Lugo: X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia, o 21 de outubro

A X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia, que terá lugar o 21 de outubro, é unha actividade da AELG, co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

Somos singulares porque cadaquén temos reservado en exclusiva un nome e uns apelidos; sabemos onde andamos e vivimos, o lugar que ocupamos no universo, porque pisamos territorios nomeados. Relacionámonos case exclusivamente con palabras que son consecuencia de ideas, pensamentos e accións verbalizábeis. Moitas veces este vivir acelerado fai que, sen decatarnos, esquezamos, que borremos da memoria a música de moitas das palabras que foron arrolo no berce das nosas vidas.
Para recuperar e actualizar esa memoria, nesta décima edición da Xornada de Literatura de Tradición Oral –da man de coñecidas/os especialistas en toponimia, onomástica, lexicografía ou fraseoloxía–, decidimos evocar a memoria das palabras que, tanto se as usamos coma se non, aínda están impresas no noso mapa emocional. Porque unha parte decisiva da nosa persoal e particular historia está rexistrada na alma das palabras.

Hai dúas modalidades de inscrición, ambas gratuítas e ambas até o 19 de outubro de 2017 (inclusive):
– 1. O profesorado do ensino non universitario e futuros/as ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título homologado pola Consellaría de Educación (8 horas), deben inscribirse na web da AS-PG: http://www.as-pg.gal/Xestion/Curso/EncontrarCursos.do?identifierType=CURSO_ID&identifier=411.
– 2. Aquelas persoas que non se atopen entre as destinatarias poderán asistir á xornada e, anotándose previamente en oficina@aelg.org, recibir un diploma de asistencia emitido pola AELG. Indicarase na mensaxe o nome completo e o número do documento de identidade.
A matrícula é preferente para Socias-os da AELG e da AS-PG.
A entrada é libre.

Con esta iniciativa da súa Sección de Literatura de Tradición Oral, a Asociación quere dar continuidade a unha colaboración coa Deputación de Lugo que pretende darlle a importancia que merece a esta parte fundamental da literatura e que axuda a converter a capital lucense nun referente neste ámbito. A xornada será o sábado 21 de outubro de 2017 e terá lugar no Salón de Actos da Deputación de Lugo.
Contaremos coas/cos relatoras/es Xulia Marqués Valea, Gonzalo Navaza, Isidro Novo, Mª Rosario Soto Arias, e mais cun faladoiro con Xesús Antón Gulías (investigador), Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema (canteiros), no seguinte programa:

10:15 Recepción, entrega de material e inauguración
10:30-11:30 Conferencia
Os sinais de identidade na tradición oral: breve achegamento dende o sistema antroponímico galego
11:30-12:30 Conferencia
Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio
12:30-14:00 Mesa redonda
Saber o seu nome sen perder a súa voz
Xulia Marqués Valea e Isidro Novo.
Coordina: Antonio Reigosa
16:00-17:00 Conferencia
Presenza de valores antropolóxicos, etnográficos e míticos na fraseoloxía
17:00-18:00 Conferencia
Toponimia e lendas
18:00-19:30  Mesa redonda
O abecé do noso ADN simbólico-cultural
Mª Rosario Soto Arias e Gonzalo Navaza.
Coordina: Isidro Novo
19.30-20.30 Sesión práctica
Palabras con misterio: O Latín dos canteiros
Faladoiro con Xesús Antón Gulías (investigador), Marcos Escudero, Xabier Quijada e Faustino Santiago Lema (canteiros).

 

Obxectivos

  • Achegar ao profesorado coñecementos para o seu traballo na aula en relacion coa cultura popular tradicional.
  • Facilitar un foro de reflexión útil ao profesorado para comprender os valores da nosa cultura tradicional.
  • Incidir en prácticas e coñecementos que posibiliten o desenvolvemento de habilidades cognitivas en relación coa cultura popular.

Contidos

  • As Palabras con Memoria na Literatura de Tradición Oral (palabras esquecidas, toponimia relacionada coa mitoloxía popular, antropónimos, hidrónimos….)
  • Busca e identificación das Palabras con Memoria.
  • Explotación didáctica transversal das Palabras con Memoria, con especial incidencia nos contidos de Literatura de Tradición Oral.

Crónica fotográfica da Letra das Festas 2017

Estas son algunas das fotografías da edición de 2017 de Letra das Festas. Historias e anécdotas do pulpo -tamén chamado polbo-, que tivo lugar o pasado 10 de outubro en Lugo. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Lugo: Letra das Festas: Historias e anécdotas do pulpo -tamén chamado polbo-, o martes 10 de outubro

Letra das Festas: Historias e anécdotas do pulpo -tamén chamado polbo- é unha actividade da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a colaboración do Centro Cultural Vello Cárcere.

Esta é a sétima edición desta revista oral que ten lugar polo San Froilán, que terá lugar no Salón de Actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Rúa Alcalde Anxo López Pérez, 34), en Lugo, o martes 10 de outubro, ás 18:00 horas. A entrada é de balde.

