Arquivos da etiqueta: Ismael Ramos
Pontevedra: Vermú entre libros con María do Cebreiro
Carlos da Aira, gañador da VIII edición do Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey
“Na
tarde do 28 de novembro tivo lugar na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela a xuntanza do xurado que decidiu o VIII Premio Manuel Lueiro Rey de Poesía, constituído por Luís Cochón, en calidade de presidente (que participou da deliberación vía telefónica), e mais os vogais Antón Lopo, Ismael Ramos, Mercedes Queixas e Armando Requeixo, amais de por Carmen Carreiro, presidenta da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe, que actuou como secretaria con voz e sen voto.
Logo dunha longa e intensa deliberación, o xurado decidiu outorgar por maioría de votos o premio ao poemario presentado baixo o título A guerra era contra nós, texto que se impuxo aos outros trinta e nove traballos presentados e que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Carlos Da Aira Fernández.
O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática. O certame, que chega agora á súa oitava convocatoria, consolida así a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e mais a Edicións Xerais de Galicia, responsable da publicación do volume gañador, que será presentado publicamente a comezos do vindeiro mes de abril, en data coincidente co natalicio de Lueiro Rey, nun acto de entrega do premio en Fornelos de Montes.
O xurado estimou en A guerra era contra nós o admirable dominio do poema en prosa, a forza das imaxes e o tempero na dicción, que conforman un discurso harmónico e de forte equilibrio interno. Tamén salientou a coherencia na ollada da voz poética, que reflexiona crítica e reveladoramente sobre a condición humana e a súa circunstancia.”
(Foto do autor: Demian Ortiz).








