños) e pechando así conceptualmente este traballo discográfico.
– IE: Porén, que poderías contarme sobre o texto de Gonzalo López Abente?
– XC: Segundo me contaron, inspirouse nunha lenda medieval da zona de Muxía, concretamente da furna da Buserana. A lenda fálanos do amor entre o trobador Buseran e a bela Florinda. Cando pai de Florinda, un rico señor, sabe deste namorío, pecha a Florinda na fortaleza, mais Buserán non se da por vencido e todas as noites entona cantigas de amor para a moza. Finalmente o señor ordena a morte de Buserán lanzándoo, según conta a lenda, dentro da furna. Enteirada Florinda, vira tola e diríxese día e noite á beira da furna a chamar polo seu namorado. Un día, en resposta ás chamadas de Florinda escóitanse as melodías de Buserán saír da furna e, de súpeto, unha onda sobe polo cantil tomando a forma do trobador e levándose a Florinda para sempre.
– IE: De forma xeral, como actúa tu dinámica creativa? Comezas traballando no texto e terminando coa música ou ao revés?
– XC: Normalmente, cando estou compoñendo (e a letra vai ser miña), traballo a música e a letra de maneira simultánea. Neste caso, partín loxicamente das transcricións existentes destas cantigas e de xeito libre fun traballando música e armonía en función do que a cantiga me producía. O certo é que confío moito nas miñas “musas” á hora de compoñer e tento non ser ríxido e ser canle aberta para a música que me chegue.
Neste proceso de poñer música ás cantigas, ás veces fixen a canción inicial e despois mudei o ritmo ou a melodía para achegalo a unha concreta sonoridade que procuraba, ou incluso volvín a comezar de cero a facer a canción se a música non me convencía. (…)”

Perugia (Italia): concerto Afonso X. As cantigas do Rei Sabio

O xoves 16 de novembro, ás 21:00, terá lugar en Perugia (Italia) o concerto “Afonso X. As cantigas do rei Sabio” (“Alfonso X. Le cantigas del re saggio”) a cargo do grupo I Trobadores. A actuación está ligada á exposición “Afonso X e la Galizia” que se poderá visitar no Reitorado da Universidade da cidade umbra ata o 13 de decembro. Os músicos executarán as pezas con instrumentos construídos a partir das miniaturas que aparecen nos códices medievais. Será na Sala dei notari di Palazzo dei Priori. Pódese atopar máis información na revista dixital Insula Europea.

Attilio Castellucci entrevista a Domingo Villar

“A web italiana Insula Europea acolle unha entrevista a Domingo Villar realizada por Attilio Castellucci, director do Centro de Estudos Galegos da Universidade La Sapienza de Roma e tradutor de longa traxectoria de obras galegas ao italiano.
Pódese consultar o texto italiano da entrevista a Domingo Villar nesta ligazón, mentres que a versión galega é accesible desde aquí. A web Insula europea, dirixida polo profesor da Universitá de Perugia Carlo Pulsoni, publica información, entrevistas, investigación e recensións relacionadas coas diferentes literaturas e Europa, entre elas a galega.”

Presentación da tradución ao italiano dun dos poemarios de Uxío Novoneyra, Tempo di elegie

“O pasado venres 3 de decembro presentouse en Perugia a tradución ao italiano dun dos poemarios de Uxío Novoneyra, Tempo di elegie, publicado pola editorial Aguaplano. O acto estivo organizado polo Centro de Estudos Galegos do Ateneo de Perugia e tivo lugar no Museo Arqueolóxico Nacional de Umbria. Participaron o tradutor, Marco Paone, xunto á filla do poeta, Branca. A conversación entre ambos os dous dou a oportunidade ao público de coñecer o escritor galego, a súa produción poética e o papel da Fundación que leva o seu nome en prol da difusión da súa obra.
Dáse noticia da tradución italiana na revista Insulaeuropea.eu, dirixida polo profesor da Universitá de Perugia Carlo Pulsoni, na que se publica información, entrevistas, investigación e recensións relacionadas coas diferentes literaturas e Europa, entre elas a galega, aquí.”