Contan:

  • Fernando Arribas
  • Xosefa Anllo Fernández
  • Aida Soengas
  • Aurora do Carballiño
  • Amador Porta Alfonsín

Ambientación musical:

Coordinan e presentan:

Monforte: actos destacados da Feira do Libro no sábado 26

O sábado 26 de agosto finaliza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

13:00 h. Isidro Novo asina exemplares de O tabú na traslenda, publicado por Urco, na caseta da secretaría.
13:00 h. Presentación de Camiños na sombra, de Xián Lois Alcayde Dans, publicado por Fervenza.
18:00 h. Contacontos e presentación de Gombó e o medo á escuridade, de Ánxela Gracián, con ilustracións de Christian Villamide, publicado por Fervenza.
19:00 h. Presentación das actividades do colectivo Lemos Le, relacionadas co fomento do libro e da lectura ao longo de cinco anos de andaina (2012-2017).
19:00 h. Estefanía Padullés asina exemplares das súas obras na caseta da Libraría Agrasar.

Viveiro: actividades destacadas do sábado 12 e domingo 13 na Feira do Libro

O sábado 12 comeza a Feira do Libro de Viveiro (nos Xardíns de Noriega Varela, de 12:00 a 14:30 horas e de 18:00 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para eses días (o sábado 12 só en horario de tarde):

Sábado 12
19:30 h. Pregón a cargo de Vanesa Santiago.

Domingo 13
12:30 h. Cantigas e historias musicadas, con Servando Barreiro.
19:00 h. Isidro Novo asina exemplares de O tabú na traslenda, publicado por Urco, na caseta da Libraría Gato Neghro.
20:00 h. Presentación de O xogo de Babel, de Elena Gallego Abad, publicado por Xerais. No acto estará acompañada por Miguel Sande.

Feira do Libro de Mondoñedo: actividades literarias destacadas do mércores 26

O mércores 26 de xullo finaliza a Feira do Libro de Mondoñedo (na rúa da Fonte), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

18:30 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.
19:30 h. Presentación de Celebración de Mondoñedo, de Antonio Reigosa, publicado por Embora. No acto participan, xunto ao autor, Elena Candia, Fran Bouso, Isidro Novo, Xosé Vizoso e Miguel Toval.
20:30 h. Presentación de O tabú na traslenda, de Isidro Novo, publicado por Urco. No acto participan, xunto ao autor, Antonio Reigosa e David Cortizo.

Isidro Novo: “Hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós”

Entrevista de Montse Dopico a Isidro Novo en Praza:
“(…) – Praza (P): O personaxe de O tabú na Traslenda é un represaliado da guerra civil… Mais o que nos contas non vai moito por aí.
– Isidro Novo (IN): É un útil, nada máis. En realidade, é unha novela coral que fala doutras cousas, coma os milagres. Porque, quen sabe se existen ou non? Tamén hai unha Moura, pero é atípica. En realidade, o tema de fondo é a aldea e o seu futuro. Se cadra, a aldea ten que ser outra: con outros cultivos, quizais sen gandería… (…)
– P: O libro manifesta optimismo de cara ao futuro do rural galego, salienta a editora. Por que?
– IN: Aparece a Galicia futura, si. Eu son optimista no sentido de que penso que hai que volver á aldea, pero non para vivir coma nosos pais ou nosos avós. Agora hai xente moi preparada, que foi á Universidade e que pode crear proxectos moi interesantes, aos que ademais agora con internet é moito máis doado dar visibilidade. A novela sitúase no presente, pero tamén leva ao pasado, ao tempo da guerra, e ao futuro. Respecto do futuro, podería servir de imaxe a historia do carteirista que se reconverte en mago. Galiza ten que reencontrarse, sobre todo no rural. A miña visión é optimista, pero tampouco presento unha Galicia rural idealizada. Penso que temos que volver á aldea porque a vida na cidade rebenta, vai a menos e ten que ir a menos. (…)
– P: Comparando CO2 cos teus anteriores poemarios, parece que este está máis traballado, no verso e na lingua.
– IN: Se cadra está máis mastigado, pero saíu dun xeito moi fluído. Acababa un e comezaba outro. Iso non é que che veña a inspiración e escribas todo sen esforzo ningún, pero ás veces sae así. Estou satisfeito co resultado. O título é moi global. Caben moitas cousas nel. Na poesía ás veces escribo cousas moi apegadas á realidade e noutras busco máis transfundo, retranca. E retranca non é ironía. É unha vía diferente. Despois, falo de moitas cousas: a física cuántica, os mundos paralelos… Eu entendo a poesía como os estados da materia. A poesía sólida é a popular, tradicional, que sostén a cultura, pero que se cadra presenta máis habilidade verbal que calidade dos argumentos. A poesía líquida lévate máis alá. Está de moda e haina boa, pero tende a repetirse. A gasosa pode disparar por calquera lado, e é coa que me identifico.
– P: Hai moitos temas. A marxinalidade volve aparecer. Ou a verdade.
– IN: Hai unha crítica á sinceridade, porque penso que está sobrevalorada no sentido de que calquera pode dicir calquera barbaridade que lle era mellor gardar. Despois, hai cousas que poden parecer escuras, pero non é tanto así. Por exemplo, o poema ‘EA’ fala de alzheimer. A verdade é outra cousa. É necesaria, e queda tapada polo politicamente correcto. (…)”