Desde El Correo Gallego:
“O xurado do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela emitíu o seu fallo, tras celebrar a reunión na Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Nesta ocasión, os gañadores, elexidos por maioría, foron José Manuel Bértolo e Luis M. Ferro, por unha serie de catro artigos (Casa de Vilancosta. Berres, Casa e Capela dos Reimóndez Figueroa en Castrotión, Nas orixes de Rosalía de Castro e Novas aportacións á Torre de Guimarei), publicada en dous xornais.
O xurado, presidido pola xerente da fundación estradense, Mercedes Cuíña, estivo composto por Juan Manuel Constenla Carbón, Juan Andrés Fernández Castro, Victoria Reimóndez Sanmartín, María del Carmen Vieites Conde, e José Manuel Bouzas, que fixo as veces de secretario.”
Arquivos da etiqueta: Juan Andrés Fernández Castro
María Xosé Lamas gaña o premio Arume 2013 de poesía para nenos
Desde La Voz de Galicia:
“A profesora, escritora e actriz natural da localidade lucense de Vilalba, María Xosé Lamas Fernández, foi a gañadora da sétima edición do Premio Arume de Poesía para Nenos. O xurado deste certame literario reuníase o pasado martes en Gres para fallar un galardón que está dotado con 600 euros en metálico e a publicación da obra por Edicións Embora. O poemario gañador leva por título Cantigas para aprender a soñar.
Nesta edición foron doce os traballos presentados a concurso. O xurado que fallou o galardón estivo presidido por Xosé Neira Vilas, integrado por Juan Andrés Fernández Castro, Rosalía Morlán e Luís Reimóndez, en calidade de secretario. O acordo foi unánime, pero tamén se considerou oportuno outorgar varias mencións de honra dada a calidade dos traballos presentados. En concreto foron para Cando as follas voan, de Antón Cortizas, O libro dos medos que non o son, de María Canosa, e Versos e bicos, de Xosé Luna. María Xosé Lamas exerce como docente en Vilalba e conta cunha importante obra escrita, ademais de conseguir diferentes premios e destacar no seu labor a valor do teatro afeccionado. A entrega dos premios terá lugar o día 15 de decembro, a partir das 17.00 horas, na Fundación Xosé Neira Vilas.”
Diana Varela gaña o Premio Estornela de Teatro para nenos
Desde Fervenzas Literarias:
“O xurado do Premio Estornela de Teatro para nenos, reunido en Gres (Vila de Cruces) acordou fallar a VII edición de dito premio en favor de Diana Varela Puñal, pola súa obra Arlequino Viceversa. A decisión do xurado foi unánime.
Da obra gañadora os membros do xurado, composto por Xosé Neira Vilas (presidente), Juan Andrés Fernández Castro e Luís Reimóndez (secretario), apreciaron o ben logrado movemento escénico, a amenidade da trama, o léxico rico e asequible, a alusión á cultura popular (entroido, filloas, etc), a cordial relación interxeracional e a transmisión de valores humanos integrada no seo da familia, así como a relación cordial entre nenos e nenas.
Dada a calidade das obras presentadas, o xurado considerou oportuno conceder mencións de honra ás obras A fraga das árbores das palabras, de Carlos Labraña e O corazón do bosque, de Lino Braxe.
A entrega dos premios terá lugar na Fundación Xosé Neira Vilas o próximo domingo 16 de decembro ás 17:00 h., nun acto no que participará o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero e o propio escritor Xosé Neira Vilas. Haberá unha representación escénica a cargo do coñecido actor vigués Cándido Pazó.”