Artigo de Attilio Castellucci sobre a memoria de Lino Braxe

Desde Insula Europea (tradución de Inma Otero Varela):
“Nos últimos anos acendeuse en Lino unha paixón profunda, non só por Italia e máis concretamente por Roma, senón máis ben pola historia da Roma antiga. Os seus últimos textos recollían o pasado do Imperio romano e a súa decadencia, desde aquel Romano. I giorni della Puglia, texto bilingüe que publicamos aquí en Italia, ata o último traballo, “Itálica”, aínda sen completar, sobre o que estabamos traballando xuntos e no cal que pararei máis adiante. Por iso me permitín usar o latín no título desta lembranza, non por presumir de erudición, senón por honrar o seu amor pola vella lingua, aínda que deixei o nome de Lino sen declinar, e pido a venia aos amigos latinistas polo meu macarrónico atrevemento.
Coñezo a Lino desde hai tantos anos que o recordo do noso primeiro encontro xa está moi esluído. Confeso que cando decidimos convidalo ao Centro de Estudos Galegos de Roma a primeira vez sabía moi pouco del e da súa obra, pero tiña grande confianza en Inma Otero, lectora do Centro nese período e coñecedora profunda da cultura da súa Galicia. As poucas cousas que lle lin gustáronme e gustábame a idea de non facer a consabida conferencia académica, un tanto ríxida, polo que entre Inma, Carlo Pulsoni e eu organizámonos para facer unha sorte de libreto de produción propia cos textos –traducidos ao italiano por Roberta Maschi e ilustrados por Enrico Pulsoni- que Lino presentaría logo ao seu xeito, distinto e divertido. O propio Lino –para alén de autor foi un actor moi prezado e coñecido en toda España– leunos en público acompañado, coma sempre, de Rómulo Sanjurjo, cómplice excepcional en tantas angueiras.
A Lino e a Rómulo gustoulles a idea e a simpatía entre nós naceu de maneira inmediata e recíproca, sen dúbida coa axuda das enxurradas que escorregaban de Peroni, cervexa que inexplicablemente Lino adoraba cando aínda bebía. Inmediatamente a maxia xurdiu e Lino preguntoume se, á parte do espectáculo presentado no curso académico de Lingua e Literatura Galega, non sería posible sacar aquela pequena actuación fóra dos muros da universidade. Así era Lino, sempre fóra de rego, coa vontade de levar a cultura onde menos se esperaba por ela. E comigo esa porta sempre ía estar aberta. Aínda que a Inma e a min colleunos un pouco de sorpresa, non perdemos os folgos. Atopamos, aínda non sei moi ben como, un pub en San Lorenzo ao que adoitaban acudir moitos estudantes e onde estaban dispostos a darnos acubillo de balde e organizamos todo en poucas horas. Non podo dicir que houbese unha multitude oceánica, xa que obviamente non a había, pero o local estaba cheo e aínda se foi enchendo máis cando se correu a voz de que naquel pub había uns tolos, un deles recitando poemas nunha lingua estraña en compañía doutro que tocaba un acordeón rockeiro e un terceiro (eu mesmo) que traducía de maneira simultánea mentres bailaba cos outros dous. Todo isto ocorría na noite do oito de maio de 2007, ou mellor dito, entre o 8 e o 9, porque aproveitamos ben as horas que dividen dous días, para repetir en Perugia dous días despois e en Padova logo doutros dous máis. E eu decidín acompañar a Lino e Rómulo durante esta tournée pequena e improvisada, porque xa abrollara o vencello que nos tería unidos. Coido que estas escasas liñas son suficientes para bosquexar o home, ademais do poeta, o autor e o actor.
Divertímonos tanto naquela semana xuntos que vimos como ía nacendo unha amizade que nos uniría ata o final. Decidimos que tiñamos que repetir a experiencia canto cantes con textos novos e novos encontros. (…)”

Artigo en Italia sobre O club da calceta de María Reimóndez

“A web italiana www.insulaeuropea.eu/ acolle un artigo de Silvia Corelli sobre O club da calceta de María Reimóndez, traducida ao italiano por Attilio Castellucci en 2007 (Il club della calzetta. Milán: Gran via). Para alén da lectura orixinal que realiza da novela, a autora reflexiona sobre o impacto do feminismo en Galicia e a influencia que tivo esta descuberta nas investigacións que estaba a realizar cando chegou a Santiago de Compostela sobre a presenza da muller na literatura. Mais a pegada do feminismo galego tamén se deixou notar na súa vida persoal e na posición que ocupaba na sociedade como muller.
Pódese consultar o texto italiano na seguinte ligazón.
A web Insulaeuropea.eu, dirixida polo profesor da Universitá de Perugia Carlo Pulsoni, publica información, entrevistas, investigación e recensións relacionadas coas diferentes literaturas e Europa, entre elas a galega.”

