Pontevedra: Festival Internacional de Poesía de Pontevedra, PontePoética 2019

Xosé Manuel Sánchez Rei: “O galego popular presenta unha hibridación alarmante”

EntrevistaXosé Manuel Sánchez Rei 2 de Manuel Vilas a Xosé Manuel Sánchez Rei en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Que motivos os levaron a decidir publicar un libro [Modelos de lingua e compromiso] que reflexiona sobre a calidade do idioma e a súa normalización?
– Xosé Manuel Sánchez Rei (XMSR): Ben, é unha moi boa pregunta porque demanda ser respondida de varias formas. En primeiro lugar, o libro nace da necesidade de subliñar, contra o que parecen pensar algunhas persoas, que non pode haber unha normalización real da lingua partindo dun modelo hibridizado ou barbarizado a respecto do español, pois esa mestura en si propia supón unha das principais ameazas para a sobrevivencia do galego, xunto á substitución, que é a outra cara da medalla da desaparición do idioma. En segundo lugar, no marco do sempre necesario debate científico-académico, as autoras e autores desta obra propomos outra visión do que debe ser obxecto de promoción da lingua para a súa normalización, xa que non acreditamos en que facendo uso dunha variedade fortemente erosionada se contribúa nin para a recuperación externa do galego (no uso social) nin para a interna (a limpeza de elementos foráneos desnecesarios, adoito provenientes do español). E en terceiro lugar, trátase de devolver ao pobo galego, que ten e tivo o honroso mérito de conservar o idioma, a súa propia lingua destonada na medida do posíbel de hibridacións que só a danan e asentado na tradición galego-portuguesa. Obviamente, en todo este proceso, muda o grao de responsabilidades: corresponde ás persoas con proxección pública (políticos, xornalistas, autoridades académicas, profesorado, investigadores da lingua etc.) daren exemplo cunha boa praxe pública da lingua; non se pode exixir a quen que non tivo a oportunidade de estudar galego que o utilice na súa vida diaria como o debe facer unha persoa neses ámbitos públicos. (…)
– GC: Como pode influír a introducion do portugués como optativa no ensino medio na visión que os mozos teñen da lingua?
– XSMR: O pobo galego está nunhas óptimas condicións para se aproveitar da proxección internacional da súa propia lingua, chamada “portugués” fóra da Galiza; por iso, cunha boa didáctica e unha adecuada praxe do ensino da norma portuguesa, penso que a mocidade podería mellorar a súa percepción do galego se soubese a poderosa axuda que pode ser ter plena consciencia de que o galego é falado por máis de 200 millóns de persoas no mundo.
– GC: Por que consideran que a calidade do galego está vencellada coa súa popularización? Un galego máis culto e menos ‘popular’ limitaría ou axudaría a sua adopción polos máis novos?
– XSMR: As autoras e os autores do libro somos da opinión que a expansión social do galego a través da súa recuperación de usos se acha intimamente unidade a un modelo de lingua digno, xa que dificilemente se pode normalizar unha variedade fortemente influída polo español. Ao mesmo tempo, a lingua debe contar con varios rexistros para ser empregada en contextos ben diferentes e aí teñen cabida tando as variedades máis formais canto as máis populares. Mais ao falarmos de tipos de galego máis populares non estamos a nos referir a variedades coloquiais grandemente interferidas polo español, mais a rexistros populares, claro, aínda que destonados de formas tiradas do castelán. Pode haber unha lingua máis popular que a do cancioneiro anónimo tradicional? Pois ben, xa no século XIX os eruditos que se dedicaron á súa compilación, como Saco Arce ou Pérez Ballesteros, eran plenamente conscientes de que os cantos tradicionais tiñan algúns elementos bárbaros, normalmente lexicais, e ocupáronse moi ben de, nas súas posibilidades, os identificaren. (…)”

A Coruña: actos do mércores 20 de marzo en CoruñaMayúscula

O mércores 21 de marzo, no Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n.) da Coruña, e dentro do programa CoruñaMayúscula, terán lugar as seguintes actividades con presenza galega:
11:00-12:00 h. No Auditorio, recital poético de Antía Otero, Gracia Iglesias e Antón Castro.
19:30 h. Na Aula 9, mesa redonda co título Poesía, futuro, coa presenza de José María Paz Gago, Yolanda Castaño e Guillermina Royo-Villanova.
20:30 h. Na mesma Aula 9, combate verbal entre Manuel Vilas e Camilo Franco.
22:00 h. Recital 11×6. Participan Sofía Castañón, Antón Castro, Estevo Creus, Gonzalo Escarpa, Estíbaliz Espinosa, Eduardo Estévez, Gracia Iglesias, Elena Medel, Antía Otero, Ángel Petisme e Estelle Talavera Baudet, presentados por Pedro Ramos.