Entrevista de Inma Otero Varela a Carlos Lorenzo en Insula Europea

Entrevista de Inma Otero Varela a Carlos Lorenzo en Insula Europea:
“- Insula Europea (IE): Non é habitual atopar documentais sobre un xénero literario e, menos aínda, que fuxan dun formato excesivamente académico. Ti fixéchelo con Vértice de Versos, partindo dunha proposta conceptual e estética moi eficaz. Como xurdiu a idea?
– Carlos Lorenzo (CL): A idea de facer este documental naceu despois de descubrir que non existía ningún audiovisual que con certa profundidad tratara asuntos sobre a nosa literatura. Eu necesitaba ter referencias para facer un pequeno documental sobre os 20 primeiros anos do premio de poesía Concello de Carral, mais tan só atopei pezas feitas para exposicións ou didácticas sobre algún autor ou autora á que lle dedicaran o Día das Letras Galegas; ou reportaxes de televisión de non máis de 5 minutos sobre algún escritor ou libro, mais ningún amosaba o conxunto do ambiente de creación literaria que hai en Galicia. E sorprendíame moito, porque é constatable que a produción literaria en Galicia é densa e extensa. E claro está que nesta falta de atención sobre a nosa literatura, a poesía aínda estaba máis esquecida. Eu levaba moitos anos en contacto co ambiente poético de Galicia e parecíame que en Galicia estaba a pasar un fenómeno moi singular, e era que había moita produción de poesía, algunha dela moi recoñecida e premiada no exterior da comunidade. Estaba a ser un fenómeno moi descoñecido polo público en xeral. E pensei que había que contalo. Que tiñamos unha poesía galega da que sentirnos orgullosos e que necesitaba que se lle prestara atención. E sobre todo eu queríallo contar a quen non tiña ningún interese en coñecer esta situación ou en ler poesía. Quería abrirlles a porta dun mundo que lles ía causar unha gran sorpresa e satisfacción.
– IE: Participas en Vértice de Versos como produtor, guionista e director. Con que retos te enfrontaches neste triplo papel?
– CL: O primeiro que comecei a facer foi escribir sobre a idea do documental, que era o que quería contar e que persoas me parecían que debían contalo. Esa fase de preprodución, de conversas, lecturas e investigación, aínda me estaba a descubrir máis facetas da nosa poesía que eu non coñecía con detalle. Así fun confeccionando unha escaleta de contidos, xa que nos documentais non se traballa con guións pechados coma na ficción. As filmacións tamén determinarán como vai resultar a película. E nese primeiro proceso eu xa sabía que este tema había que contalo dun xeito atractivo e áxil, fuxindo de certos tópicos que se manexan de cotío neste tipo de producións. Así que me decidín a que tamén tiña que ser eu o director para controlar o resultado final. E para pechar o círculo de responsabilidades, sabía que o restante nivel de decisións e de risco tamén o tería que asumir eu. De feito, a miña formación no ámbito audiovisual é precisamente na faceta de produción. Convertín este documental nun proxecto persoal sen perder a perspectiva profesional coa que o asumía. A faceta que máis vertixe me producía era a de dirixir o documental, que para min era inédita. Asumina confiando no equipo do que me rodeei, que aínda que sendo pequeno, era dunha contrastada profesionalidade e que tivo moita implicación no proxecto. Aínda lembro a faciana de sorpresa da maioría deles cando lles contei por primeira vez que ía facer un documental sobre poesía. Inicialmente non tiñan o cenvencimento de que se puidera facer unha película atractiva falando de poesía, mais cando lles detallei como pretendía facelo, reaccionaron con moita ilusión. (…)”

Entrevista de Inma Otero Varela a Berta Dávila

Entrevista de Inma Otero Varela a Berta Dávila en Insula Europea:
“(…) – Insula Europea (IE): Un dos aspectos que se destaca da túa traxectoria é a faceta de poeta e narradora, moi compensadas desde o punto de vista da produción de textos de ambos xéneros e dos recoñecementos que obtiveron. Como consideras esta dupla perspectiva? Cres que afecta dalgunha maneira ao teu xeito de escribir?
– Berta Dávila (BD): Paréceme inevitable que afecte. Eu entendo a escrita literaria como un oficio, moitas veces como unha artesanía. O que quero dicir con isto é que teño unha relación case tanxible cos procesos de escrita, e tamén coa linguaxe ou coa metáfora como material de traballo. Iso é algo que vai máis alá do xénero literario, como se o xénero literario fose a fórmula ou o molde co que tratar o material. Tamén ocorre que os procesos de escrita, no meu caso, están moi relacionados cos espazos, tanto os domésticos como os da cidade. As imaxes, as ideas que se producen, as anotacións, os cadernos, os recortes, deposítanse nun lugar. De feito hai etapas nas que prefiro escribir fóra da casa para que os lugares nos que vivo non se contaminen do traballo literario. E tamén ao revés, claro. Escribín un poemario pendurando os textos nas paredes do corredor porque eran moitos textos para xestionalos só na cabeza e tamén porque precisaba telos presentes, rodeándome, para pensar neles. Desde ese punto de vista, na mesa de traballo as cousas que un fai contamínanse materialmente unhas a outras. Así que, dalgunha maneira, as miñas novelas poden conter, inevitablemente, trazas do meu traballo poético. E tamén ao revés. Paréceme que a miña narrativa é máis interesante que a miña poesía, que é algo co que eu non contaba cando comecei a escribir poesía e a narrativa non estaba nin sequera en proxecto. Porén, hai ferramentas da poesía que son moi útiles para min á hora de facer narrativa: a condensación, a imaxe, usar unha parte para falar dun todo. Nos últimos anos escribín algúns poemas que penso que poden xuntarse nun libro de poemas, pero non teño claro que ese libro sexa un poemario como tal, un libro enteiro, e paréceme que me fun convertendo nunha poeta de poemas e non de poemarios, algo que ten moito que ver coa miña faceta de narradora. A narradora non concibe que haxa que dicir algo utilizando moitas unidades de significado separadas e independentes que conflúen para conformar ese algo que se di (como son os poemas dentro dun poemario) senón que tende a pensar en facelo nunha soa unidade, curta ou breve, de sentido completo (como é a novela ou o relato). Non sei se isto se entende. Os capítulos dunha novela non son equivalentes aos poemas dun poemario porque non son independentes uns dos outros. Os poemas son unidades completas. Unha novela cabe, ou debería caber, nun poema só.
– IE: A crítica ten sinalado respecto á túa obra o coidado na elaboración das imaxes, mesmo nos textos narrativos, a preocupación pola lingua e a creación de ambientes; de espazos e dos seus “obxectos exquisitos”, por empregar unha expresión de Carrusel, que reforzan a beleza e a dor. Que función ten esta procura estilística constante?
– BD: Para min non é unha procura estilística. Creo que ten que ver coa miña forma asombrada de ollar o mundo e a vida e que non é algo que se circunscriba só a cando observo o que me rodea coa pretensión de facer literatura. A idea de beleza ou de dor, ou a idea do que é sublime e do que é miserable, son todas cousas que nacen antes da literatura, non é que a literatura pretenda tratar, recrear ou reconstruír a beleza ou a dor senón que a dor e a beleza queren ser expostas ante alguén, nun momento dado, a través da literatura. Supoño que non conseguiría explicalo ben por máis que me esforzase e que, a priori, parece non haber diferencia entre os dous enunciados que veño de opoñer, pero para min o artefacto que é a literatura serve en todos os casos a un significado último que case sempre ten moito que ver con comunicar a emoción precisa. Na miña literatura non hai unha sublimación do mundo que o volva literario nin unha conceptualización pretendida do sinxelo e do común para abismarse, a través diso, a temas elevados. É que o sinxelo e o común decote me asombran e iso ten, en si mesmo, un significado fermoso. En Carrusel, por exemplo, cando a nena se fascina coa fraxilidade e a beleza dunha figura de cristal, a figura de cristal non é necesariamente unha metáfora construída para explicar a fraxilidade da nena e a característica do efémero como depositario do precioso. Non hai unha vontade de crear a figura de cristal para explicar esas cousas senón unha descuberta de que a figura de cristal da que se quere falar as representa. E así as palabras axeitadas para contalo son tamén descubertas. (…)”